Ir al contenido principal

3 Domingo TO 2020

BENAVENTURADAS AS PERSOAS QUE ESCOITAN E CUMPREN A PALABRA DE DEUS

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)
  • LECTURAS: A túa Palabra (Nº 25)
  • OFERTORIO: Ti es camiño e verdade (Nº 57)
  • COMUÑÓN: Eu soñei (Nº 58)
OLLOS ABERTOS
Hoxe celebramos, por vez primeira en toda a Igrexa, o Domingo da Palabra de Deus. Esta xornada, instituída polo Papa Francisco o pasado mes de setembro, lémbranos que o Resucitado segue camiñando no medio da súa comunidade, explicando as Escrituras coa súa vida e coa súa palabra, e convidándonos a todas e a todos nós a implicarnos na tarefa de anunciar o Evanxeo e construír Reino.
Do mesmo xeito que Xesús se trasladou cara ás fronteiras de Galilea para converterse en luz e alegría, do mesmo xeito que Paulo foi máis alá dos límites do xudaísmo, tamén nós somos convidadas e convidados a saír das nosas zonas de conforto e camiñar cara ás periferias existenciais para levar a Boa Nova a todas as persoas. E iso só poderemos facelo se somos quen de poñer o Evanxeo no centro das nosas vidas, das nosas comunidades e das nosas tarefas.
PRECISANDO DA TÚA MISERICORDIA
  • Ti, Palabra encarnada, SEÑOR, QUE ESCOITEMOS A TÚA VOZ.
  • Ti, Palabra viva, CRISTO, QUE ESCOITEMOS A TÚA VOZ.
  • Ti, Palabra creadora, SEÑOR, QUE ESCOITEMOS A TÚA VOZ.
PÉS NO CHAN
Xudea e Galilea son incompatibles. Xudea persegue a Xesús, calúmniao, intenta silencialo e, como non pode, mátao. En Xudea están os sabios, os cumpridores da lei, os poderosos, os que non poden soportar a quen proclama que tod@s somos fill@s de Deus, que non é a lei senón o Espírito o que xustifica; que non é o que se come ou se toca o que nos converte en impuros, senón o que pensamos, desexamos e sentimos; que non se fixo o home para o sábado, senón o sábado para o home; que o templo espléndido e brillante quedará baleiro e sen sentido; que Deus é un Deus cercano e próximo que espera a quen se foi do seu lado. Xudea é a institución, e séntese en perigo coa doutrina revolucionaria do Fillo de Deus. Xudea é a seguridade, a norma... e para gardala sen fisuras, non dubidará en eliminar a Xesús.
Galilea é a antítese. É o risco, a aventura, o reino que ten o amor como única norma a seguir. En Galilea comeza a aventura da salvación e desde alí Xesús chama aos seus primeiros discípulos á beira do lago. En Galilea Xesús chama e alí atopa persoas sinxelas que, sen saber moi ben a que se comprometían, deixárono todo e marcharon con el.
Hoxe tamén existen pequenas ou grandes xudeas e galileas. Hoxe tamén está a Xudea na que reina o dogmatismo, a intransixencia, o cumprimento estrito da lei; hoxe tamén están as persoas que o saben todo, seguras de todo, que pesan e miden os seus actos, contabilizando o debe e o haber; persoas que cren ter asegurado o fin feliz das súas vidas.... porque fixeron o mandado...
E está tamén Galilea. Alí non hai tanta ortodoxia nin tanto dogmatismo.... pero si que haberá misericordia. A persoa comprenderá e axudará a quen queda rezagado no camiño, mesmo a quen dubida e non está seguro. A persoa de Galilea comprenderá á muller adúltera e ao fillo pródigo; farase preguntas coma a muller samaritana na beira do pozo; intentará ser samaritana do amor, axudando a quen está caído, comprendendo a quen se sente só, levando a esperanza, o sorriso e a tenrura que veñen de Deus a tanta xente que vive na escuridade e na dor.
Hoxe, nesta primeira xornada do Domingo da Palabra de Deus, nós que temos descuberto a luz que Deus nos trae, cómpre que deixemos a Xudea artificial e subamos cara á Galilea que nos invita a descubrir a Deus lendo os sinais dos tempos, pois non debemos esquecer o que nos di Xesús: “Benaventuradas as persoas que escoitan e cumpren a Palabra de Deus”.
FRATERNIDADE ORANTE
Rezamos agora xunt@s a Deus presentando a oración comunitaria e dicindo:
QUE A TÚA PALABRA, SEÑOR, SEXA GUIEIRO NA NOSA VIDA
Para que todas as persoas bautizadas, que formamos a Igrexa, deixemos que a túa Palabra alumee as nosas tebras, cuestione a nosa vida, sacuda a nosa rutina e alente o noso camiñar, OREMOS. 
QUE A TÚA PALABRA, SEÑOR, SEXA GUIEIRO NA NOSA VIDA
Por todas as persoas bautizadas, chamadas a transmitir a Palabra de Deus, para que sempre teñamos os ollos abertos, os oídos á espreita, os pés no chan e o corazón enchoupado de misericordia, pois só así seremos quen de ler os sinais dos tempos, OREMOS.
QUE A TÚA PALABRA, SEÑOR, SEXA GUIEIRO NA NOSA VIDA
Para que a través da súa Palabra sexamos quen de descubrir, coñecer e querer a quen é Boa Nova para as persoas pobres, luz para as persoas cegas, liberdade para as persoas oprimidas, OREMOS.
QUE A TÚA PALABRA, SEÑOR, SEXA GUIEIRO NA NOSA VIDA
Pola nosa diocese de Tui-Vigo e pola nosa comunidade cristiá, para que todas as súas iniciativas e proxectos pastorais busquen levar a luz, o sal e a ledicia do Evanxeo a todos os recunchos da nosa sociedade, OREMOS.
QUE A TÚA PALABRA, SEÑOR, SEXA GUIEIRO NA NOSA VIDA
Acolle canto hoxe, Señor, poñemos ao teu abeiro, coa confianza de que nos vas acompañar nesta tarefa de converter a túa Palabra en forza para o camiño da vida. P.X.N.S. Amén. 

MIRADA ESPERANZADA
Grazas, Xesús,
por aquela decisión túa
de poñerte a andar por vilas e aldeas
para dicirlles a todas as persoas
que Deus petaba na súa porta.

E ti críalo firmemente,
intuías a Deus rebulindo no cansazo do pobo,
na esperanza de dignidade que se agochaba
en cada home ou muller que soñaba con algo novo,
para si, para as súas fillas, para os seus fillos,
para o seu pobo.

Grazas, Xesús,
porque te atreviches a dicir,
no medio de tanta relixión vella e asoballante,
que Deus sabía a graza e a liberdade,
a festa e a ledicia,
a novo,
a pan e a abundancia para todas as persoas,
a revolución e a irmandade.

Grazas, Xesús,
porque non falabas de memoria,
porque Ti mesmo sentías o que falabas,
porque Deus Nai-Pai era para Ti todo iso e moito máis.

Grazas, Xesús.
A túa historia é, pode ser, hoxe, a nosa historia.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...