Ir al contenido principal

Aninovo 2013


BENAVENTURADAS AS PERSOAS QUE TRABALLAN POLA PAZ

PÓRTICO
Bo día e Feliz Aninovo para tod@s!!!!!!!!!!!!!!. Poderiamos dicir que son tres os eixos arredor dos que xira hoxe a nosa celebración:

û  En primeiro lugar, coma sempre, a nosa celebración é acción de grazas a Deus por tantas e tantas cousas: encontros, acontecementos, oportunidades, oracións.... que pon diante de nós ao comezo dun novo ano. Reunímonos tamén para pedir perdón por tantos erros, tantos excesos, tantas insensibilidades, tanta falla de amor cara Deus e cara aos irmáns. Reunímonos tamén para abrirnos á esperanza: o futuro non está escrito. Cada día, cada hora é un talento co que Deus nos agasalla, porque cremos no Deus das promesas, que non nos deixa solos.

û  En segundo lugar, hoxe poñemos os nosos ollos e os nosos corazóns en María, Nai e Señora, que nos ofrece a Xesús, e pedimos o seu amparo no novo ano que comeza.

û  En terceiro lugar, celebramos a 46 Xornada Mundial da Paz baixo o lema “Benaventuradas as persoas que traballan pola paz”.

Deus ofrécenos, unha vez máis, un tempo cheo de esperanza e de posibilidades. Comecemos a sacarlle partido desde agora xa.

 O PERDÓN
ö  Por ser como a gasosa e faltarnos constancia cos propósitos de comezo de ano, SEÑOR, ALENTA A NOSA CONSTANCIA.

ö  Por non facer da paz un guieiro da nosa vida, CRISTO, ALENTA A NOSA CONSTANCIA.

ö  Por non ser capaz de poñer a construción da paz co trato xusto e igualitario para cos demais, SEÑOR, ALENTA A NOSA CONSTANCIA.
 

Remuíño

·         A Palabra, Deus, estaba desde o principio. Ela é a causa de todo, e por ela volvemos comezar o ano poñéndonos nas súas mans e recibindo a súa bendición. Bendita Palabra que anima, alenta, acompaña, axuda, descobre e chama a espertar do sono da comodidade e o desalento!. Bendita Palabra que nos segue a ilusionar e fai posible a marea de solidariedade, sen conseguir abaternos nin vencernos malia á crise e ás dificultades que esta vai traendo ás familias!. Bendita Palabra que posibilita que as persoas sigamos a confiar unhas noutras, sen abandonar aos máis pobres e necesitados, a pesares dos abusos, os enganos, as manipulacións, o maltrato, as inxustizas ou a mentira!. Bendita Palabra que nin o consumismo, nin a superficialidade, nin o egoísmo nin a soberbia son capaces de silenciar e facer que non se escoite!. Grazas, Deus Palabra, neno pequeno, pobre e esquecido dos poderosos, por querer nacer entre nós; por querer facerte presente na nosa vida, por alentarnos e chamarnos a camiñar unidos, a non deixar que as fendas dos que mandan e toman as decisións sobre nós nos dividan e enfronten!. Grazas, Deus Palabra feito home para asumir a nosa humanidade e sentir o desgarro da inxustiza, do engano e da angustia que nos provocan os que din que xa non hai sitio nin para ti nin tampouco para nós; porque o queren todo, o collen todo, o dominan todo, o … pero por moito que o intentan, non poden contigo. Ti, Palabra viva e activa, que nos dás forza para non deixarnos derrubar, unión para facer fronte aos que nos meten en sarillos, indignación para non calar cando os poderosos, querendo aparentar ser bos, fan xestos para as cámaras e as portadas de periódicos, pero non senten o que fan e poñen sorrisos de plástico.

·         E a Palabra habitou entre nós. Si, non quixeches irte, e quedaches para asumir a nosa condición humana, coas nosas pobrezas e debilidades, coa nosa impotencia cando queren xogar con nós como se foramos bonecos, coa nosa frustración por conternos e non usar o mesmo xeito de facer as cousas ca eles, coa incapacidade para superar o noso propio interese e unirnos con indignación para dicirlles que somos persoas, que temos sentimentos, que non poden tratarnos coma se foramos mercancía. E estando en nós axúdasnos a espertar, a non deixarnos ir, a atopar razóns para facer que non esmoreza a esperanza e siga viva en nós a capacidade de renovarnos, xuntarnos, esforzarnos … e sempre en comunidade. Grazas, Señor, por ser Palabra que non se esquece unha vez que remata o telexornal ou pechan as rotativas coas novas, senón que estás sempre, alentas sempre, ilusionas sempre; e tamén, porque che doe o que nos fan, sofres sempre con nós. Desde o principio, no antes e no agora, no mañá que está por vir e non queremos pecharlle aos nen@s que nacen hoxe, que crecen hoxe, que confían en nós hoxe. Grazas, Señor, por ser Palabra viva, ardente, solidaria, xusta e, o que a ti máis che gusta: comunitaria. A pesares dos profetas de calamidades e dos mestres da nostalxia, neste comezo de ano volves dicirnos que o que pasou non hai que esquecelo, pero si deixalo atrás, e que os pasos temos que ir dándoos cara adiante, sen medo e cheos de confianza. Porque só así entenderemos o que queres dicir: que a Palabra fíxose carne para habitar entre nós.

