Ir al contenido principal

13 domingo TO A 2026

A XEOMETRÍA DA TENRURA: HOSPITALIDADE UNIVERSAL FRONTE Á PRIORIDADE NACIONAL


CANTO GOZOSO

Entrada: Acharte presente ((51)
Lecturas: Escoita ao Señor (15 )
Ofertorio: Eu soñei (58)
Comuñón: Pan do ceo (54)

OLLOS ABERTOS

Nestes tempos convulsos, onde o medo se disfraza de seguridade e escoitamos falar de "prioridades nacionais" como muros que levanta o noso egoísmo fronte á necesidade da outra persoa, a Palabra de Deus resoa hoxe no noso templo, pero cunha voz que nos incomoda. Fronte á lóxica do "primeiro os nosos", a muller de Xunam da primeira lectura ensínanos a hospitalidade universal: a capacidade de recoñecer en quen vén de fóra, en quen pasa polo noso camiño, na persoa forasteira non unha ameaza, senón unha “persoa de Deus".
A "xeometría da tenrura" é exacta: canto máis dás, máis tes. E, curiosamente, canto máis espazo fas para quen é diferente, máis grande se fai o teu propio corazón. Hoxe vimos aquí a desaprender as nosas defensas para entender que o outro, sexa quen sexa, é a medida do noso encontro con Deus. Se a nosa fe non nos fai persoas máis acolledoras, máis abertas e máis valentes na hospitalidade estamos facendo turismo relixioso, pero non estamos camiñando na samaritanía de Xesús de Nazaret.

Que esta mesa, que hoxe compartimos, sexa o lugar onde rompemos os nosos mapas de exclusión para aprender, de novo, que o Reino de Deus non ten aduanas.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·       Polas veces nas que a nosa "prioridade" non foi quen sofre, senón a defensa dos nosos privilexios e a nosa tranquilidade, SEÑOR, BORRA AS FRONTEIRAS DO NOSO CORAZÓN.

·       Por esquecer os nosos compromisos bautismais, aqueles que nos chaman a andar nunha vida nova, sendo luz no mundo, CRISTO, BORRA AS FRONTEIRAS DO NOSO CORAZÓN.

·       Por deixar que o medo se instale no noso ADN e levantemos muros cando o noso é abrir camiños, SEÑOR, BORRA AS FRONTEIRAS DO NOSO CORAZÓN.

PALABRA AGASALLADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO SEGUNDO LIBRO DOS REIS

Un día que pasaba Eliseo por Xunam, unha muller rica porfioulle que quedase a xantar. Desde aquela, cada vez que pasaba por alí, detíñase a comer. A muller díxolle ó seu home:
- "Escoita, eu sei que ese home de Deus, que pasa sempre por aquí, é un santo varón. Podiámoslle preparar arriba no faiado un cuarto pequeno, cunha cama, unha mesa, unha cadeira e un candeeiro, para que poida descansar, cando pase por onda nós".
Un día que Eliseo pasaba por alí, retirouse ó cuarto e durmiu nel. Pero Eliseo insistiu:
- "¿Que se pode facer por ela?".
Guehazí dixo:
- "Unha cousa: ela non ten fillos, e o seu home é vello".
Entón dixo Eliseo:
- "Chama por ela".
El chamouna, e ela presentouse onda a porta. Eliseo anuncioulle:
- "O ano que vén, por estas datas, terás un fillo no colo".

SALMO RESPONSORIAL 

Quero cantar por sempre o amor do Señor

Quero cantar por sempre o amor do Señor,

pregoar polas xeracións a súa fidelidade:

"Penso que o teu amor está fundado co mundo,

a túa fidelidade asentada cos ceos".

Quero cantar por sempre o amor do Señor

Feliz o pobo que sabe aclamarte

e camiñar, Señor, na luz da túa presencia.

O teu nome fai a súa ledicia o día enteiro,

a túa xustiza é a súa gloria.

Quero cantar por sempre o amor do Señor

Ti es, en verdade, a súa gloria e a súa forza,

polo teu favor erguemos nós a testa.

O Señor é o noso escudo,

o santo de Israel o noso rei.

Quero cantar por sempre o amor do Señor

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS ROMANOS

Irmáns e irmás:
¿Ignorades que a cantos nos bautizaron para Cristo Xesús, bautizáronos para unirnos á morte del? Enterrámonos, logo, con el polo bautismo para a morte, para que, como Cristo foi resucitado dos mortos pola gloria do Pai, así tamén nós camiñemos nunha vida nova.
Se xa morremos con Cristo, cremos que tamén viviremos con El; e ben sabemos que Cristo, resucitando dos mortos, xa non morre máis, a morte xa non pode nada contra El. Porque o seu morrer foi un morrer ó pecado para sempre, mais o seu vivir é un vivir para Deus. Así tamén, vós considerádevos mortos ó pecado, pero vivos para Deus en Cristo Xesús.


PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Dilles Xesús ós seus apóstolos:
- Quen ama a seu pai ou a súa nai máis ca a min, non é digno de min. E quen ame a seu fillo ou a súa filla máis ca a min non é digno de min. E quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min. Quen trate de conservar a vida, perderaa; pero quen a perda por min, ese conservaraa. Quen vos recibe a vós, recíbeme a min; e quen me recibe a min, recibe ó que me mandou. Quen recibe a un profeta por ser profeta, terá recompensa de profeta; quen recibe a un xusto por ser xusto, terá recompensa de xusto. E quen dea de beber a un destes pequenos, anque soamente sexa un vaso de auga fresca, por ser discípulo meu, asegúrovos que non perderá a súa recompensa.
PALABRA DO SEÑOR

PALABRA REMOÍDA

·A primeira lectura, tomada do libro dos Reis, fálanos dunha muller anónima, da que non sabemos máis que o lugar de onde era: de Xunam. Pero esa muller, sen rostro e sen nome, tiña un corazón escoitador e acolledor: Non agardou a que o profeta Eliseo lle pedise axuda; senón que soubo ler con claridade os sinais dos tempos: observou a necesidade e tivo a iniciativa de crear un cuarto para el na súa propia casa. Non perdeu espazo, senón que encheu a súa casa de luz. Hoxe, moitas veces, a nosa "prioridade nacional" funciona como un muro reactivo, deseñado para protexer o noso benestar ante a chegada de quen consideramos unha ameaza. Pero esta muller ensínanos o contrario: a hospitalidade non é algo que se concede cando nos sobra, é o xeito en que nos convertemos en humanos. É unha acción creativa que transforma a nosa casa nun espazo de encontro. Ela non mediu os custes económicos de acoller; entendeu que, cando facemos sitio á outra persoa, quen realmente se enriquece somos nós.

· Porque como ben lle lembra Paulo á comunidade de Roma e a nós, o bautismo non é un rito de pertenza a un club social nin unha credencial de cidadanía terreal, senón a entrada a unha vida nova que rompe todas as nosas vellas clasificacións. Ao morrer coa nosa vella forma de entender a identidade, abandonamos a mentira de que o noso valor reside no grupo, na bandeira ou na cor da pel. Se somos persoas mergulladas en Cristo, a nosa verdadeira "patria" xa non admite as liñas que os homes trazan sobre os mapas para dividirse. Defender a exclusión en nome dunha "prioridade nacional" é, na práctica, negar o noso bautismo; é vivir coma se a nosa fe fose un accesorio e non a medida radical coa que Deus mira a humanidade enteira.

· No Evanxeo todo cobra sentido. Se a muller de Xunam nos ensinou a hospitalidade creativa e Paulo nos revelou a ruptura radical que supón o noso bautismo, Xesús remata de poñer os puntos sobre os íes no Evanxeo: o camiño do amor é o único válido. Non é unha opción estética nin un extra para cando nos sobra tempo; é a condición de posibilidade do Reino. É un amor gratuíto, sen cálculos de mercado, que non pregunta "que gaño eu con isto?", senón "que necesitan a miña irmá e o meu irmán?". El insiste en poñer no centro á xente pequena, ao camiñante, ao estranxeiro, ao que non ten "títulos" que presentar. A súa lóxica é a da tenrura: o que conta non é a grandeza das nosas nacións, senón a capacidade de ofrecer un vaso de auga fresca a que ten sede. Se a nosa fe non se traduce neste xesto humilde, se a nosa "prioridade" segue sendo o noso propio beneficio en vez da dignidade da persoa, entón estamos a perder a vida intentando salvala. A "cruz" de Xesús hoxe é precisamente esa: a incomodidade de abandonar os nosos privilexios para ser, finalmente, humanos. Ou a nosa fe se fai universal e sen aduanas, ou non é a fe de Xesús. Que esta mesa que compartimos hoxe non sexa un refuxio para os que somos iguais, senón o lugar onde aprendemos que o corazón só é grande cando é capaz de borrar, de vez, todas as fronteiras.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Porque cremos que o amor de Deus non entende de pasaportes, presentamos as nosas peticións. Respondemos dicindo:
SEÑOR, QUE NINGUNHA PERSOA ME SEXA INDIFERENTE
· Pola Igrexa, para que sexa un fogar coas portas abertas onde todo ser humano atope acollida, OREMOS.
· Pola nosa comunidade, para que os nosos compromisos bautismais non sexan unha teoría, senón a forza que nos empurra a mudar as inxustizas que condenan a quen é máis débil, OREMOS.
· Polas persoas migrantes, para que no seu camiñar atopen sempre mans que constrúen pontes e non arames que firen a súa dignidade, OREMOS.
· Por cada unha e cada un de nós, para que a nosa gratitude se transforme en acción, e saibamos ver en cada rostro descoñecido, o rostro mesmo de Xesús que nos interpela, OREMOS.
Deus noso, que estas palabras non sexan un ritual máis, senón o inicio da nosa resistencia contra a indiferenza. P.X.N.S. Amén.

ALENTO NO CAMIÑO

Existe o dereito a buscar refuxio cando a vida é ameazada, e tamén existe o dereito a non ter que migrar: o dereito a permanecer na propia casa sen fame, sen guerra, sen persecución, sen violencia, sen que a terra se volva inhabitable, sen que a corrupción roube o pan dos pobres, sen que as armas destrúan o futuro das crianzas. Non podemos afacernos a contar mortos. A dignidade humana non ten pasaporte nin perde valor ao cruzar unha fronteira. Que o Deus que “no ocaso da vida xulgaranos sobre o amor” nos conceda recoñecelo hoxe nos pobres e nos estranxeiros, e nos libre de mirar a dor allea coma se non nos pertencese. Que Nosa Señora do Carme acompañe a quen chegou, console a quen perdeu os seus seres queridos, sosteña a quen os acolle e esperte en todos nós a valentía da misericordia.
E que a historia non teña que acusarnos de converter a dor de quen sofre en paisaxe habitual das nosas costas. Porque hoxe, aquí, xunto ao mar, cada vida que chega pregúntanos que queda da nosa humanidade. Tarde ou cedo, saberase se soubemos custodiala ou se deixamos que a indiferenza falase por nós.
(León XIV. Discurso no encontro coas realidades de acollida ás persoas migrantes. Porto de Arguineguín (As Palmas de Gran Canaria), 11 de xuño 2026)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...