Ir al contenido principal

Epifania 2013


TODAS AS PERSOAS TEMOS UNHA ESTRELA QUE, A POUCO QUE MIREMOS CARA DENTRO, NOS LEVA A XESÚS.
DEIXÉMONOS GUIAR POR ELA!

PÓRTICO
Nin eran tres, nin facían maxia, nin eran reis. Eran uns homes sabios, de alén das fronteiras xudías, que se puxeron en camiño para renderlle homenaxe ao Neno que viña de nacer. Máis alá de controversias e debates estériles que poñen de manifesto a necesidade de formarnos, tamén no ámbito da fe, hoxe xuntámonos para celebrar a festa da Epifanía, é dicir, a manifestación de Deus a todos os pobos, a todas as persoas. É unha festa que nos fala de universalidade e que vén botar abaixo a teima que tiñan os xudeus de que o Mesías que nacía ía salvalos só a eles.
Porén, a intención de Mateu cando relata a adoración dos magos é sinxela: Deus nace para salvar a todas as persoas, porque para El non hai estranxeiros.
Que a celebración que agora comezamos nos axude a poñernos en camiño coma os sabios: seguindo a estrela de Deus. De seguro nos levará a descubrilo e recoñecelo nos irmáns e nas irmás e nos acontecementos da vida e da historia.

O PERDÓN
ð Por agocharlles a luz aos demais, excluíndoos, negándolles a palabra, gardando rancor e non valorándoos coma o que son: fillos/as do Deus amor, SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS GUIAR POLA TÚA ESTRELA.
ð Por ter renunciado á posibilidade de formarnos no eido da fe, sen descubrir que o coñecemento nos fai máis libres, CRISTO, QUE NOS DEIXEMOS GUIAR POLA TÚA ESTRELA.
ð Porque a pesar de que a vemos brillar enriba de nós, non estamos dispostos a deixar que a túa estrela alumee a nosa vida, enchéndoa de misericordia, xustiza e tenrura, SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS GUIAR POLA TÚA ESTRELA.

REMUÍÑO
*        Uns magos de oriente, uns estranxeiros, presentáronse en Xerusalén preguntando “...onde está o rei dos xudeus que naceu?. Miramos saír a súa estrela e vimos renderlle homenaxe...”, dinos o evanxeo de Mateu. Por entón, críase que o nacemento de todo gran personaxe na terra ía acompañado pola aparición dunha estrela no firmamento. A Xesús non lle podía faltar a súa. A estrela, sobre a que se lanzaron moitas hipóteses (un cometa, unha conxunción de planetas...), é un símbolo, o símbolo do Mesías, que conduce aos pagáns (os non xudeus) á luz da fe, feito anunciado polos profetas no Vello Testamento.

*        Os magos viñan de Oriente. Para un israelita, oriente pode ser todo o que hai ao outro lado do Xordán. Así, tal vez, foran orixinarios da tribo dos medos, que chegou a converterse en caste sacerdotal entre os persas; ou tal vez non. Dos magos soubemos (inventamos?) máis co tempo; pero nada disto aparece nos evanxeos. Desde o século II pénsase que eran tres, porque son tres os agasallos que lles ofrecen ao neno: ouro (regalo real), incenso (para o culto) e mirra (para unxir o cadáver o día da morte). No século VI bautizóuselles co nome de reis: Melchor (rei de Persia); Gaspar (rei de Arabia) e Baltasar (rei da India).

*        Máis alá de controversias, lendas e opinións, que fan que nos escandalicemos por parvadas, o importante da festa de hoxe é a universalidade. Moito lle custou (moito nos custa) ao pobo de Israel (aos cristiáns) saír da exclusividade da relación con Deus para compartir e descubrir que El se lle manifesta a todas as persoas, respectando culturas, crenzas ou formas de vida. Por iso nós que, coma os magos, vimos saír a súa estrela, estamos chamados a levar esta estrela ao portal de tantas persoas que, neste tempo de crise tan duro que estamos a sufrir, están deixadas de lado, discriminadas de calquera xeito, faltas de oportunidades de realización, sedentas de verdade, famentas de pan e luz, desexosas de xustiza, enfermas de desesperanza. Que máis dá se foron tres, cinco ou cen; se foron magos ou albaneis; se lle levaron agasallos ou comida quente.... O importante é que se puxeron en camiño cara Belén. Fagamos nós o mesmo e deámoslle ao Neno o mellor que temos: a nosa vida, para que El a alumee.
 
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Acheguémonos á carón do Deus que hoxe se nos manifesta como luz, paz e xustiza sen distinción de razas, culturas ou linguas, e digamos:
GRAZAS, SEÑOR, POR ALUMEAR A NOSA VIDA
´  Para que quen formamos a Igrexa, Pobo sempre en camiño, sexamos verdadeiras estrelas de Deus coa nosa palabra e co noso exemplo, Oremos.
GRAZAS, SEÑOR, POR ALUMEAR A NOSA VIDA
´  Para que todas as persoas que teñen responsabilidades en calquera eido (político, cultural, educativo, eclesial....) se deixen guiar sempre pola luz da verdade, do ben común, da honestidade, da paz e da xustiza, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ALUMEAR A NOSA VIDA
´  Para que todas as persoas, fundamentalmente as que están sufrindo máis os efectos da crise (parados, maiores, as que quedan sen casa, as enfermas....) reciban o agasallo da tenrura e a ilusión que veñen de Deus e que nós estamos chamados a darlles, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ALUMEAR A NOSA VIDA
´  Por cada un e cada unha de nós para que recuperemos a nosa condición de nenos capaces de marabillarnos, sorprendernos, emocionarnos e engaiolarnos polo don da fe e por tantos e tantos agasallos que pos todos os días nas nosas vidas, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ALUMEAR A NOSA VIDA
Ilumina, Señor, o noso camiñar para que sexa xusto e solidario, e fainos testemuñas da túa luz e do teu amor. P.X.N.S. Amén. 

PARA A REFLEXIÓN
Queridos Reis Magos:
Este ano, grazas á crise, temos descuberto que único agasallo que nos cómpre é AMOR. É o que máis precisamos.

Amor para non vivir de aparencias.
Amor para non quedar en palabras bonitas.
Amor para non converternos en pavos reais.
Amor para non sermos fariseos.
Amor para poder dar algún froito e non ser persoas baleiras.
Amor para non vivir de ilusións e fantasías.
Amor para non enganar ao irmán e á irmá.
Amor para non buscar a gloria persoal.
Amor para sermos felices e facer felices aos demais.
Amor para saber onde está o meu irmán e a miña irmá.
Amor para non construír sobre area.
Amor para edificar un mundo novo.
Amor para superar as crises.
Amor para vivir as Benaventuranzas e sementar a paz.
Amor para crear beleza.
Amor para elevar a vida.
Amor para vivir a eternidade.
Amor para non equivocar o camiño.
Amor para sentirnos libres.
Porque.... Ama e fai o que queiras.

(Cáritas. Advento e Nadal 2012-13 Páx. 21-22)
 
CANTOS
*    Panxoliñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...