Ir al contenido principal

3 Domingo TO C

PORQUE O PRESENTE TAMÉN É TEMPO DE SALVACIÓN....
HOXE CÚMPRESE EN NÓS ESTA ESCRITURA
PÓRTICO
Dinos a Palabra de Deus que ela é espírito e vida; é dicir, presenza viva, e sempre actuante, en nós e con nós. É polo tanto unha palabra que non pasa de moda, que non perde actualidade, que non se deixa asoballar por outras moitas palabras efémeras e que facilmente se esquecen. Esta é unha palabra que perdura no tempo e busca que lle fagamos un oco na nosa vida, non para quedarse como se fose unha ocupa, senón para facer da nosa existencia esforzo continuado de esperanza, comuñón, traballo compartido e amor solidario que cambia os corazóns.
Que este noso encontro comunitario nos alente para acoller e converter en vida esta palabra proclamada.

O PERDÓN
¨      Polas veces nas que en lugar de buscar a unión somos motivo de división, sementando discordia e buscando enfrontamentos dentro das nosas familias, cos nosos veciños, no noso traballo, na nosa parroquia, SEÑOR, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.
¨      Porque a nosa vida esmorece pola rutina na que temos convertido a fe, CRISTO, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.
¨      Porque nos sobra consumismo relixioso, e nos falta fe convencida e confiada, SEÑOR, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.

REMUÍÑO
·         A palabra de Deus non é palabra de paso efémero e vacilante, senón pegada firme que vai deixando pouso da presenza de Deus a través dela. Unha presenza que se desenvolve desde o cotián e se vai envolvendo de experiencia espiritual, de madurez e recoñecemento do sentido que da resposta ás preguntas que sobre o noso que, quen como, cando, por que, para que ou cara onde… nos facemos as persoas. Por esta razón non é unha palabra de paso que se esgota e disolve no efémero do agora e xa, senón que se vai prolongando en nós ao configurarnos desde a maneira de entender e integrar os valores que dan coherencia á nosa vida e ás decisións que sobre ela imos tomando. A viveza da palabra exprésase na presenza sempre continua e actual que ilumina as maneiras de ser e as respostas que, diante das situacións que cada un de nós, persoal ou comunitariamente, imos vivindo. Por iso é palabra sempre alentadora e presente.

·         Este ir impregnando toda a nosa vida, e superando a tentación de parcelala e facer dela compartimentos estancos, individuais e incomunicados, ao o noso xeito e á nosa comodidade, ten que ser en nós unha tarefa permanente. Cantas veces non temos escoitado, ou dito, eu vivo a fe á miña maneira, ao meu xeito ou como me peta!, esquecendo que a vivencia da fe, entendida como seguimento de Xesús, sendo libre na súa decisión de querer ser seguidor/a del, esíxenos logo resposta coherente, responsable e comunitaria, bastante afastada do xeito e maneira en que nós a temos convertido: interpretala segundo o noso propio interese e comenencia. Por iso Paulo utiliza unha fermosa, e tamén comprensible, metáfora para describir como a fe non nos separa en partes, senón que é coma un corpo, que sendo e tendo moitas partes, cada unha delas está sempre ao servizo dun todo. Cando nós falamos de comunidades plurais, abertas, responsables  e libres, é isto ao que nos queremos referir: na Igrexa estamos chamados a ser e vivir desde a comuñón de comunidades, é dicir, respectando a liberdade das persoas, todos estamos chamados a mirar na mesma dirección; e esta non é outra que o seguimento de Xesús. Sendo El cabeza e nós membros, ninguén é nin superior nin máis importante. Porén, todos somos necesarios para que a/s comunidade/s funcionen e sexan, desde a palabra, encontros gozosos da presenza de Deus.

·         Se non esquecemos esta palabra que sempre, en cada momento e situación nos está falando; se lle prestamos de verdade atención; se nos esforzamos por coñecela e integrala na nosa vida desde o xeito de dar solución aos problemas, abordar as situacións que a vida nos presenta en cada momento ou atopando nela forza e seguridade para non ter medo a dar razón da nosa esperanza, faremos que esta palabra, como ocorreu no momento no que Xesús estaba no templo, se cumpra. Cada vez que unha persoa traballa para que os homes coñezan de verdade o Evanxeo, para que saiban que son fill@s de Deus e irmáns.... cúmprese esta escritura. Cada vez que unha persoa se esforza por acadar unha orde social máis xusta na que as persoas sexan persoas e non cousas.... estase cumprindo esta escritura. Cada vez que unha persoa tenta que miremos por riba da miopía dos cartos, do poder, da comodidade, da preguiza.... estase cumprindo a escritura. Cada vez que unha persoa pregoa aos catro ventos un ano de graza do Señor, un ano interminable no que deixemos de ser lobos para os irmáns, en que acabemos de ver no outro un inimigo ao que hai que perseguir.... cúmprese esta escritura. Cada vez que unha persoa berra que quere a paz e non a guerra, dándonos de verdade a man, sen rancores e poñendo o diálogo como punto de partida...cúmprese esta escritura. Cada vez que unha persoa pregoa que cómpre achegarse sen medo nin reservas aos demais, sentar con eles e compartir mesa e mesmo bolsa... estase cumprindo esa escritura. É responsabilidade nosa o feito de que HOXE, HOXE mesmo, poida ou non cumprirse esta escritura. A que esperamos?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, imos compartir agora a oración da comunidade, sabendo que Ti estás con nós, acompañando e alentando canto vivimos e nos ocupa, por iso dicimos xunt@s:
QUE APRENDAMOS A SEGUIR OS TEUS PASOS
ü  Para que a Igrexa se esforce por ser fiel á túa palabra e non a utilice segundo os seus intereses e comenencias, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A SEGUIR OS TEUS PASOS
ü  Para que nas nosas comunidades lle prestemos a atención que merece á palabra de Deus, e desde ela saibamos ver a túa presenza en canto fagamos, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A SEGUIR OS TEUS PASOS 
ü  Para que nós non esquezamos nunca que só afondando no coñecemento da túa palabra poderemos coñecerte a Ti e á túa mensaxe, para así non confundilo nunca coas tradicións, costumes e ritos, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A SEGUIR OS TEUS PASOS
Señor, que a túa palabra enchoupe sempre a nosa vida e a nosa oración. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Que non se nos afaga o corazón, Señor,
a ver persoas sufrindo en situacións inxustas.

Que non vexamos normal tropezar todos os días
con homes e mulleres desprazados, sen casa, sen teito.

Que nos escandalicemos cada día deste mundo que montamos
no que uns temos de todo e a outros fáltalles todo.

Que non se nos afaga o corazón
á mirada triste e perdida,
ao xesto caído e desanimado,
á palabra soez ou burlona,
ás poucas ganas de vivir,
a calquera deterioro do irmán,
que é o seu berro desde a beirarrúa da vida.

Que non se nos afaga o corazón, Señor,
a ver como normal ao recén chegado
que cruza o mar para buscar un futuro,
ao que quedou sen familia, sen traballo, sen teito
e mañá non atopará saída para o seu problema.

Pon tenrura, Señor, no noso mirar;
pon agarimo na nosa man que saúda;
pon misericordia na nosa mente que fai xuízos;
pon sabedoría na nosa linguaxe;
pon escoita nos nosos oídos que reciben a túa Palabra. 

CANTOS
*        ENTRADA: Camiñarei
*        LECTURAS: A túa palabra
*        OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá
*        COMUÑÓN: Grazas, Señor.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...