Ir al contenido principal

25 DOMINGO TO-A 2026

Que non deixemos nunca de mirar o mundo desde os de embaixo, superando a tentación de arrimarnos aos de enriba

Cantos.-

  • ENTRADA.- Andarei na presenza ( 11 )

  • LECTURAS.- Benaventurados ( 119 )

  • OFERTORIO.- Na nosa terra ( 36 )

  • COMUÑÓN.- Quédate, Señor, connosco ( 63 )



Abríndonos á esperanza

Un domingo máis a Palabra de Deus quere mover os noso corazón para que poñamos pés, ollos, mans e pensamento nas persoas e non na rendibilidade, no que dá cartos e máis poder.

No momento no que tanto se fala da IA como ameaza, pero, tamén, no que tanto se recorre a ela para tantas cousas, é preciso que nos baixemos do sentido da vida marcado pola velocidade e a présa, e collamos outra dirección, inda que vaiamos máis a modo, que nos leve polo camiño no que imos descubrindo que o importante non está no dominar e controlar aos demais, senón no de saír e tende-la man. Sexa á hora que sexa, como escoitaremos despois no evanxeo.

Que non teñamos logo medo a saír e acoller, superando a tentación da preguiza, que tantas veces nos atenaza e nos impide tomar as decisións que poñen ás persoas de primeiras.

A novidade e a creatividade non han de paralizarnos nin tampouco volvernos persoas inxenuas. Teñamos espírito crítico e valoremos, sen présa, onde está o bo e o que nos axuda a ter unha vida máis digna e feliz.



Precisando da túa misericordia

  • Por tódalas veces nas que desprezamos a quen menos ten e mais precisa de axuda. SEÑOR, GRAZAS POR CONTRATARNOS.

  • Por tódalas veces nas que queremos ver a realidade con criterios de eficacia e non de bondade e igualdade. CRISTO, GRAZAS POR CONTRATARNOS.

  • Por tódalas veces nas que no canto de buscarte a ti, buscamos prestixio, poder e fama. SEÑOR, GRAZAS POR CONTRATARNOS.

Palabra proclamada



PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Buscade o Señor mentres se deixa atopar,

invocádeo mentres está cerca.

Que o malvado deixe o seu vieiro,

e que o home pecador deixe os seus plans,

que se volva ó Señor para que teña misericordia del,

que se volva ó noso Deus

que ¡tanto engrandece ó perdoar!

Pois si, os meus plans non son os vosos plans,

nin os vosos vieiros son os meus vieiros

‑é o Señor quen fala‑.

¡Canto máis altos son os ceos cá terra!

Así son máis altos os meus plans cós vosos plans,

e os meus vieiros do que os vosos vieiros.



SALMO RESPONSORIAL.- O Señor está cerca dos que o invocan


Bendicireite o día enteiro,

louvarei por sempre o teu nome.

Grande é o Señor e digno de louvanza,

a súa grandeza é insondable.

O Señor está cerca dos que o invocan

O Señor é clemente e compasivo,

tardo á ira e rico en amor.

O Señor é bo para todos,

garimoso con tódalas súas obras.

O Señor está cerca dos que o invocan

O Señor é xusto nos seus camiños todos,

bo en tódolos seus feitos.

O Señor está cerca dos que o chaman,

dos que sinceramente o invocan.

O Señor está cerca dos que o invocan

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS FILIPENSES


Irmáns e irmás:

Manifestarase a grandeza de Cristo na miña persoa, tanto que eu siga vivindo como que morra.

Porque para min a vida é Cristo; e morrer, unha ganancia. Ora, como vivir neste mundo me permite traballar con proveito, non sei o que escoller. As dúas cousas tiran por min: quería morrer para estar con Cristo, pois era moitísimo mellor. Mesmo así, por vós, cómpre que eu fique neste mundo

Unha cousa só: mirade de vos comportar conforme ó Evanxeo de Cristo





PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO


Dilles Xesús ós seus discípulos esta parábola:

O Reino dos Ceos parécese a un propietario que saíu pola mañá cedo a contratar xornaleiros para a súa viña. Axustou con eles o xornal dun denario e mandounos á súa viña. Saíu outra vez á media mañá e atopou outros sen traballo na praza. E díxolles:

‑Ide vós tamén á miña viña, e daréivo-lo xusto.

Eles foron. De novo saíu polo mediodía, e pola tarde, facendo o mesmo. Pero aínda volveu saír á tardiña, e atopando outros parados na rúa, díxolles:

‑Pero, ¿que facedes aquí, todo o día sen traballar?

Eles responderon:

‑É que ninguén nos contratou.

El díxolles entón:

‑Ide vós tamén á miña viña.

Anoitecendo xa, díxolle o dono da viña ó administrador:

‑Chama os xornaleiros e págalle-lo xornal: empézasme polos últimos e acabas polos primeiros.

Chegan os da derradeira hora e dálles un denario a cada un. Cando chegaron os primeiros coidaron que lles darían máis, pero tamén recibiron cadanseu denario. O recibilo, murmuraban contra o propietario:

‑Eses, os derradeiros, traballaron unha hora só e trátalos igual ca nós, que aturámo-lo peso e a calor do día.

pero el replicoulle a un deles:

‑Amigo, non che fago ningunha inxustiza. ¿Non axustamos un denario? Pois colle o teu, e vaite. E logo, se quero darlle ó último igual ca a ti, ¿non teño dereito a face-lo que quero co que é meu? ¿Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?

Así, dese mesmo xeito, os últimos serán os primeiros.




