Ir al contenido principal

2 Domingo Tempo Ordinario C 2013

SÓ OS SINAIS DE AMOR FAN CRIBLE A COHERENCIA DA IGREXA NO MEDIO DUNHA SOCIEDADE ENCHOUPADA POLA CRISE E A DEGRADACIÓN DO SER HUMANO
PÓRTICO
            O amor de Deus foi vertido nos nosos corazóns ata rebordar. Si, pero a fondura dese amor non se manifesta en abstracto ou só nas palabras, senón que se vai mostrando nas accións, grandes ou pequenas, de cant@s temos a Deus por raíz de vida e tronco do que saen as pólas do encontro cos irm@ns a través das nosas accións e comportamentos. Non podemos falar que temos comprendido o amor de Deus se buscamos só o noso proveito, a nosa comenencia ou o noso interese. Así, dificilmente poderemos entender que quere dicir amar e tampouco aprenderemos o que é o amor. Hoxe a palabra de Deus móstranos os sinais do amor que se van facendo presentes na estabilidade dun compromiso, na capacidade de escoitar e non actuar arroutadamente, no xesto de confiar a pesares das dificultades que esa confianza supón e esixe.
            Participemos na celebración de hoxe co corazón aberto a superar as ideas fixas, e a deixarse enchoupar pola linguaxe de Deus que se vai manifestando no actuar e vivir de moit@s dos que nos rodean.

PERDÓN

v  Polas veces nas que non puxemos o esforzo suficiente para construír a relación na nosa familia sobre o amor e a confianza, SEÑOR, FAINOS INSTRUMENTOS DE PAZ E AMOR.

v  Por ser demasiado conservadores á hora de superar accións e comportamentos, cos que outros en tempos pasados, nos fixeron sufrir e nos produciron dor, CRISTO, FAINOS INSTRUMENTOS DE PAZ E AMOR.

v   Pola nosa falta de confianza na forza do amor de Deus, que nos fai dubidar e desconfiar das persoas, SEÑOR, FAINOS INSTRUMENTOS DE PAZ E AMOR.

REMUÍÑO

§      Rematado o tempo de Nadal, é momento de retomar hábitos de comportamento que neste intervalo festivo fomos deixando de lado. Con tranquilidade, e sen necesidade de poñer sorriso de festa, volvemos ás tarefas cotiás para seguir crecendo como persoas e desenvolvendo, sen moito barullo e con responsabilidade, os quefaceres habituais que nos van facendo descubrir a sinxeleza da vida, sen ter que recorrer a extravagancias ou rarezas. O tempo Ordinario resitúa a nosa vida para mostrarnos que cando un fai ben as cousas, cando un é capaz de buscar e repartir o tempo con racionalidade –sentidiño– podemos chegar a concretar aqueles proxectos e ilusións que nos propuñamos no comezo do ano. Deste xeito, con tempo e paciencia, a constancia, da que hai uns días falabamos, convértese en vertixe sobre o que imos avanzando e acadando que os propósitos non queden en boa vontade, senón se convertan en realidades concretas que nos van axudando a sentírmonos a gusto co que facemos, co horizonte e sentido que nos temos marcado na vida. E neste horizonte aparece Deus como amigo no camiño, e a fe como medio desde o que descubrimos o valor do encontro comunitario, a tarefa compartida, e a oración agradecida por sabernos acompañados en gozos e esperanzas, en tristuras e dificultades. Unha vez máis, Deus váisenos mostrando na compaña de quen nos escoita, na man que se nos tende, no tempo que outros nos dedican ou no esforzo de repartir o que temos para que máis poidan gozalo. E todo desde o amor, ese amor que deixa de ser unha palabra recurso para converterse en dispoñibilidade.

§      Aquí, e non noutros sitios, é onde atopamos de verdade e sen finximentos as marabillas do Señor. Unhas marabillas que veñen con nome e apelidos, con rostro recoñecible, con sorriso sincero, e non posicionamento diante dunha cámara de fotos ou de vídeo. Un posicionamento que moitas das veces é irreal e pura ficción. Non ocorre así coas marabillas de Deus porque estas podemos velas, prezalas e compartilas desde a nosa relación, san e sincera, de colaboración e axuda de uns para cos outros. E isto só pode ser deste xeito se sae da sinceridade que poñemos á hora de facer estas accións que quedan inmortalizadas como pequenos sinais de que a presenza de Deus non se agocha, senón que se vai mostrando no que de ben e bo sexamos capaces de facer.

§      Unha presenza que é verdadeiro sopro do Espírito, e que vai repartindo azos de reflexión e acción nas nosas vidas. Por que nos é tan difícil moitas veces recoñecer esta presenza?. Por que temos tanta dificultade en confiar nela, namentres somos crédulos, inxenuos e a boa fe cando escoitamos isto ou aquilo na radio ou na televisión, e o cremos sen cuestionarnos se é ou non verdade?. Por que a Deus o aparcamos porque non o vemos, e porén seguimos necesitando que nos conten, digan, ou mostren situacións ás que non lle poñemos nin o máis mínimo dos cuestionamentos?. Por que nos custa tanto deixarnos levar pola forza do Espírito, e sen embargo a nosa credulidade fai que nos deixemos enganar por tantos interesados e aproveitados que só buscan xogar con nós para obter eles moi bos beneficios?. Por que non acabamos de darnos conta que a Deus non lle vai nisto máis que o amor e o cariño que nos ten, namentres hai outros “deusiños” que o que lles vai, e moito, non é outra cousa que facer medrar os billetes na súa carteira?.
 
