Ir al contenido principal

Oracións Bautismo do Señor 2013

ALGUNHA VEZ POLO MENOS

Que te vexa, Deus,
que te sinta e que te palpe.
Algunha vez polo menos.

Que a túa man aloumiñe
o meu corpo ensombrecido.
Algunha vez polo menos.

Que a túa voz me devolva
a frescura esmorecida.
Algunha vez polo menos.

Que o teu alento descenda
e me encha de enerxía.
Algunha vez polo menos.

Que a túa voz me dea acougo
cada noite; e cada día.
Algunha vez polo menos.

Que teña a ledicia inmensa
de sentir a túa sombra
cubrindo a miña fraqueza.

Que algunha mañá sequera
sinta o teu bico aceso
co aire que me esperta.

E serei un con Xesús
en tanta loita diaria
sen medo a caer en cruz.

E levarei os traballos,
e atoparei forzas novas
para poder amansalos.

E farei corpo cos pobres,
con eles abrirei paso,
buscando o Reino de Deus
feito de pulsos e abrazos.

 
UN POBO QUE EMPEZA O SEU CAMIÑO

O Pobo estaba esperando ó Mesías ...
Feliz a xente que sabe agardar,
humilde e valente,
feliz o pobo capaz de soñar.

O que é máis forte ca min ...
Máis forte cós nosos medos,
para vencelos,
máis forte cós nosos pecados,
para curalos,
máis forte cás nosas poucas ganas,
para crealas .

Havos bautizar con Espírito Santo ...
E seremos xente nova,
co alento de Deus nas entrañas,
por fin bateremos coa forza
que renove as nosas vidas cansadas.

Mentres oraba, abriuse o ceo ...
E o ceo sempre aberto
para escoitar a voz dun pobo
que suplica paz con pan e arde con xustiza.

Baixou sobre el o Espírito Santo ...
Un Espírito que crea vida nova,
que alenta, que aleda e que renova,
compañeiro imprescindible no camiño
que unha vez máis tomamos nesta hora.

Ti es o meu Fillo benquerido ...
Unidos a Xesús co seu Espírito,
nesta ansia por erguer as nosas vidas,
saberémonos de Deus fillos queridos,
de Deus recibiremos forza e paz cumpridas.

 
PREGARIA DE ENTREGA E OFRECEMENTO
 
Aquí estou, pois ti me queres,
Señor do todo e da nada,
coa miña vida nas mans
agardando a túa chamada.

Pódesme pedir sen taxa:
polos vivires te quero,
e para quen ama a fondo
no se dar non hai tempero.

O teu Espírito en min
clama sen fin día e noite,
para facerme fillo fiel
que a túa palabra escoite.

Quero buscarte nos sitios
onde Xesús te buscou,
quero gozarte nas cousas
onde Xesús te gozou.

No pobo fixeches casa
e nel fuches subversivo;
porque entre rezos baleiros
non queres verte cativo.
Oalá que te comprazas
nos meus diarios camiños,
pois coa vida quero honrarte
meu Deus, querido paiciño!


SERVO DE DEUS, XESÚS
Servo de Deus, Xesús, pero reinando.
Rei de reis, Xesús, pero servindo.
Es servo de Deus, o predilecto,
feito amor e servizo, esa é a túa vida.

Vés para servir, en liberdade,
vés para reinar, no servizo.
Ensinas a servir para ser libre,
ensinas a ser libre no amor.
Ensinas a vivir no amor,
ensinas a irmandade en comuñón.

Ensinas a sacar os prisioneiros,
a cantar a liberdade, cheos de gozo.
Invitas a curar de toda lepra.

Ensinas a partir o pan e a repartilo.
E a facerse pan, a lavar os pés,
a ser enteiramente bautizados e bautizadas
no lume do Espírito do teu amor.

PAI, NESTE DÍA
Pai, neste día no que celebramos o bautismo de Xesús
e lembramos o noso propio bautismo no Espírito,
pedímosche coraxe para confesar a Cristo
como Señor das nosas vidas,
para poder rezar o Noso Pai sentindo no noso corazón
o que dicimos cos beizos, e abrimos ao amor fraterno,
para ser membros conscientes e adultos do teu pobo, a Igrexa,
a fin de que o mundo vexa o testemuño da nosa fe e conduta,
para derreter o noso xeo e encher o noso baleiro interior,
para vencer o pecado coa forza do teu amor no corazón,
para vivir, en fin, a moral cristiá con talante de fillas e fillos teus
e como Lei do Espírito que dá vida en Cristo Xesús.Amén
 

O MOMENTO DAS GRANDES DECISIÓNS
Hai moitos que pensan
que Xesús, por ser Fillo de Deus,
xa o tiña todo resolto.

Non tiña que escoller,
non tiña que decidirse,
non tiña que resistir as tentacións,
non levaba interrogantes dentro del
Todo para el era coma un camiño sen fochas,
como un ceo sen nubes,
como un mar sen ondaxe,
como unha noite estrelada.

E non foi certo.
Xesús foi Fillo de Deus,
pero iso non o privou
nin das pequenas decisións
nin das grandes decisións
que a vida leva consigo.

Tivo que facer fronte
ao mal que o tentaba.
tivo que buscar saída
aos interrogantes que o afogaban.
Tivo que buscar un camiño
para a súa vida incerta.

No camiño das grandes decisións
o bautismo de Xesús foi o primeiro paso.
Desde aquel momento
acompañouno sempre unha certeza:
El era totalmente de Deus, e para Deus;
e Deus era totalmente del e para el.  

O Espírito foi quen selou esta alianza
que nada nin ninguén
xamais poderá romper.

DESCENDICHES AO NOSO INFERNO
Descendiches ao noso inferno
E asumiches as nosas miserias.

Para que tivésemos a luz,
fixécheste cego.

Para que tivésemos a unión,
experimentaches a separación do Pai.

Para que posuísemos a sabedoría,
experimentaches a «ignorancia».

Para que esperásemos,
case desesperaches.

Para que Deus estivese connosco,
sentíchelo lonxe de ti.

Para que fose noso o ceo,
sentiches o inferno.

Para darnos unha existencia gozosa
na terra entre cen irmáns e máis,

fuches excluído do ceo e da terra,
dos homes e da natureza.

            Chiara Lubich, Cittá Nuova, In Memoriam!
 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...