Palabra remoída


  • Buscar ao Señor.- Escoitabamos na primeira lectura como se nos invita a buscar ao Señor. E onde? Poderiamos preguntarnos, onde buscar para dar con El. Desde o punto de vista racional esa é a pregunta que todas e todos nos facemos, pensando que Deus é un alguén coma nós, con brazos, pelo, pernas... e como non atopamos nada así, moitas veces podemos acabar na dúbida ou no escepticismo; cando non na negación. Non o vexo, non existe, estás seguro?... pero se nos paramos un pouco e deixamos que a nosa vida atope momento para facernos preguntas, iremos descubrindo que ese non é o camiño. Que a busca de Deus non de debe centrar en atopar un igual a nós desde o punto de vista físico. A Deus temos que ilo descubrindo a través do que é a súa obra: no medio do mundo, naquelas situacións onde somos quen de ver bondade, solidariedade, capacidade de buscar puntos de encontro, na beleza das cousas, na tranquilidade dun momento no que nos facemos preguntas sobre quen somos e cal é o sentido que lle queremos ir dándolle a nosa vida. A Deus debemos buscalo desde as preguntas polo por que e o para que das cousas. E a pouco que nos paremos, que lle dediquemos tempo, que fagamos as cousas de maneira reflexiva, seguro que atoparemos as súas presenzas nesas situacións que moven ás persoas a ser bondade e a practicala coas demais. Porque é un contrasentido pensar en Deus e tentar atopalo na violencia, na guerra, no engano... O Deus sentido e presenza non deixa nunca de móstraste no medio desa casa común que puxo ao noso dispor e na que o centro de toda ela ten que ser sempre a persoa.


  • Saíu contratar xornaleiros.- No evanxeo volve utilizar Xesús a parábola como o mellor dos exemplos para falarlles/nos e que o entenderan/mos. E na parábola que vimos de escoitar El sae e buscar xornaleiros para que traballen na súa viña. Un saír co que se nos quere poñer de manifesto que non quere quedar, nin que nos quedemos, dentro dos templos, na comodidade dunha fe que pode caer na tentación dos rezos baleiros e repetitivos, e incapaz de sentir e sufrir diante das diferentes situacións que poden estar a vivir persoas ao noso redor. Se El sae e chama, chámanos, non podemos quedar na preguiza de quen reduce a fe a un rito ou a un costume de maiores. Porque no mundo no que nós estamos segue a haber moita xente que agarda de nós unha pan, unha conversa, un tempo, un ... poñer ollos, man e corazón nas persoas mais alá de nós. E é aí, onde temos que dicir si a esa chamada que El nos fai cando sae a contratar xornaleiros e xornaleiras para a súa viña.



  • Empezando polos últimos.- E inda que nos chame a atención, os criterios desde os que El contrata están bastante lonxe dos criterios do mundo económico no que nós hoxe nos movemos. El ten como criterio fundamental a igualdade que compartimos e que non ha de rebaixarse nunca. Inda que as tentacións para facelo sexan moitas. E esta igualdade leva a que non sexan as cousas materiais as que movan e nos moven, senón o compromiso humano por todo canto faga posible que as persoas non sexan convertidas en cousas, xoguetes rotos aos que se manipula, criminaliza, se lles minte ou converte nun simple obxecto de transacción para obter, uns poucos, ganancias e prestixio a conta dos demais. Case sempre os máis pobres. Por iso para Deus o fundamental é comezar polos últimos, aqueles nos que ninguén se para, aqueles nos que ninguén é capaz de poñerlle nome e identidade, aqueles que neste mundo no que as relacións se van facendo a través das pantallas, inda que saibamos que moitas veces o que nelas sae é mentira, postureo ou imaxe aparente, e nas que se vai esquecendo o contacto, a relación, o sabernos uns aos lados dos outros e precisados de axudarnos. Porque só se miramos o mundo desde os últimos seremos quen de entender que queremos dicir cando falamos de Deus.


Oración da comunidade


Deus, escoitabamos no evanxeo, sae cada día na nosa busca tentando de ofrecernos o agarimos e o respecto que a dureza da vida nos ten quitado moitas veces. Por iso, con agradecemento, dicimos: Non deixes nunca de tendernos a túa man.


  • Por non saber, como Igrexa, seguir as túas pegadas e saír na busca de quen precisa respecto, atención, escoita e acollida. Oremos. Non deixes nunca de tendernos a túa man.


  • Por non esforzarnos por ser comunidades cristiás que poñen no centro a dignidade das persoas, e non nos criterios materialistas que oprimen, xulgan e condenan. Oremos. Non deixes nunca de tendernos a túa man.



  • Porque na nosa vida non somos capaces de poñer en relación o que cremos e rezamos co que facemos, preferindo comezar polos primeiros e esquecer aos últimos. Oremos. Non deixes nunca de tendernos a túa man.


Señor, grazas por lembrarnos que o camiño para ser persoas ledas, xustas e bondadosas non é o do dominio, senón o do servizo aos máis fráxiles e débiles. Por Cristo o noso Señor. Amén.




Corazón aquecido


Grazas, Señor, polo Pan e pola Palabra que nos alimentan. Grazas por chamarnos a traballar na túa viña, amosándonos que a túa graza supera sempre os nosos méritos e a túa misericordia non coñece medidas.

Danos a forza do teu Espírito para levar esta alegría a todas as persoas coas que nos atopemos. Que o noso día a día reflicta o teu amor xeneroso, especialmente cos máis necesitados.

Bendice e protexe a nosa comunidade, as nosas familias e os nosos camiños. Amén.




Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...