Ir al contenido principal

11 Domingo TO A 2026

NON VIÑEMOS SÓ ESCOITAR, VIÑEMOS SER RESPOSTA Á TÚA CHAMADA

CANTO GOZOSO

Entrada.- Con ledicia vamos todos ao altar (2)
Lecturas.- Escoita ao Señor (15)
Ofertorio.- Cantádelle ao Señor (31)
Comuñón.- Non vou só (60)

OLLOS ABERTOS

Benvidas e benvidos. Hoxe o Evanxeo tráenos un diagnóstico. Xesús non mira o mundo desde unha nube; mira o mundo de fronte e o que ve son masas de xente esgotada, persoas que xa non dan máis de si, xente que camiña sen norte porque a vida lle pasou por riba.
Non nos enganemos coa palabra "compaixón". É algo máis profundo que sentir mágoa, é esa sensación física, case dolorosa, que temos cando vemos unha inxustiza de preto e xa non podemos seguir facendo como se nada.
Hoxe estamos aquí porque, a dor de quen temos ao lado, da persoa compañeira de traballo, da que vive na rúa ou daquela máis débil e vulnerable móvenos as entrañas. Xesús hoxe chama por nos para lanzarnos a curar, a limpar e a dicirlle a quen xa tirou a toalla que outro xeito de vivir é posible.
Esta casa común non é un refuxio para esconderse do mundo, é o noso campamento base. Aquí viñemos buscar a folla de ruta para irnos complicar a vida polo ben das demais persoas. Se non saímos de aquí con esa necesidade de actuar, é que fixemos oídos xordos á súa chamada.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

Hai xente abatida esperando unha resposta que só nós podemos dar, e quedamos inmóbiles, por iso recoñecemos que: SEÑOR, A NOSA VIDA NON É TESTEMUÑO DA NOSA FE.
Hai feridas que só se curan con contacto, e preferimos manter as mans cruzadas por riba do peito ou metidas nos petos, por iso confesamos que CRISTO, A NOSA VIDA NON É TESTEMUÑO DA NOSA FE.
Hai chamadas que non escoitamos porque decidimos ter o volume da nosa comodidade demasiado alto, por iso somos conscientes de que SEÑOR, A NOSA VIDA NON É TESTEMUÑO DA NOSA FE.

PALABRA AGASALLADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

En chegando os fillos de Israel ó deserto do Sinaí, acamparon alí, ó pé do monte. Moisés subiu ó encontro de Deus, e o Señor chamouno desde a montaña, para mandarlle dicir ós descendentes de Xacob, comunicarlles ós israelitas:
- "Vistes como tratei ós exipcios, como vos levantei a vós sobre ás de aguia e vos acheguei a min. Se agora me obedecedes e gardáde-la miña alianza, seréde-la miña propiedade escolleita entre tódolos pobos, pois a terra é toda miña. Vós seredes para min un reino de sacerdotes, un pobo consagrado".

SALMO RESPONSORIAL

Señor, somos o teu pobo
Servide o Señor con alegría,
achegádevos con cántigas á súa presencia.
Señor, somos o teu pobo
Sabede que o Señor é Deus,
que El nos fixo e que del somos,
o seu pobo, o seu rabaño.
Señor, somos o teu pobo
Porque o Señor é bo.
O seu amor dura por sempre;
por xeracións a súa fidelidade.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS ROMANOS

Irmáns e irmás:
De certo, xusto cando nós aínda estabamos sen forzas, no tempo preciso, Cristo morreu polos impíos. Non é fácil, en verdade, que alguén queira morrer por un home xusto (anque por un home bo, quizais se atreva alguén a morrer); pero Deus demostróuno-lo seu amor no feito de que, sendo aínda nós pecadores, Cristo morreu por nós. Con máis razón logo, agora que xa estamos xustificados polo seu sangue, seremos por El salvos da ira. Porque, se cando eramos aínda inimigos, fomos reconciliados con Deus mediante a morte do seu Fillo, moito máis, xa reconciliados seremos salvos pola súa vida. Aínda máis: mesmo orgullosos estamos en Deus por medio do noso Señor Xesús Cristo, por quen agora recibímo-la reconciliación.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Vendo Xesús a multitude, sentiu unha fonda compaixón por ela, porque estaban todos derreados e esmorecidos coma ovellas sen pastor. Entón díxolles ós discípulos:
- A anada é ben boa, pero os xornaleiros son poucos; así que rogádelle ó dono da colleita que mande xornaleiros á súa ceifa.
E chamando ós doce discípulos, deulles poder para botaren os espíritos malos e curaren toda enfermidade e doenza. Estes son os nomes dos doce apóstolos: o primeiro Simón, chamado Pedro, e mais Andrés seu irmán, Santiago o do Zebedeo e mais Xoán seu irmán, Felipe e Bartolomeo, Tomé e Mateo, o recadador de impostos, Santiago o de Alfeo e mais Tadeo, Simón o Zelota e Xudas Iscariote, o mesmo que o entregou.
A estes doce mandounos Xesús con estas instrucións:
- Non vaiades a terra de pagáns nin entredes en vilas de samaritanos; ide máis ben ás ovellas perdidas da casa de Israel. E mentres camiñades proclamade que xa chega o Reino dos Ceos. Curade enfermos, resucitade mortos, limpade gafos, botade os demos fóra. E xa que de balde recibistes, dade de balde tamén.
PALABRA DO SEÑOR

