Ir al contenido principal

2 Coresma A

MENOS MIRAR PARA O CEO E MÁIS PARA O IRMÁN E A IRMÁ 
Descarga o ficheiro
SINAL DE CORESMA: Poñemos a segunda pedra por riba do altar, lembrándonos de que no proceso de conversión ao que nos invita a coresma, temos que ir dando paso ao corazón que acolle e  acompaña no canto do corazón duro e frío.  

ESCOITA ACTIVA 
Probablemente o medo a correr riscos é o que máis nos paraliza no seguimento de Cristo. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia..... E, aínda que se di que o medo garda a viña, temos que recoñecer que o de seu da viña non é gardala, senón que dea froito abundante.  
Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-: erguédevos, non teñades medo. Porque só o contacto vivo con Cristo nos pode liberar dos pesadelos e do medo. 
Que a celebración deste segundo domingo da coresma nos axude a, como lle ocorreu a Abrahán, quitar a pedra do medo do noso corazón para que poida agromar a confianza que no Señor e nos irmáns. 
CORAZÓN MISERICORDIOSO 
  • Por non prestar atención á chamada na que nos invitas a deixar atrás o corazón de pedra, SEÑOR, ACOLLE A NOSA CONVERSIÓN. 
  • Por pechar ollos e o corazón aos problemas e necesidades dos que nos tenden a man pedindo axuda, CRISTO, ACOLLE A NOSA CONVERSIÓN. 
  • Por non ser capaces de facer deste tempo de coresma unha experiencia que nos renove e nos faga mellores persoas, SEÑOR, ACOLLE A NOSA CONVERSIÓN. 

PALABRA ENRAIZADA 

  • Abrahán é chamado para desenvolver unha misión. E a pesares de que non era novo, de que obedecer cambiaba a súa vida e lle esixía esforzo, di si e ponse en camiño. Nesta actitude podemos resumir o que quere ser en toda a Igrexa para os cristiáns este tempo de coresma: responder á invitación de ser sinceros e realistas con nós mesmos e poñernos tamén en camiño. Esta nova pedra que hoxe poñemos por riba do altar quere lembrarnos que inda temos moito que cambiar, que o esforzo por facer é grande e que, se queremos tomar en serio a relación entre a nosa vida e a nosa fe, necesitamos romper coa pasividade na que moitas veces temos vivido e celebrado esta experiencia coresmal. Coresma é cambio, renovación, transformación … todo menos costume ou pasividade. Deus, como fixo con Abrahán, segue a chamarnos e a ofrecernos unha meta. De nós, con liberdade e sen coaccións, depende que lle digamos si ou non. Se estamos convencidos de que debemos acoller, e como tal levar á vida as consecuencias desta resposta, sentiremos a frescura e o gozo da súa misericordia. Se, pola contra, lle damos as costas á súa chamada, seguiremos camiñando en ermo e baleiro. 

  • Como o camiño a realizar é longo e moitas veces pouco doado, non podemos facelo en solitario, se non queremos caer no risco de trabucalo ou de non perdernos. Por iso Deus mesmo ofrécenos as lumieiras que, en forma de amigos, testemuños, mestres … van mostrándonos que a luz de Deus pode irradiar -se queremos-, tamén a nosa vida. El, aínda que sempre respecta a nosa petición, nin quere nin deixa que nos perdamos; por iso constantemente nos vai mostrando a forza da súa iluminación e acompañamento nas experiencias antes nomeadas. El chama. Nós somos invitados a responder. Non esperemos moito en dar a resposta, non vaia ser que logo teñamos moito camiño que desandar por mor da nosa tardanza e da nosa equivocación ao non coller o enderezo correcto. 

