Ir al contenido principal

12 domingo TO A 2026

 MANIFESTAR A FE SEN MEDO, Á INTEMPERIE


CANTO GOZOSO

  • Entrada: Vinde axiña (10)

  • Lecturas: Con tódalas criaturas (22)

  • Ofertorio: Grazas, Señor (34)

  • Comuñón: Ti es camiño (57)

OLLOS ABERTOS

Moitas veces, o noso maior medo non é á luz, senón ao que a luz poida revelar: as nosas incoherencias, as nosas portas pechadas e esa fe que gardamos na vitrina do templo por se se estraga fóra.

Pero se algo deixou a modo de semente a palabra que o Papa León pronunciou nos diferentes ámbitos e contextos nos que se moveu na súa visita apostólica e evanxelizadora a España, é a de que a fe non é unha abstracción para quedar dentro dos templos ou de calquera outro espazo dos chamados sagrados. Abofé que non, porque no ADN do cristianismo, católico ou non, está sempre resoando caridade. Isto é: o compromiso, a concreción, a aterraxe na realidade e na vida das persoas de cada día e de tódolos días con e desde o amor.

E contra o que moitas veces podemos escoitar desde certas espiritualidades desencarnadas e atemporais, o evanxeo urxe a desenvolver a misión na inserción do concreto, do real, do que está acontecendo, porque só así pode converterse en boa nova de esperanza para as persoas e para a sociedade.

Hoxe, ao abrir esta mesa, que non sexa para refuxiarnos, senón para cargarnos de valor. 





CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Polas veces nas que convertemos a fe nun refuxio cómodo para que a realidade non nos cuestione, SEÑOR, QUE O MEDO NON NOS PARALICE.

  • Polas veces nas que presumimos de coñecer a teoría ao dedillo; pero non estamos dispostas e dispostos a levala á práctica, CRISTO, QUE O MEDO NON NOS PARALICE.

  • Por ter vergoña de amosar quen somos e en quen cremos cando a vida se pon difícil fóra dos muros do templo, preferindo o silencio ao compromiso que desestabiliza, SEÑOR, QUE O MEDO NON NOS PARALICE.

PALABRA AGASALLADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

Dixo Xeremías:

Xa estou oíndo a sentencia,

aumenta o terror ó arredor:

"Denunciádeo, denunciémolo".

Tódolos que se fiaban da miña mensaxe de paz,

agardan a miña caída:

"A ver se se deixa seducir: poderemos con el, e vingarémonos del".

Polo Señor suspiro, como por un forte loitador;

por isto os meus perseguidores caen, non me poden.

Quedarán cubertos de vergonza porque non tiveron éxito,

non deixarán esquecida esta vergonza perpetua.

Señor dos Exércitos, que pos a proba o xusto,

que ve-los sentimentos e mailas intencións,

eu hei ver como te vingas deles,

pois a ti encomendei o meu preito.

Cantádelle ó Señor,

louvade o Señor,

pois libra a vida dun pobre do poder dos malvados.

SALMO RESPONSORIAL 

Pola túa bondade, escóitanos, Señor

Por ti aturo eu afrentas e cóbreme a cara a vergonza.

Volvinme estraño para meus irmáns,

alleo ós fillos da miña nai.

Consómeme o celo da túa casa

e as aldraxes dos que te aldraxan caen enriba de min.

Pola túa bondade, escóitanos, Señor

Mais eu, Señor, suplico cara a ti, na hora, meu Deus, do teu favor.

Pola túa moita bondade, respóndeme, pois ti e-lo socorro verdadeiro.

Respóndeme, Señor, conforme ó teu amor,

pola túa misericordia, vólvete a min.

Pola túa bondade, escóitanos, Señor

Olládeo, humildes, e alegrádevos,

avivecede o corazón os que buscáde-lo Señor,

pois o Señor escoita ós humildes,

non despreza ós seus na cadea.

Lóuvente o ceo e maila terra.

Pola túa bondade, escóitanos, Señor


PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS ROMANOS


Irmáns e irmás:

O pecado entrou no mundo por un home só, pero como polo pecado entrou a morte, a morte pasou a tódolos homes e, en consecuencia, todos quedaron incursos no pecado. Porque, de feito, antes da Lei había pecado no mundo; anque o pecado non se ten en conta cando non hai Lei; a pesar diso, a morte dominou desde Adam ata Moisés, mesmo sobre aqueles que non pecaron cunha transgresión semellante á de Adam. E Adam é unha figura arquetípica daquel que está para vir.

Pero de ningún modo hai comparanza entre o delito e o don. Porque, se polo delito dun morreron tódolos demais, moito máis polo favor dun home, Xesús Cristo, a gracia e o don de Deus rebordaron sobre todos. 





PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Dilles Xesús ós seus apóstolos:

  • Non lles teñades medo, que non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo, nin cousa oculta que non se acabe sabendo. O que vos digo na escuridade faládeo á plena luz; e o que oídes ás agachadas pregoádeo desde as azoteas.

