Ir al contenido principal

Pentecoste 2021

  

FAGAMOS POSIBLE QUE O ALETEXO DAS ÁS DO ESPÍRITO AFASTE O NOSO PESIMISMO

CANTO GOZOSO

ö ENTRADA: Que ledos hoxe estamos (Nº 5)

ö LECTURAS: Manda o teu Espírito (Nº 126)

ö OFERTORIO: Recibe Señor (Nº 31)

ö COMUÑÓN: Non vou só (Nº 60)

ABRINDO O CORAZÓN

Cincuenta días despois do domingo de resurrección, chegamos ao remate do tempo de Pascua: Pentecoste. Tempo para reinventarnos, ilusionarnos e sentir a ledicia de ser comunidade, de non caiñar sos, de sabernos compartindo un mesmo proxecto, o de Xesús, desde culturas, linguas, países e situacións vitais distintas. Pero sempre deixándonos levar da forza e do aléiteo do Espírito como impulsor das nosas presenzas e do noso camiñar cotián.

Hoxe chegamos ao remate deste tempo pascual, pero a vida segue. Xesús non nos deixa. Esforcémonos para que non sexamos nós os que nos imos afastando del.

UN CORAZÓN MAGOADO

û  Para que non deixemos que o desánimo nos roube a esperanza; SEÑOR, QUE SUPEREMOS OS NOSOS DESACOUGOS.

û  Para que superemos a tentación da rutina; CRISTO, QUE SUPEREMOS OS NOSOS DESACOUGOS.

û  Para que non nos ergamos cada día co sentimento de persoas derrotadas; SEÑOR, QUE SUPEREMOS OS NOSOS DESACOUGOS.

QUE ESCOITA A PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

Cando se cumpriron os días de Pentecoste, estaban todos xuntos no mesmo sitio. De súpeto, veu do ceo un ruído coma dun forte golpe de vento, que encheu toda a casa onde estaban; e apareceron talmente coma linguas de lume, que, repartidas, foron pousando unha sobre cada un deles. Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles concedía o Espírito.

Había daquela en Xerusalén xudeus piadosos de tódalas nacións da terra. O se producir aquel estrondo, xuntouse a xente e ficou moi desconcertada, porque cada un os sentía falar na súa propia lingua. Pasmados e admirados, dicíanlles uns a outros: "¡Olla! ¿E todos estes que están aí a falar non son galileos? ¿E logo como é que os sentimos falar cada un de nós no noso propio idioma nativo? Partos, medos, elamitas, xente da Mesopotamia, Xudea, Capadocia, Ponto, Asia, Frixia e Panfilia, do Exipto e da parte de Libia contra Cirene, forasteiros romanos tanto xudeus coma prosélitos, cretenses e árabes, sentimos falar nas nosas linguas das grandezas de Deus".

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN

Naquel día, o primeiro da semana, ó serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús, e, poñéndose no medio, díxolles:

-       Paz convosco.

Dito isto, mostróulle-las mans e mailo costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. El díxolles outra vez:

-       Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.

E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:

-       Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoéde-los pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos. 

PALABRA DO SEÑOR

NA BUSCA DA SÚA QUENTURA 

§  Dinos a primeira lectura que sentiron un forte estrondo, que algo moi forte estaba a pasar. Non sabían o que, por iso estaban á espreita. Mais non tardaron moito en darse conta de que os efectos daquel estrondo eran os de sentir unha forza que os remoía por dentro e os chamaba a saír e dicirlle aos que estaban fóra canto Xesús supuxera para eles. E non tardaron en facelo; non se deixaron vencer polos medos; non quedaron parados nas súas dúbidas nin nas súas desconfianzas. Saíron fóra e rapidamente se fixeron entender, porque a súa linguaxe non enfrontaba, non creaba violencia, non supuña separación nin desconfianza. Por iso aos que os escoitaban non lle chegaban só palabras: os xestos que eles manifestaban dábanlles a paz e a tranquilidade para prestarlles atención e deixarse acoller. Pensemos no que pasou esta semana en Ceuta. As imaxes móstranos rapazada asustada, desconsolada, desubicada. O que buscaban eran xestos de humanidade acolledora; e ben que os tiveron! persoas voluntarias das Ongs e os gardas acolléronos, axudáronnos, déronlles as apertas que o susto e o desconcerto lles quitaran. Sentir nesa situación calor humano das persoas que non buscan vinganzas políticas nin presionar abrindo cancelos, convértense en presenza do Deus ao que cada día lle rezamos e desde o que descubrimos que o amor sempre é máis forte que a dor e o engano. Pentecostes é saber abrir os brazos para acoller a persoas, irmáns e irmás, que buscan neste difícil mundo atopar acollida liberadora. A acollida de Xesús. 

