Ir al contenido principal

1 Coresma A

CORESMA: TEMPO DE PREPARAR PARA LOGO RECOLLER
SINAL DE CORESMA: Cada domingo poñemos ao redor do altar unha pedra. Con ela queremos lembrar a necesidade que temos de ir cambiando o noso corazón de pedra en corazón de carne.

ESCOITA ACTIVA
Xa estamos no tempo de coresma: tempo de preparación, de camiño compartido, de esforzo por deixar atrás accións que nos desestabilizan e non deixan que poida aniñar en nós en toda a súa plenitude a presenza de Xesús. Non é logo a coresma un momento para a tristeza, o superficial e os ritos, senón que é comezo dunha experiencia nova, distinta e gozosa. A pesares das nosas lagoas, Deus segue dándonos oportunidades e termando de nós. É entón unha invitación a retomar a esperanza que nos renova interiormente e nos axuda a caer na conta de que sempre é posible cambiar, rectificar e renovar. El non pasa factura, senón que tende a man para que, con tempo e sen présas, ao longo destes corenta días preparemos o terreo das nosas inquedanzas, ilusións, proxectos … para poder recoller o froito na pascua de canto está chamado a agromar en nós.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • “Di que estas pedras se convertan en pan”. Porque en demasiadas ocasións seguimos empreñando do aire e tentando comerciar contigo, SEÑOR, QUE A TÚA MISERICORDIA VEÑA SOBRE NÓS.
  • “Tírate de aquí abaixo”. Polas moitas veces nas que che seguimos pedindo probas e solucións aos nosos erros, CRISTO, QUE A TÚA MISERICORDIA VEÑA SOBRE NÓS.
  • “Dareiche todo isto se te postras ante min”. Polas veces nas que buscamos ser centro de atención, que nos recoñezan o moito que valemos e facemos, que nos rendan pleitesía, SEÑOR, QUE A TÚA MISERICORDIA VEÑA SOBRE NÓS.

PALABRA ENRAIZADA
  • A capacidade do ser humano por facer cousas é grande; pero non ilimitada. Estando aberta a novos retos, non sempre os acada, e mesmo se así fose, habería outros moitos aínda por conseguir. Por iso podemos dicir que as persoas somos para o futuro, para as novas oportunidades, para cambios e proxectos que poidan ir chegando á nosa vida. Isto supón deixar atrás a tentación -na que tantas veces caemos- de laiarnos e considerarnos que non valemos nada nin somos quen de facer esta ou aqueloutra cousa. Diante deste pesimismo, derrotista e anticristián, a lectura do libro da Xénese que acabamos de escoitar pon diante nosa que a pesares do noso pecado, da nosa limitación ou da incapacidade para acertar sempre, está Deus para non deixar que caiamos no desespero. Fronte o que puidera parecer desde unha lectura superficial e pouco centrada deste relato mítico e exemplarizante do libro da Xénese, está a presenza de Deus que non nos deixa solos, senón que, inda que nos axuda a caer na conta de que non sempre facemos as cousas ben, vainos ofrecendo horizontes novos e cheos de posibilidades e capacidade para seguir avanzando no camiño de ofrecerlle ás persoas máis achegadas a nós, e mesmo á sociedade, experiencias, logros e actuacións que nos van facendo a vida máis doada e feliz...cousa que non podería ser así se fosemos só e sempre para o pecado. A graza do proxecto de salvación que Deus nos ofrece, non só terma de nós, senón que nos abre vieiros de futuro en forma de cambio, progreso, desenvolvemento, igualdade, xustiza e humanización. A salvación sen reducirse nin afogarse nos comportamentos éticos, si os esixe e necesita, para que as persoas crezamos e maduremos de xeito harmónico e acompasado. E do mesmo xeito que dicimos que sen xustiza non pode haber paz; temos que dicir que sen comportamento, actitudes, éticas, non pode haber salvación...porque esta sendo sempre para tod@s ofrecida, ha ser acollida desde a realidade do que e como facemos as cousas cada día. De aí que a forza da fe e o sentido deste tempo de coresma, non está na desobediencia de Adan e Eva, senón na oferta que Deus lles/nos fai, e da nosa dispoñibilidade a acollela. Por iso dicimos que non somos para o pecado, senón para a graza e a esperanza. A misericordia que pedimos do Señor, non se reduce a quedar nesta queixa de ter sido pecadores, senón na forza de quen recoñecéndose así, pon todo da súa parte para superar esta situación e renovar comportamentos e actitudes. A isto, e non a outras cousas vellas, sen sentido e que facemos por costume, nos chama e invita este tempo de coresma.
  • Rachar co anterior, non vivir de mirar sempre ao pasado e esforzarse por construír desde o hoxe, e mirando sempre cara ao mañá, é unha oportunidade que nos brinda sempre a coresma. Os textos da palabra que se irán proclamando ao longo de toda ela, as oracións das diferentes celebracións e os cantos non son máis que tres axudas para facer deste tempo unha experiencia verdadeiramente renovadora, gozosa e positiva neste tempo que agora estamos a comezar. Que nós, seguindo a Paulo poidamos tamén expresar coa frase de que alí “onde creceu o pecado, rebordou a graza”; que nada está perdido, somos fill@s das decisións libres e de nós vai depender abrirlle ou non a porta a esta chamada de renovación que Deus, desde a liturxia, nos invita a realizar.
  • E todo iso non se fai só de boas intencións, senón que necesitamos decisións concretas e comportamentos reais que nos leven a expresar este desexo de non continuar nas nosas rutinas e nas canseiras que en vez de ilusionarnos nos van agoniando. Son moitas as cousas que nos tentan e chaman a abandonar, a non facer caso, a afastarnos da fe, porque nun mundo no que todo se move e mide por economía e rendibilidade, as cuestións de fe non cotizan nin aportan rendementos na nosa conta do banco. Pero a pouco que o pensemos, si que nos daremos conta que nos ofrecen outras vivencias e outro sentido moito máis enriquecedor: o sentido do que facemos e a capacidade de non sentírmonos endexamais derrotados. E isto está moi lonxe do que prima ou está de moda no mundo de hoxe. A tentación non está logo fóra de nós, senón en nós mesmos ao non ser capaz de ser e actuar con criterios de verdadeira liberdade, e con esixencias de responsabilidade. Non reduzamos entón a coresma a deixar de comer carne –cantos tristemente hoxe non poden comela nin na coresma nin tampouco ao longo do ano!– cumprir o precepto ou vivir na tristura dunha fe que amarga; e comecemos a facer o verdadeiro xaxún, o xaxún ao que nos invita Xesús, de crecer en misericordia e non deixarnos tentar por impoñer aos demais cangas pesadas... que tampouco nos gustarían que nos puxeran a nós.

