Ir al contenido principal

26 Domingo TO A 2026

 A VIDA NON É UN PLATÓ DE TELEVISIÓN, SENÓN PEGADA DE COHERENCIA

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Camiñando pola vida (Nº 9)
LECTURAS: Como che cantarei (Nº 28)
OFERTORIO: Acharte presente (Nº 51)
COMUÑÓN: Eu soñei (Nº 58)

OLLOS ABERTOS

Vivimos nunha sociedade hiperconectada chea de pantallas, instaladas e instalados no postureo permanente, unha sociedade na que a pose e o "quedar ben" importan máis ca a verdade. É moi doado encher a boca con discursos solidarios, dar "gústame" a causas nobres dende o sofá ou responder educadamente un "xa o teño en conta" mentres na práctica diaria miramos cara a outro lado ante os problemas reais da veciñanza, a precariedade da mocidade ou a soidade da xente maior.

Hoxe a Palabra volve insistir en que non valen as respostas educadas, os bos propósitos de fachada nin os discursos inofensivos que non molestan a ninguén. A conversión que nos esixe o Evanxeo non vai de ter un expediente inmaculado nas aparencias, senón de mollarse as mans na terra áspera da realidade. Que esta celebración nos espete da modorra, nos arranque o postureo espiritual e nos poña a traballar na viña do ben común sen escusas de última hora.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·       Polas veces nas que enchemos a boca con palabras bonitas e discursos baleiros, mentres na nosa vida diaria actuamos desde o egoísmo; SEÑOR, AXÚDANOS A BAIXAR Á REALIDADE.

·       Polas veces nas que nos escusamos dicindo que "xa o fará outra persoa", esquivando os problemas reais para non comprometernos; CRISTO, AXÚDANOS A BAIXAR Á REALIDADE.

·       Polas veces nas que convertemos a fe nunha medalla estética ou nunha tradición inofensiva, esquecendo que a fe é compromiso no mundo e co mundo; SEÑOR, AXÚDANOS A BAIXAR Á REALIDADE.

PALABRA AGASALLADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL

 Di o Señor:

E vós respondedes: "Non é xusto o proceder do Señor".

Escoitade, Casa de Israel:

-        ¿Non é xusto o meu xeito de comportarme?

¿Non é máis ben o xeito de vos comportardes vosoutros o que é inxusto?

Cando o xusto se aparta das súas obras de xustiza

e comete iniquidades e morre debido a elas,

morre debido ás iniquidades que el cometeu.

Cando o malvado se aparta da maldade que cometeu

e practica o dereito e a xustiza,

entón el consegue a vida.

Se cae na conta e se aparta da maldade que cometeu,

vivirá de certo, non morrerá.

PALABRA DO SEÑOR

 

SALMO RESPONSORIAL

Lémbrate, Señor, da túa compaixón

Móstrame, Señor, os teus camiños

ensíname os teus sendeiros,

diríxeme na túa verdade, apréndeme,

pois ti es, Deus, o meu salvador

e estoute a esperar todo o día.

Lémbrate, Señor, da túa compaixón

Lémbrate, Señor, da túa compaixón e do teu amor,

pois existen desde sempre.

Dos erros e das culpas da miña mocidade non te lembres:

acórdate de min segundo o teu amor,

Señor, pola túa bondade.

Lémbrate, Señor, da túa compaixón

O Señor é bo e recto:

por iso lles ensina o camiño ós extraviados,

dirixe ós xustos no xuízo

e móstralles ós humildes o vieiro.

Lémbrate, Señor, da túa compaixón

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS FILIPENSES

Irmáns e irmás:

Así que, se vale de algo o alento que recibides en Cristo, se vos anima o amor mutuo, se hai comuñón no Espírito e se hai sentimentos en vós de agarimo e misericordia, facede completa a miña alegría, levándovos ben, tendo un mesmo amor, unha soa alma, unha mesma idea. Non fagades nada á retesía nin por fachenda. Que cadaquén pense humildemente que os outros son máis ca el. Non mirar cada un polo que lle ten conta a el, senón tamén polo que llela ten ós outros.

Tede entre vós a mesma actitude de Cristo Xesús.

El, con ser de condición divina,

non se agarrou cobizosamente á súa categoría de Deus;

senón que se espiu do seu rango,

asumiu a condición de escravo;

fíxose un home normal e presentouse coma tal

abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,

¡e a morte na cruz!

Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo

e lle concedeu un título que está por riba de calquera título

para que ante o título de Xesús se dobre todo xeonllo

no ceo, na terra e mais no abismo,

e para que toda lingua proclame

para gloria de Deus Pai

que Xesús Cristo é o Señor.

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Dilles Xesús ós sumos sacerdotes e ós anciáns do pobo: ¿Que vos parece? Un home tiña dous fillos. Foi onda o primeiro, e díxolle:

-       "Meu fillo, vai traballar hoxe na viña".

El respondeu:

-       "Non quero"; pero despois, arrepentido, foi.