Non lles teñades medo ós que matan o corpo pero non poden mata-la alma; temede máis ben a aquel que pode arruina-lo corpo e a alma no inferno. ¿Non se venden un par de pardais por catro patacos? E non cae o primeiro no chan sen o consentimento do voso Pai.

Pois vós, mesmo tedes contados os pelos todos da cabeza. Así que non teñades medo, que vós valedes máis ca tódolos pardais xuntos.

Todo o que volva por min diante dos homes tamén eu hei volver por el diante de meu Pai celestial. Pero quen me negue diante dos homes, eu negareino a el diante do meu Pai celestial.

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA REMOÍDA

  • Xeremías viviu na propia pel o acoso de quen quería silencialo. Non é un relato vello; é o retrato de moitas persoas hoxe: a presión para que calemos, para que a nosa voz non incomode no "mercado" das opinións onde todo ten un prezo menos a dignidade. Pero a profecía é lume, e o lume non se pode apagar cun "medo estéril". A tentación constante é converter a nosa fe nunha decoración, nunha peza de artesanía que non molesta a ninguén. Pero Xesús é radical: o que escoitas en segredo, tes que berralo desde os tellados. E, ás veces, eses tellados son os parlamentos e os foros onde se decide o futuro das persoas. Vímolo nestes días no Papa León XIV: falou sen medo, con esa "franqueza que abre camiños", sen importarlle que as súas palabras sobre a acollida aos migrantes ou a defensa intransixente da dignidade de cada persoa, sen distincións, molestasen aos que prefiren o silencio cómodo. Non veu a buscar o aplauso do sistema, senón a lembrar que ningún ser humano é descartable, que ningún ser humano é mercancía.


  • Xesús é implacable no evanxeo de hoxe: "O que vos digo na escuridade faládeo á plena luz". Non nos está dando un consello, está ordenando que rompamos as paredes. Saír á intemperie doe, porque a luz pública fai que se vexan as nosas costuras e as nosas incoherencias. Pero é o único sitio onde a Palabra pode respirar. A fe sen medo non é a que non treme, é a que decide que, aínda tremendo, non hai outro lugar onde estar que non sexa na primeira liña do que sucede, sendo "xente de fiar" para os que xa non confían en nada. 


  • Estamos acostumados a usar o Evanxeo como unha coraza. Metémonos no templo, buscamos a nosa comunidade e pensamos que, mentres manteñamos o ritual, todo está en orde. Pero iso non é fe, é protección, pois o ADN do cristianismo é a caridade; e a caridade non é un sentimento, é aterraxe. Se a fe non se ensucia coa realidade da veciñanza, do traballo ou do que pasa na túa rúa, o que temos entre mans non é o Evanxeo, é un obxecto de colección que serve para estar tranquilo mentres o mundo arde. Ser cristiá ou cristián hoxe é ter a audacia de imitar esa liberdade, de non deixar que nos convertan en estatuas nun "museo do pasado". Se a nosa fe non se nota na rúa, se non nos atrevemos a defender á persoa invisible, se calamos diante da inxustiza para non perder a nosa posición, quizais esteamos gardando un lume que xa se apagou. O Evanxeo non é para quen busca tranquilidade, senón para as persoas que, coma Xeremías ou coma León XIV, entenden que a verdade —aínda que moleste— é o único camiño cara a unha verdadeira "meta de civilización". 





ORACIÓN DA COMUNIDADE

Sabemos que a fe só é real se se nota no xeito de vivir. Presentamos a nosa vida ante Deus, pedindo que nos axude a ser máis coherentes e dicimos:

QUE CONVERTAMOS A FE EN VIDA

  • Pola Igrexa, para que saiba estar presente onde a vida é máis difícil, sen buscar protagonismo, sendo simplemente un lugar de acollida para quen máis o necesita, OREMOS. 

  • Pola nosa comunidade, para que sexamos capaces de poñer en práctica o que escoitamos, tecendo unha rede de coidados no noso entorno, OREMOS. 

  • Por cada unha e cada un de nós, para que o que aquí vivimos nos dea forza para actuar con verdade no noso día a día, sen medo nin vergoña a amosar quen somos e en quen cremos, OREMOS. 

Deus noso, que estas palabras sexan o comezo do noso compromiso cotiá. Axúdanos a ser fieis ao que hoxe poñemos diante de ti. P.X.N.S. Amén.

ALENTO NO CAMIÑO

Señor, pedímosche que a nosa relixiosidade non sexa un museo do pasado que visitar, senón unha escola de fe da que beber tamén hoxe. Unha escola que nos ensina a axeonllarnos ante Deus e ante o próximo, porque ninguén pode axeonllarse ante o Señor e desprezar á irmá e ao irmán; unha escola que nos ensina a gratitude do amor que se fai don, para que circule entre nós e rompa as cadeas de todo egoísmo; unha escola da que aprendemos que Deus é presenza real e que tamén nós estamos chamados a estar presentes nas situacións e nos desafíos da sociedade, a non fuxir, a comprometernos persoalmente na construción do ben común.

(León XIV. Homilía na Misa do Corpus, Madrid, 7 de xuño 2026)


Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...