Ir al contenido principal

4 domingo TO C


AS DIFICULTADES SON MOITAS E ESPERANZA POUCA.
NECESITAMOS PROFETAS QUE NON SE DEIXEN ARRASTRAR POLO DESCORAZONAMENTO QUE NOS VAI INVADINDO A TOD@S
PÓRTICO
            Que doado é falar, pero que difícil actuar, facer, comportarse segundo o que dicimos ter claro!. Este paradoxo, do que ningún de nós estamos excluídos, é o que nos quere plantexar a palabra que imos proclamar na celebración. As cousas non resultan fáciles, e na sociedade das tecnoloxías máis avanzadas sobran pretendidos mestres e fáltannos verdadeiras testemuñas. faltan profetas de ilusión e cambio, profetas de renovación e loita, profetas con visión de futuro, profetas que non estean dispostos nunca a deixar que o presente esmoreza, porque o actuar interesado e sempre calculado de quen só ve e busca resultados, sen pararse a coñecer, escoitar e dialogar coas persoas, non crea máis que frustración.

            Acheguémonos á mesa da fraternidade dispoñéndonos a deixar que a palabra proclamada vaia enchoupando vida e accións.
PERDÓN
*        Cando o fracaso e a frustración queiran aniñar en nós, SEÑOR, AXÚDANOS A ESCORRENTALOS.
*         Cando a tentación do sectarismo e a exclusión nos invadan, CRISTO, AXÚDANOS A ESCORRENTALOS.
*        Cando cedemos á tentación de deixar morrer a fe, minguar a esperanza e cousificar o amor, SEÑOR, AXÚDANOS A ESCORRENTALOS.

REMUÍÑO
ü  Cando dicimos que a mensaxe de Xesús e a fe que dela emana é universal, queremos poñer de manifesto que a acción de Deus vaise expresando na práctica do ben dos que nos chamamos seguidores seus; non no que as persoas chamamos, e tamén moitas veces facemos: a discriminación. Diante da tentación dos que reivindican en exclusiva a Deus coma seu, coma único para eles ou como só preocupado polas súas cousas, afastando, marxinando e sometendo aos que rezan distinto e cren doutro xeito, o Deus cristián móstrase -e vimos de escoitalo nos textos que temos proclamado-, como o que abarca a tod@s, o que abre os seus brazos para permitir unha aperta agarimosa e incluínte, na que tod@s temos acubillo e na que ninguén queda nin ás portas nin se lle trata coma un apestado. Este xeito de actuar de Deus é o que marabilla a aqueles que reciben a súa palabra, de aí que o pobo, a pesares das súas moitas infidelidades, segue sentíndose fascinado polo xeito de tratalos por parte do seu Deus. Fronte do actuar castigando, amedrentando ou sacrificándoos dos deuses dos outros pobos, o Deus de Israel é paciente, agarimoso e sempre preocupado polos seus. A presenza dos profetas na vida de Israel non é máis ca unha destas mostras do agarimo e da preocupación de Deus polo pobo. Os profetas animan, alentan, corrixen, forman, educan... fan presente a Deus co seu actuar e co xeito de estimular a esperanza na vida da comunidade.

ü  Nun momento como o actual, tamén é importante o labor dos profetas. Mellor dito, hoxe máis ca nunca, necesitamos profetas que se convertan en testemuñas para o noso actuar honesto, responsable, gozoso, ledo e cheo de esperanza. Coas dificultades que tantas persoas e tantas familias están a sufrir, necesitamos profetas que sexan referentes que nos axuden a non caer no desespero, a tristura e o desencanto permanente. E como estamos tan desesperados pola situación tan difícil que social, cultural, política e laboralmente estamos a vivir, nunca tanto coma hoxe son importantes persoas que nos mostren coa súa vida que hai luz ao final deste longo túnel; que hai solución a esta situación, que é posible cambiar as cousas e poñer á persoa, ao ser humano , e non aos negocios, os cartos, o poder ou ao engano, como cumio, horizonte e razón de empeñar e implicar a vida para cambiar e mellorar as cousas. E se paramos un pouco e poñemos distancia da saturación de información e medios; se somos capaces de atopar momentos para a reflexión pausada, para o convencemento de que as cousas boas e valiosas levan tempo, que non todo é chegar e encher; se ampliamos a nosa mirada..., entón descubriremos que profetas hainos, o que temos é que esforzarnos por saber onde están, quen son e o que fan. E aprendendo, que non copiando deles, acadaremos recargar ilusións, alentar o presente, crer que un futuro distinto (austero, sinxelo e no que se valore o traballo e o esforzo), é posible. Abramos os ollos, busquémolos, sigamos as pegadas que nos van deixando. Seguro que non estarán nos consellos de administración, nas cúpulas eclesiais ou nos comités dos partidos políticos, senón alí onde non son famosos, non saen nos medios e non buscan nin fama nin notoriedade. As súas vidas son cantos de esperanza e alento de novidade para moitas persoas que, pondo neles a súa confianza, non quedan defraudadas. A través do seu actuar desinteresado, solidario e xusto, o Señor vai cantando a salvación.
 