PALABRA REMOÍDA

O selo que nos marca: No libro do Éxodo, Deus non chama a Moisés para darlle un cargo de responsabilidade, senón para sacalo á forza de onde estaba instalado. O pobo sofre, a escravitude non é un concepto, é carne viva, e Deus ten présa. Non hai tempo para reflexións filosóficas, nin para debates estériles; só hai tempo para baixar ao barro e romper as cadeas. Nós, en cambio, lemos isto coma se fose un capítulo de historia antiga, algo que pasou lonxe e a outra xente. Pero a realidade é que seguimos vendo ao noso redor, cada día, xente encadeada pola miseria, pola soidade ou polo descarte, e preferimos quedar sentados na nosa bancada, como se a cousa non fose connosco. Temos medo de perder a nosa estabilidade se nos achegamos demasiado á dor. Esta lectura non nos conta o que pasou hai miles de anos; vén aquí a sinalar a nosa covardía, a evidenciar como a nosa comodidade é, en realidade, unha forma de complicidade coa inxustiza que nos rodea. Mentres Deus berra a través de quen sofre, nós seguimos facendo como que non oímos nada. Pero Deus é moi claro no Éxodo: «Seredes a miña propiedade persoal». Imaxinade o que iso significa. Non somos un grupo de veciños que se xuntan para pasar o domingo, nin un club social onde nos sentimos cómodos porque pensamos todos igual. Somos a súa propiedade. Cando entendemos iso, a vida deixa de ser unha xestión de intereses propios. Xa non temos dereito a dicir que o que lle pasa ao veciño non nos toca. Deus non está sentado nun trono, senón no medio do sufrimento do seu pobo. Se dicimos que somos seus, pero vivimos instalados na nosa autorreferencialidade, estamos ocultando a marca que levamos.
A débeda que non podemos pagar: A veces tratamos a nosa fe como se fose un mérito, algo que nós logramos. Pero Paulo dános un baño de realidade que nos debería deixar sen palabras: «Deus demostrounos o seu amor en que, sendo nós aínda pecadores, Cristo morreu por nós». Non nos buscou porque fósemos bos, senón que nos chamou e nos amou cando non tiñamos nada que ofrecer. E aquí é onde a nosa fe se volve incómoda: se o amor de Deus foi radical e inmerecido, como podemos poñer límites ao noso? Como nos atrevemos a mirar a quen sofre e decidir se "nos compensa" ou "nos toca" axudar? A nosa fe non é un sentimento piadoso; é a resposta obrigada a un amor que nos salvou cando estabamos perdidos. Se non hai entrega aos demais, non hai resposta, só hai egoísmo disfrazado de relixión.
Unha chamada á acción: A escena do Evanxeo é puro movemento: Xesús mira, ten compaixón, chama e envía. «Curade, resucitade, limpade, expulsade demoños». Non di "mirade de lonxe", nin di "pedide que outros o fagan". O mandato é claro. Xesús quere mans, non espectadores. E cando di «de balde recibistes, dade de balde», está a dicirnos que o que tes na túa vida —a túa esperanza, o teu tempo, a túa forza— non é teu para que o gardes na caixa forte. É para que o gastes cos demais. Ser discípula e discípulo non é vir aquí a escoitar cousas bonitas; senón que é saír pola porta e atopar a quen necesita que lle devolvas a vida. Ou entendemos que a nosa fe é para ser entregada, ou non estamos seguindo a Xesús, estamos simplemente pasando o tempo.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Agradecemos comunitariamente que o Señor nos chame á misión evanxelizadora e dicimos:
GRAZAS, SEÑOR, POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU REINO
· Damos grazas pola Igrexa, que nos saca da nosa comodidade para poñernos a servir, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU REINO
· Damos grazas por ser parte dun grupo, a nosa comunidade parroquial, que nos obriga a mirar a quen temos ao lado, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU REINO
· Damos grazas porque nos chamas polo noso nome para convidarnos a compartir os talentos cos que nos bendices para o ben común, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU REINO
Señor, que estas peticións non sexan só palabras. Que nos leven a facer algo real hoxe mesmo. Por Cristo o noso señor. Amén.

ALENTO NO CAMIÑO

Señor, que este encontro non sexa para nós un final, senón a fonte da que brote a nosa entrega. Que o silencio desta oración se converta agora en ruído de pasos, os nosos, camiñando cara ás persoas que están soas, cara a quen ten fame de xustiza e a quen esperan unha man amiga.
Non nos deixes volver á vida de sempre coa conciencia limpa, senón co corazón inquieto por todo o que nos queda por facer. Fainos, Señor, presenza túa alí onde a esperanza escasea; que o noso estilo de vida sexa o mellor testemuño do teu Reino e que cada xesto de acollida que teñamos hoxe sexa, en realidade, a nosa oración máis sincera. Que esteamos dispostos a dar, como ti nos ensinaches, sen medida e sen condicións. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...