  • En Xesús sempre atopamos, se non nos achegamos a El con predisposición a facerlle dicir o que queremos ou o nos supón menos esforzo e máis comodidade, a referencia fundamental para seguir cara adiante, para caer na conta de que necesitamos cambiar, de que non podemos deixarnos ir con rutinas e costumes, de que as cousas importantes supoñen sempre traballo e convértense en tarefa permanente para nós. Nin podemos mirar para outra parte cando se nos pide implicación nin tampouco debemos deixar que o tempo pase sen máis, como se iso supuxera que as cousas cambian e melloran de por si. Non. Cada pequeno paso que damos para deixar atrás intolerancia, soberbia, egoísmo, inxustiza, corrupción … supón moito esforzo, xa que tod@s tendemos sempre ao que nos resulta máis fácil e non nos compromete. E aquí está o sentido da coresma: axudarnos a tomar conciencia de que as cousas se queremos que cambien en nós, temos que plantarlle cara e buscar darlle solución, porque se non o facemos así, baleira é a nosa vida e perda de tempo, ou entretemento, sería a nosa fe. Cara Cristo e desde Cristo orientase a vida e aséntase a fe. Dicimos que el é plenitude e meta. A pascua é un adianto do que un día, no seu momento, será, e para sempre esta plenitude. Camiñemos, daquela, con gozo e transformación interior cara ela... pero non esquezamos que toda esta transformación interior ten logo que mostrarse no que facemos no día a día da vida: non calar cando vemos inxustiza, saber dicir -sen molestar pero con sinceridade-, que non queremos políticos corruptos, economistas que nos enganan, bispos e curas que utilizan o seu ministerio para vivir a conta dos demais, e non para transmitir a Cristo...E sempre sabendo que é nos pobres e necesitados onde verdadeiramente se nos manifesta Cristo e desde onde nos pide que fagamos da coresma un tempo de gozo e vida nova. 

FRATERNIDADE ORANTE 

Buscando responder a esta chamada que Deus nos fai sempre, pero especialmente neste tempo de coresma, recemos xunt@s dicindo: 

QUE CAMBIEMOS ACTITUDES E COMPORTAMENTOS 

  • Para que en toda a Igrexa descubramos que a coresma esíxenos dar froitos de cambio de actitudes e comportamentos en relación con nós mesmos, cos irmáns e con Deus; non podendo reducila a deixar de comer carne como se fose unha cuestión dietéticaOREMOS. 

QUE CAMBIEMOS ACTITUDES E COMPORTAMENTOS 

  • Para que este tempo de coresma nos axude a achegarnos aos veciños, amigos ou familiares cos que temos relacións tensas ou de enfrontamento, para buscar de cambialas e convertelas en perdón e misericordia, OREMOS. 

QUE CAMBIEMOS ACTITUDES E COMPORTAMENTOS 

  • Para que nós persoalmente nos esforcemos para que esta coresma nos vaia transformando e facendo mellores persoas, deixando que as palabras de Xesús nos axuden a converter a nosa vida nunha experiencia de cambio e renovación, OREMOS. 

QUE CAMBIEMOS ACTITUDES E COMPORTAMENTOS 

Señor, que, como Abrahán e Paulo, tamén nós saibamos responder á túa chamada, acolléndoa e facendo dela forza e esperanza na vida de cada día. P.X.N.S. Amén. 

MIRADA DE ESPERANZA 

Ti, que sobes e acendes a montaña, invítanos a seguirte. 
O aire que respiramos está contaminado pola mentira, o engano,  
a corrupción, o abuso dos máis débiles… 
Tique fixeches da túa vida espello da presenza do Pai, 
acompáñanos para que non fagamos da oración nin ermo nin baleiro, 
senón experiencia de encontro e acollida. 
Ti, que brillas coma o sol, 
dános azos para que saibamos afrontar  
a loita contra as tebras,  
que moitas veces crecen no noso corazón. 
Ti, que non pasas de largo diante do necesitado, 
axúdanos a tomar conciencia de que non podemos 
pasar sen mirar para os lados, 
e recoñecer a tantas persoas caídas que nos tenden a man porque 
esperan de nós acollida, tempo e disposición... 
para ser a súa voz, a voz dos que non lles deixan ser voz. 
Ti que non quixeches que se puxeran tendas no Tabor, 
espértanos do soño de crer  
que podemos encher o mundo de tendas e Tabores que nos fagan esquecer 
que temos que poñer os pés no chan 
para ser os ollos, as mans, a palabra e o corazón 
dos irmáns cuxa dignidade é, cada día, esmagada polos poderosos. 

A partires dunha idea do texto de Caritas para a coresma, p.52/53) 
CANTO GOZOSO 

  • ENTRADA: Arrepentido 
  • LECTURASNon vou so 
  • OFERTORIO: Cando me colle a noite no camiño 
  • COMUÑÓNSeguirei os teus pasos

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...