ü  Paulo entendeuno moi ben cando, ao escribirlle a aqueles cristiáns de Corinto, lles di que as cousas, para poder acadalas, hai que crer nelas, confiar nelas, esperanzarse nelas, facéndoas sempre desde e con amor. O himno ao amor é todo un camiño de vida contra a tentación de abandonar, de caer no pasotismo ou pensar que o mellor é claudicar e deixalo todo. Necesitamos volver a escoitalo, a lelo con calma, dedicarlle un pouco de tempo a reflexionar sobre o que nos di, para buscar de convertelo en maneira de actuar con nós mesmos, coa xente da familia, cos veciños, cos amigos... alí onde esteamos. Que mellores embaixadores pode ter Xesús ca nós mesmos, os que nos chamamos cristiáns, os que rezamos e celebramos a fe cada semana, os que nos preparamos para facer das nosas casas fogares cristiáns, os que queremos coñecer máis e mellor que a fe non é nin un costume nin unha tradición, senón un xeito de vivir tentando que Xesús, na súa persoa e na súa palabra, nos movan, nos alenten e nos estimulen. E iso non pode ser un segredo que gardemos só para nós, senón que temos que comunicalo a tod@s, sen exclusións nin discriminacións. Xesús asumiu a nosa condición humana para dicirnos a tod@s: chegou a salvación para tod@s, aquí está, abride os ollos, dispoñede o corazón, acollédea!.
 
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Fe, esperanza e amor son os tres puntais necesarios para seguinte, Señor, tal e como Paulo nos lembra na carta aos Corintios. Cando nos dispomos a unir palabra e corazón para facer delas oración comunitaria, dicimos xunt@s:
QUE O NOSO VIVIR SEXA SEMPRE AGRADECIDO E NON INTERESADO
ö  Para que desde a Igrexa, comuñón de comunidades, aprendamos a vivir o noso testemuño desde a fe en ti, a esperanza na unión de tod@s e o amor na entrega xenerosa cara aos demais, OREMOS.
QUE O NOSO VIVIR SEXA SEMPRE AGRADECIDO E NON INTERESADO
ö  Para que saibamos vencer a tentación de caer en comportamentos que só buscan aproveitarse dos demais, e non entenden que o amor sen xustiza e solidariedade non é máis que mentira, OREMOS.
QUE O NOSO VIVIR SEXA SEMPRE AGRADECIDO E NON INTERESADO
ö  Para que descubrindo que a presenza de Deus no mundo é unha tarefa que nos chama aos seus seguidores a facer da nosa vida ledicia, entrega e capacidade de comprensión, aprendamos a non ter nunca vergoña de manifestar que a fe é axuda e loita contra a manipulación, a mentira, o engano e a utilización das persoas, OREMOS.
QUE O NOSO VIVIR SEXA SEMPRE AGRADECIDO E NON INTERESADO
Grazas. Señor, por insistir unha e outra vez para que comprendamos que a fe só pode ser agradecemento e loita compartida a prol do ben común, no que se manifesta a salvación e a esperanza desde e para as que queremos vivir. P.X.N.S. Amén.
 
PARA A REFLEXIÓN
Non é doado dar algúns pasos. Non é doado tomar decisións, arriscar ao elixir camiños. Asusta meter a pata, equivocarse, perder unhas oportunidades por tirar por uns camiños e non por outros. E isto ocorre nalgunhas dimensións cotiáns (facer un plan cos amigos, gastar diñeiro nisto ou naqueloutro …); e ocorre en cuestións máis importantes, desas nas que o xogas todo: qué carreira elixo? chegou o momento de casar? estarame Deus a chamar para a vida relixiosa?. Estas ou outras preguntas asaltan, en diversos momentos, e zarandéannos, inquiétannos e remóennos. Pero que non deixemos de vivir por medo a decidir.
(Pastoral sj)
CANTOS
û  ENTRADA: Vinde axiña
û  LECTURAS: Todo o mundo unha familia
û  OFERTORIO: Señor Xesús
û  COMUÑÓN: O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...