Ir al contenido principal

Cristo Rei 2026

 UN REI SEN COROA E UN XUÍZO SEN PREITOS

LOAR

ENTRADA: Que ledicia a miña (Nº 4)

LECTURAS: O amor é o meirande (Nº 119)

OFERTORIO: Veña o teu reino (Nº 88)

COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103) 

RECOÑECER

Rematamos hoxe o ciclo litúrxico coa solemnidade de Xesucristo Rei do universo. Si, porque Xesús é Rei; pero un Rei que rexeita os tronos, as coroas de ouro e o poder que esmaga ou se impón. Despoxado de todo para facerse pequeno, identifica a súa soberanía coa persoa marxinada, con quen sofre a precariedade e coa veciña excluída polo sistema. Celebrar a Cristo Rei significa desmontar os poderes inxustos deste mundo para recoñecer a verdadeira autoridade na debilidade, na xustiza e no servizo mutuo. Que esta celebración nos arranque da nosa comodidade e nos coloque firmemente do lado dos últimos.

REVISAR

Polas veces nas que estamos xordos e mudos diante das inxustizas, SEÑOR, PERDOA A NOSA INDIFERENZA.

Porque reducimos a fe a un mero cumprimento, esquecendo a súa dimensión social, CRISTO, PERDOA A NOSA INDIFERENZA.

Polas veces nas que nos deixamos invadir polo desánimo e renunciamos a traballar por outro mundo fraterno e xusto, SEÑOR, PERDOA A NOSA INDIFERENZA.

ACOLLER

Proclamación da Palabra recollida na profecía de ezequiel

Di o Señor:

 Velaí, eu en persoa virei

seguírlle-las pisadas ás miñas reses e buscalas.

O mesmo que mira o pastor polos años,

o día en que el se atopa diante do rabaño dispersado,

así eu vou mirar polas miñas reses,

e vounas salvar, sacándoas de tódolos sitios

por onde se espallaron un día de nubes e escuridade.

Eu mesmo apacentarei o meu rabaño,

e eu en persoa fareino acougar

 é o meu Señor, Iavé, quen fala .

Buscarei a ovella perdida,

farei volve-la extraviada,

vendarei a que ten a pata partida,

fortalecerei á feble,

pero farei que perezan a gorda e a forte.

Apacentarei o meu rabaño conforme a xustiza.

¡Oíde vós, meu rabaño! Así fala o meu Señor, Iavé:

 Vede, eu vou xulgar entre ovella e ovella,

entre carneiros e castróns.

Palabra do Señor

Salmo Responsorial

O Señor é o meu pastor, nada me falta

O Señor é o meu pastor: nada me falta.

Os pastos verdecentes lévame a repousar,

lévame a beber ás augas tranquilas.

El repón as miñas forzas.

Guíame por vereas rectas,

por mor do seu nome.

O Señor é o meu pastor, nada me falta

 

Ti pos para min a mesa,

á cara dos meus inimigos;

únxesme con perfume a cabeza,

e a miña copa reborda.

O Señor é o meu pastor, nada me falta

A túa bondade e o teu amor vanme seguindo

tódolos días da vida.

Eu habitarei na casa do Señor

ó longo dos meus días.

O Señor é o meu pastor, nada me falta

Proclamación da Palabra recollida na primeira carta de san Paulo Apóstolo ós Corintios

Irmáns e irmás:

Cristo resucitou dos mortos, coma primicia dos que dormen. Porque xa que por un home entrou a morte, tamén por un home chegou a resurrección dos mortos. Igual que todos morren por Adam, así tamén por Cristo todos revivirán. Pero cada un no seu intre: primeiro, Cristo; logo, no Día da súa Vinda, os que sexan de Cristo; despois será a fin, cando lle entregue o Reino a Deus Pai, unha vez destruído todo Principado, toda Potestade e toda Dominación. Porque é necesario que El reine ata que poña a tódolos seus inimigos por debaixo dos seus pés. A morte será o derradeiro inimigo destruído.

E cando lle teña todo sometido, entón tamén o propio Fillo se someterá a quen lle someteu a El todo: para que Deus sexa todo en todos.

PALABRA DO SEÑOR

Proclamación do santo Evanxeo segundo Mateu

Dilles Xesús ós seus discípulos:

Cando veña o Fillo do Home na súa gloria e tódolos anxos con el, sentará no seu trono glorioso. Diante del xuntaranse tódalas nacións; e separará uns dos outros, como xebra o pastor as ovellas das cabras. E poñerá as ovellas á súa dereita e as cabras á súa esquerda. Entón dirá o Rei ós da súa dereita:

-     "Vinde, benditos do meu Pai; recibide a herencia do Reino preparado para vós desde a creación do mundo. Porque tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme; estiven espido e vestístesme; enfermo e visitástesme; estiven na cadea e viñéstesme ver".

Entón preguntaranlle os xustos:

-     "Señor, ¿cando te vimos famento e che demos de comer; ou sedento e che demos de beber? ¿Cando te vimos forasteiro e te acollemos; ou espido e te vestimos? ¿Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?"

O rei contestaralles:

-     "Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos fixéstelo comigo".

E diralles logo ós da súa esquerda:

-     "Arredade de min, malditos; ide para o lume eterno preparado para o Satán e para os seus anxos. Porque tiven fame e non me destes de comer; tiven sede, e non me destes de beber; fun forasteiro e non me acollestes; estiven espido e non me vestistes; enfermo e na cadea e non me visitastes".