Foise onda o outro e díxolle o mesmo. El respondeu:

-       "Vou, señor"; pero non foi.

¿Quen dos dous fixo a vontade do pai?

Respondéronlle:

-       O primeiro.

Entón díxolles Xesús:

-       Asegúrovos que os recadadores e mailas prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós. Porque veu Xoán para vos ensina-lo camiño da xustiza, e non lle fixestes caso; en cambio, os recadadores e mailas prostitutas, si que llo fixeron. Pero vós, aínda despois de ver aquilo, nin vos arrepentistes nin crestes.

 

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA REMOÍDA

·       A nosa sociedade ten unha memoria moi selectiva: encántalle gardar cartafoles cos erros e as caídas de quen nos rodea para tirar deles en canto convén, coma se un paso en falso do pasado nos condenase ao desprezo eterno. Pero o profeta Ezequiel preséntanos ao Deus das oportunidades, dinamitando esa trampa fatalista. A Deus dálle exactamente igual a etiqueta coa que cargues ou os teus antecedentes de desgustos. O único que conta ante os seus ollos é o presente máis radical: se unha persoa decide frear a inxustiza, deixa de pisar a quen ten abaixo e arrima o ombreiro pola xustiza, a súa vida bota a andar de cero. O Deus das oportunidades rompe calquera escusa de "xa non hai nada que facer" e entréganos o presente limpo para que o volvamos escribir con mans honestas.

·       Paulo pon o dedo na chaga dunha tentación moi nosa: a vaidade, a necesidade de destacar por riba dos demais e a busca constante de aplausos ou títulos que alimenten o noso ego. Gastamos tanta enerxía en manter aparencias e en parecer impecables ante a galería que esquivamos o esencial. Fronte a esta soberbia, Paulo preséntanos o modelo escandaloso de Cristo: quen non se aferrou a ningún status de poder, quen baixou ao barro da intemperie humana para facerse servidor dos últimos, ata entregar a vida sen reservas. Unha fe que busca o lucimento persoal ou que vive pendente de medallas e palmadiñas nas costas é a antítese absoluta do Evanxeo.

·       A parábola do Evanxeo é unha labazada á nosa cómoda hipocrisía. Xesús ponnos diante do espello para dicirnos que os nosos discursos correctos, os nosos "si, señor" educados dende a seguridade dun banco de igrexa, non valen absolutamente para nada se despois temos o corazón blindado e os brazos cruzados ante a dor do mundo. Os cumpridores oficiais, quen ten a vida ben atada e a conciencia tranquila porque supostamente "cumpren con todo", quedan fóra do reino de Deus. En cambio, a xente imperfecta, que mete a pata pero que é quen de recoñecer os seus erros para comezar de novo, é a que fai Reino. O proxecto de Deus non se sostén con palabras bonitas, senón co compromiso de quen non tolera que ninguén quede tirado na cuneta.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Presentamos diante de Deus os nosos desexos máis profundos dicindo:

SEÑOR, ARRÁNCANOS DA COMODIDADE E MERGÚLLANOS NA COHERENCIA

1.    Pola Igrexa, para que deixe de mirar o seu embigo e as súas normativas de despacho, e baixe aos barrios e aos lugares onde a xente sofre a precariedade; OREMOS.

SEÑOR, ARRÁNCANOS DA COMODIDADE E MERGÚLLANOS NA COHERENCIA

2.    Polas nosas comunidades, para que deixen de ser clubs de nostálxicos de fin de semana e se convertan en obradoiros de axuda mutua e loita contra a inxustiza; OREMOS.

SEÑOR, ARRÁNCANOS DA COMODIDADE E MERGÚLLANOS NA COHERENCIA

3.    Por cada unha e cada un de nós, para que rompamos coa hipocrisía do "quedar ben" e teñamos a valentía de rectificar, arrimar o ombreiro e defender a quen o pasa mal. OREMOS.

SEÑOR, ARRÁNCANOS DA COMODIDADE E MERGÚLLANOS NA COHERENCIA

Deus noso, sácanos da nosa inercia e fai que estas palabras non sexan un trámite, senón un compromiso de vida. P.X.N.S. Amén.

ALENTO NO CAMIÑO

Señor, recoñecémolo sen rodeos: nós tamén moitas veces dicímosche que si, cando en realidade a nosa vida é un non. Na teoría encántanos a túa mensaxe, aplaudimos a xustiza e enchémonos a boca de palabras bonitas sobre a solidariedade, pero á hora da verdade, cando hai que baixar ao barro, preferimos o noso confort, a nosa seguridade e mirar para outro lado.

Perdoa a nosa dobre moral, a nosa fe de fachada e o costume de facer teatro co teu Evanxeo. Dannos a forza e a humildade do primeiro fillo: quen quizais comezou dubidando ou negándose, pero tivo a decencia de arrepentirse, de deixar atrás o postureo e de marchar a traballar á túa viña coas mans manchadas e o corazón entregado. Amén

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...