§  Como fixeron aqueles cristiáns da primeira hora cando sentiron a forza da presenza do Espírito, tamén nós recibimos a encomenda para saír e non ter medo de anunciar con xestos, iso si, porque as palabras sobran e están cheas de dobre sentido e engano. Anunciar a Xesús, a súa presenza e a súa continuidade, a través de cada un/ha de nós, anunciar que no mundo hai máis ben ca mal; máis capacidade para o encontro que para o enfrontamento. As palabras non poden ser nunca unha barreira nin un muro que enfronte. Tampouco o foron para aqueles seguidores de Xesús que se botaron a rúa, para compartir e celebrar, que Deus estaba alí; que a vida é tarefa compartida na que imos tendendo as mans e alentándonos no camiño. No mundo de hoxe precisamos moitos Pentecostes que acheguen, escoiten acompañen...; e poucas Babilonias que se desentendan, que acusen, xulguen, impoñan e se crean con capacidade de  dicir onde están os bos e onde os malos; quen o pode ter todo, e quen ha estar, de por vida, en perpetua condena de miseria e empobrecemento. Esforcémonos logo por ser construtores de Pentecostes no aquí e agora da nosa realidade cotiá.

§  Todo o anterior lévanos a posicionarnos. Xa pasou o tempo de poñernos de canto (“perfil”), como se a realidade, o que nela pasa, non fose con nós. Temos que saber onde queremos estar e por que queremos estar aí. Da elección que fagamos vai depender a nosa felicidade e tamén a capacidade de poder levar esa nosa felicidade a quen non a ten; ao estilo de Xesús. Un estilo que é de paz e alegría, como nos di o evanxeo de hoxe. Poñámonos en camiño e non deixemos escapar esta oportunidade que, unha vez máis, se nos ofrece a todas e todos nós.

COA FORZA DA ORACIÓN DA COMUNIDADE

Desde a forza do Espírito Santo que sempre nos acompaña oremos comunitariamente dicindo: 

VÉN, ESPÍRITO SANTO

·      Para que a Igrexa saiba tomar posición sempre a favor das persoas desfavorecidas do noso mundo, OREMOS.

VÉN, ESPÍRITO SANTO

·      Para que nas nosas comunidades non nos poñamos nunca de canto ante as situacións de necesidade que vaiamos coñecendo, OREMOS.

VÉN, ESPÍRITO SANTO

·      Para que na nosa vida sintamos a alegría de saber que seguir a Xesús, vai deixando pouso de sinxeleza, xenerosidade e humanidade liberadora nos nosos corazóns, OREMOS.

VÉN, ESPÍRITO SANTO

Que a forza do Espírito Santo vaia achandando as dificultades coas que nos imos atopando no camiño de cada día. P.X.N.S. Amén.

 

PARA CAMIÑAR CON ESPERANZA

Grazas, Xesús, polo teu amor...

Todo o recibimos do teu amor, todo é agasallo teu,

todo é expresión da túa tenrura e da túa bondade infinita.

Grazas por darnos a vida, a túa mesma vida;

grazas pola nosa familia, a túa mesma familia;

grazas polas persoas compañeiras e amigas, a túa mesma amizade.

Ti regaláchesnos a primeira estrela, o primeiro átomo, o sorriso e o amor.

Ti regaláchesnos a primeira caricia da primavera.

Ti ensináchesnos o camiño, que conduce ao mellor de nós mesmos, de nós mesmas: o camiño que nos conduce ata ti.

Grazas, Xesús, polos infinitos detalles do teu amor. 

 (https://inmaculadamarin-oracions.blogspot.com/)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...