FRATERNIDADE ORANTE
Querendo comezar este tempo de coresma sentindo a forza da presenza de Deus na oración desta comunidade reunida no seu nome, dicimos xunt@s:
QUE FAGAMOS DA CORESMA TEMPO DE RENOVACIÓN E PERDÓN

* Pola Igrexa, para que cantos formamos parte dela, comecemos este tempo de perdón e esperanza recoñecendo a necesidade de cambiar e deixar a trás canto nos endurece e fai insensibles diante da dor dos irmáns e das irmás, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA CORESMA TEMPO DE RENOVACIÓN E PERDÓN

* Polas nosas comunidades parroquiais, para que saibamos aproveitar a coresma como un momento no que se reafirmen os nosos lazos comunitarios e a nosas necesidade de recoñecer que debemos pedir perdón por canto non fixemos de bo a quen o precisaba, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA CORESMA TEMPO DE RENOVACIÓN E PERDÓN

* Para que as nosas actitudes neste tempo de coresma, vaian renovándose e deixando atrás todo o que nos entristece e non axuda a que maduremos e avancemos no camiño de cambio dos nosos comportamentos, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA CORESMA TEMPO DE RENOVACIÓN E PERDÓN

Señor, que estes corenta días nos que se nos invita a cambiar e renovar a nosa vida, dean paso a unha fe máis viva e chea de esperanza. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA
Cantas son as pedras do meu corazón!.
A pedra fría da miña indiferenza,
a pedra dura da miña violencia,
a pedra solitaria do meu individualismo,
a pedra grande do meu orgullo,
a pedra gorda da miña cobiza.
Converte, Señor, estas pedras en pans:
pan de tenrura,
pan de ofrenda e xenerosidade,
pan de limpeza e bondade.

Recibe, Señor, o meu corazón de pedra,
e transfórmao en corazón de carne.
Recibe, Señor, os fumes do meu orgullo,
e transfórmaos en luz de servizo.
Recibe, Señor, o peso da nosa cobiza,
e transfórmao en dinamismo de caridade.
Recibe, Señor, as nosas dúbidas e os nosos medos,
e transfórmaos en fe confiada.
Recibe, Señor, os nosos moitos sufrimentos,
e transfórmaos en sacramentos.
Recibe, Señor, as nosas crises,
e transfórmaas en oportunidades de crecemento e madurez.
(Caritas, La hermosura de la caridad.Cuaresma y pascua 2014. p. 43)
CANTO GOZOSO
  • ENTRADA: Arrepentido
  • LECTURAS: Non vou so
  • OFERTORIO: Velaquí, Señor, o viño
  • COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos


Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...