Eles replicaranlle:

-     "Señor, ¿cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou espido, enfermo ou na cadea e non che acudimos?"

El responderalles:

-     "Asegúrovos que canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo facer a min.

Daquela irán estes ó castigo eterno, e os xustos á vida eterna".

Palabra do Señor.

 

REMOER

*    A profecía de Ezequiel fálanos dun Rei cuxo trono non é unha peza de ourivaría nin un estrado de poder, senón un caxato que acompaña, que guía e no que nos apoiamos cando as forzas parecen esmorecer. O noso Deus é Aquel que se bota aos camiños en días de nubes e escuridade para rescatarnos e coidarnos persoalmente cando o desánimo nos atrapa no prexuízo ou na soidade. persoal nos deixan a escuras, atrapadas e atrapados no prexuízo ou na soidade Pero o mesmo Deus que nos recolle e nos acolle é o que nos encarga a misión de coidar, lembrándonos que moitas veces somos nós mesmas e nós mesmos quen, coa nosa indiferenza, provocamos que os demais se espallen e queden perdidos polas nosas exclusións, polo noso pasar de longo e pola nosa indiferenza instalada. A verdadeira soberanía deste Rei non nos absolve senón que nos interpela: Deus sae a rescatar o seu pobo, pero esixe que deixemos de ser cómplices da desbandada e aprendamos a soster a quen camiña ao noso carón. A soberanía deste Rei exixe mans dispostas a soster e a non deixar a ningunha persoa atrás.

*    Paulo dille á comunidade de Corinto e dinos a cada unha e cada un de nós que por Cristo todos revivirán. Pero ollo con reducir isto a unha promesa abstracta para despois da morte. A resurrección da que fala Paulo non é un premio de consolación para o futuro, senón a esixencia de poñer a vida en pé aquí e agora. Se Cristo ten que reinar ata someter toda hostilidade, toda inxustiza e toda estrutura de morte, iso significa que a soberanía de Deus choca coa nosa resignación. Revivir con El hoxe implica deixar de alimentar o egoísmo, erguer aos que o sistema deixa abatidos e demostrar que o poder de Deus só se fai real cando a dignidade lle gaña a partida á precariedade. O verdadeiro reinado comeza cando decidimos que ninguén quede sepultado polo esquecemento.

*    Evanxeo do xuízo final é unha ensinanza que temos que gravar a lume no noso corazón. O Rei non senta para xulgar dende arriba, senón que se mestura e se confunde coa xente que pasa fame, coa persoa sen papeis, coa que dorme na rúa ou coa que está soa nunha sala de hospital. A gran sorpresa do xuízo final non é que se nos vaia examinar de catecismo ou de dogmas, senón de amor, porque Deus cólase no noso día a día sen avisar. E somos nós quen nos xulgamos a nós mesmas e a nós mesmos cada vez que cruzamos a rúa para non ver a realidade. A soberanía de Cristo non se xestiona con decretos, senón con potas de comida compartidas, con sorrisos e apertas, con portas abertas, con tempo regalado e con loitas sociais que impidan que a xente caia na cuneta. Se Cristo é Rei, o seu reino non ten nin garda costas nin murallas: o seu palacio é calquera lugar onde alguén decide facerse cargo da vida dos demais. Ou nos metemos niso, ou o noso culto dominical é só postureo

COMPROMETER

Presentémoslle ao Señor a nosa oración xunto co noso compromiso por asumir o traballo do Reino, e digamos:

QUE TRABALLEMOS POLO TEU REINO DE XUSTIZA

ü Para que a Igrexa sexa sempre unha comunidade fiel que renuncie a todo poder e luxo para recoñecerse na debilidade, na fraxilidade, no coidado e no servizo, OREMOS.

QUE TRABALLEMOS POLO TEU REINO DE XUSTIZA

ü Para que as nosas comunidades non se pechen na súa propia comodidade nin na indiferenza, senón que sexan fogares abertos de acollida e refuxio para quen sofre, OREMOS.

QUE TRABALLEMOS POLO TEU REINO DE XUSTIZA

ü Por cada unha de nós e cada un de nós, para que saibamos descubrir o rostro de Cristo en quen pasa fame, é forasteiro, está no cárcere ou ten sede de xustiza, OREMOS.

QUE TRABALLEMOS POLO TEU REINO DE XUSTIZA

Deus da vida e da xustiza, recolle este clamor que nace da terra e da esperanza. Non deixes que nos acostumemos á desigualdade nin ao silencio e axúdanos a construír un mundo novo onde todas as persoas poidamos vivir de pé. PXNS. Amén.

CAMIÑAR

Cando chegue a hora da verdade, Deus non nos pedirá contas de dogmas nin de silencios nos templos, senón que nos dirá:

ü Vinde, as persoas que nunca mirastes para outro lado cando alguén caía na cuneta, porque sen sabelo, estabades aloxando ao propio Deus na vosa propia casa.

ü Vinde quen partistes o pan sen facer contas, quen puxestes calor onde había friaxe e quen desbotastes a indiferenza coma un estorbo inútil.

ü Vinde as persoas que non agardastes a ningún tribunal celeste para acoller a dor allea, porque xa descubristes que o ceo comeza exactamente onde alguén decide facerse cargo da vida dos demais.

Que o Reino de Deus non sexa unha promesa distante, senón a nosa forma de camiñar cada día.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...