·         Esta Palabra que estando en Deus se nos mostra hoxe a cant@s a queiramos acoller, dinos que neste primeiro de ano, nunha nova xornada da paz, non podemos calar nin deixarnos ir como se os problemas non fosen con nós. O Papa Bieito XVI, na súa mensaxe para este día lémbranos que a nosa actitude non pode ser a do derrotado, a do que se deixa ir, a do que pensa que todo xa está feito e non queda máis que aguantar. Non, el dinos que: 

      • Cada novo ano trae consigo a esperanza dun mundo mellor

§  Nos 50 anos do Concilio Vaticano II, os cristiáns, como Pobo de Deus en comuñón con el e camiñando coas persoas, comprométense na historia compartindo as alegrías e esperanzas, as tristezas e angustias, anunciando e salvación de Cristo e promovendo a paz para todos.

§  Os fundamentalismos e os fanatismos son as verdadeiras ameazas para a paz.

§  A paz só pode chegar se hai xustiza e desenvolvemento, non só económico, senón integral, de toda a persoa e de canto a fai máis humana.

§  Que esta tarefa, sendo de tod@s, temos que desenvolvela desde unha ética de comuñón e participación: non somos espectadores, senón participantes dela.

§  A pura tecnoloxía e eficencia non fan felices ás persoas, senón que as escravizan e as dominan.

§  Só poderemos construír e deixar un camiño de paz para nós e para os que veñan despois se o asentamos na verdade –todo o que humaniza á persoa– a xustiza, a liberdade e o amor. Porque a paz non é nin un soño nin unha utopía –algo inalcanzable–, senón que é posible. A nós correspóndenos cambiar as actitudes para acadala; e só o poderemos facer desde a búsquea a do ben común.

·         Participemos logo desta marea na búsquea da paz. Fagámolo poñendo a nosa forza na Palabra que é Xesús, que se nos mostra nacendo do ventre da súa nai como luz no camiño. Que este comezo de ano sexa o comezo de algo grande que entre tod@s podemos construír.

Oración da comunidade
Neste día no que a Palabra feita humanidade nos invita a ser persoas activas na tarefa de converternos en construtores de paz, deixémonos levar da súa man e digamos xunt@s:

QUE NON CALEMOS DIANTE DA INXUSTIZA DOS VIOLENT@S

  • Para que neste comezo de ano, o noso compromiso sexa o de loitar contra todo aquilo que impida facer de nós, das nosas familias, dos nosos barrios, das nosas parroquias, do noso país, persoas e lugares de paz, OREMOS.

QUE NON CALEMOS DIANTE DA INXUSTIZA DOS VIOLENT@S

  • Para que o ano que hoxe empezamos reforce entre nós as relacións de confianza, colaboración, unión e preocupación duns polos outros, OREMOS.

QUE NON CALEMOS DIANTE DA INXUSTIZA DOS VIOLENT@S

  • Para que, do mesmo xeito que a maternidade de María foi para nós un agasallo de amor, saibamos nós agasallar co amor convertido en tempo e presenza ás persoas que poidan necesitarnos, OREMOS.

QUE NON CALEMOS DIANTE DA INXUSTIZA DOS VIOLENT@S

Grazas, Señor, por ser Palabra sempre viva e presente que vai alentando, animando e ilusionando a nosa vida para convertela en esforzo continuado e creador de paz con nós mesmos, cos irmáns e contigo. P.X.N.S. Amén.

REFLEXIÓN

A Xesús, deitadiño na manxadoira,
entre o admiramento dos seus pais
e os ditos e louvanzas de pastores,
polo baixiño,
presentámoslle os nosos desexos
para o ano que empeza.
Que haxa pan e paz nas nosas casas.
Que vaia adiante a unión que nos libera.
Que solezan os pobres desta terra.
Que a terra sexa fiel a tantas suores.
Que o mar cos mariñeiros se volva doce.
Que teñamos razóns para vivir cada amencer.
Que non morra a esperanza nas horas negras.
Que vexamos en cada noite a nosa estrela.
Que medren os amigos ás nosas portas.
Que a confianza abonde no noso trato.
Que morra a falsidade, que a leve o trasno.
Que non morran os soños dos soñadores.
Que non se apague a vela dos que alumean.
Que non cansen da loita os loitadores.
Que aproveitemos o don de cada día.
Que fagamos render os bens xa recibidos.
Que veña a túa man, Xesús, e nos bendiga. Amén.

                                      REGAL, M. “Un caxato...” (Pax. 250-1)

CANTOS

û  Panxoliñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...