§      En Xesús descubrimos a resposta: os seus sinais non queren ser máis que mostra de amor, cercanía, respecto e preocupación por canto nos fai felices; namentres que nos que nin son coma el nin lles interesa esforzarse por selo, só hai desconfianza e ansia de medrar. Neste tempo de crise, no que vemos como as persoas poden dar ou mellor canto somos capaces de facer polos outros, esforzarnos por mirar os sinais de Xesús cos seus ollos, non pode traernos máis que forza interior para superar atrancos e dificultades, e capacidade de unir esforzos para defender todo aquilo que faga que as persoas se sentan mellor, se descubran máis libres e se recoñezan na súa total humanidade. Que mellor sinal ca esta, como ocorreu en Caná de Galilea, para dicirlle aos mercadores, que hoxe tanto abundan, e que buscan beneficios a custa das persoas, que non estamos dispostos a favorecerlles o enriquecemento das súas contas persoais. Que o benestar que queremos non é para uns poucos, senón para tod@s, porque tod@s somos fill@s de Deus, e non mercadoría que se compra con engano e se vende ao que máis paga. Que saibamos ser pacientes, como o foi Xesús en Caná, para ofrecer o mellor de nós e gozar co sorriso do irm@n.
 
ORACIÓN DA COMUNIDADE

            Desde o amor do que Xesús nos dá hoxe un verdadeiro testemuño de entrega e servizo cara aos demais, presentamos agora a nosa oración e dicimos xunt@s:

QUE AS TÚAS MARABILLAS, SEÑOR, AS CONTEMOS CO NOSO COMPORTAMENTO SERVIZAL

o   Para que os responsables da Igrexa, desde unha verdadeira actitude de servizo, saiban estar no mundo con actitudes de dispoñibilidade e non de defensa de intereses persoais e pouco evanxélicos, OREMOS.

QUE AS TÚAS MARABILLAS, SEÑOR, AS CONTEMOS CO NOSO COMPORTAMENTO SERVIZAL

o   Para que espertemos do soño de ser comunidades rutinarias e baleiras de contido verdadeiramente evanxélico, para comezar a camiñar dando testemuño da fe que cremos e compartimos cos nosos feitos e a nosa maneira de vivir desde a esperanza, en tempos recios e difíciles, OREMOS

QUE AS TÚAS MARABILLAS, SEÑOR, AS CONTEMOS CO NOSO COMPORTAMENTO SERVIZAL

o   Para que cada un/ha dos que participamos nesta celebración, fagamos o esforzo por tomar en serio e levar á vida de cada día o que neste momento celebramos, compartimos e agradecemos xunt@s diante do Señor: que o amor de Deus ten o seu espello no noso xeito de actuar, OREMOS.

QUE AS TÚAS MARABILLAS, SEÑOR, AS CONTEMOS CO NOSO COMPORTAMENTO SERVIZAL

Señor, alenta, anima e acompaña canto agora temos compartido e expresado comunitariamente. P.X.N.S. Amén.

REFLEXIÓN

Non soportamos esperar cola no súper, no banco, no Concello, na gasolineira... Poñémonos nerviosos en canto o autobús tarda máis de cinco minutos ou o coche que levamos diante reduce a súa velocidade. Esperamos que nos contesten os Whatsapp en cuestión de segundos, os correos electrónicos agora e xa, as chamadas polo móbil que nolas collan ao momento e sen demora... Entón, somos como case todos. Somos uns impacientes sociolóxicos. E porén, sabemos que o importante require sempre o seu tempo, que os bos pratos cocíñanse a lume lento. Gustaríanos saber esperar… Sentarnos preto do lume e somente esperar. Pero non é tan fácil.

A paciencia non é unha palabra de moda hoxe. Soa a consello de avoa. e quizais por iso é das máis necesarias. A paciencia supón esperar e respectar os tempos. Supón desexar a chegada de outro e non ter máis que facer que esperar. Desexar e esperar. Exercitarse neste arte de esperar é unha tarefa que tod@s, agora que pasou o Nadal e temos moito tempo por diante para pensar e facer, podemos exercitar. Que mellor que comezar hoxe!. Contemos, sen presa e ilusionad@s, as marabillas do Señor!.

                   (Sobre unha idea de Carlos Gómez-Vírseda .sj)

CANTOS
Ø  ENTRADA: Camiñando pola vida
Ø  LECTURAS: Contade as marabillas do Señor
Ø  OFERTORIO: Benaventurados
Ø  COMUÑÓN: Acharte presente

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...