O DON DA AMIZADE: UN AGASALLO QUE SEMPRE TEMOS
QUE COIDAR E NUNCA DEBEMOS PERDER
SINAL
DE CORESMA: Colocamos
por riba do altar a quinta e derradeira pedra, para que nos faga decatarnos de
que, se estamos dispostos, aínda é tempo de poñerse ao camiño para cambiar o
noso corazón de pedra nun corazón de carne, moito máis sensible e achegado á
realidade da xente.
ESCOITA ACTIVA
Dentro da fondura que hoxe nos presentan os
textos da celebración, podemos fixarnos nun aspecto que ao mellor pasa
desapercibido: o valor da amizade. Temos escoitado moitas veces o evanxeo de
Lázaro, e seguro que nos teñen falado de moitas cuestións que nos axudan a
entendelo, pero ao mellor foron poucas as veces nas que nos invitaron, a
partires da lectura deste texto, a revisar as nosas actitudes e os nosos
comportamentos á hora de tratar cos amigos.
Ter un amigo, dise moitas veces, é ter un
tesouro, e os tesouros, porque son moi importantes e teñen valor, debemos
coidalos. O mesmo pasa coa amizade: saber que podemos gozar da capacidade de
escoita, acollida, axuda, solidariedade, confianza... dun amig@ é o mellor dos
tesouros.
Isto entendérono ben as irmás de Lázaro, e o
mesmo Xesús. Por iso, diante da situación de Lázaro, o amigo, elas mandan
chamar por Xesús, e El sente a tristura e a pena cando lle contan o que lle
pasara. Que tamén nós saibamos coidar con todo agarimo e xenerosidade dos
amigos, para así sentir a ledicia agradecida de sabérmonos queridos e
acompañados.
CORAZÓN
MISERICORDIOSO
*
Porque moitas veces non somos agradecidos coa
entrega e xenerosidade que os amigos teñen para con nós, SEÑOR, QUE APRENDAMOS A
VALORAR O TESOURO DA AMIZADE.
*
Porque a dureza do noso corazón de pedra
impídenos ás veces perder os medos ao que dirán, para mostrarlle achegamento e
presenza ás persoas amigas que están a pasar dificultades, CRISTO, QUE APRENDAMOS A VALORAR O TESOURO DA AMIZADE .
*
Porque somos capaces de converter a fe en
ideoloxía ou dogma, pero non en sensibilidade e esforzo por buscar un trato
xusto e igualitario cos demais, SEÑOR, QUE APRENDAMOS A
VALORAR O TESOURO DA AMIZADE.
PALABRA ENRAIZADA
ü Pouco a pouco a coresma vai avanzando cara ao seu remate. Daquela, é
hora de que nos preguntemos se neste percorrido que comezabamos o mércores de
cinza temos acadado algún obxectivo, ou pola contra todo segue igual. Somos os
mesmos aos que lles esvaran os textos da palabra que proclamamos nas
celebracións?. Somos os mesmos que non nos temos movido nada respecto das nosas
teimas, e seguimos crendo que a razón está en nós, e que isto da fe hai que
vivilo cada un como lle peta, esquecendo que Xesús nos marca un camiño que
debemos percorrer ilusionados, pero tamén de xeito responsable ao longo da vida?.
Porque a salvación, a graza, a esperanza ou a resurrección, palabras que
escoitamos moitas veces nas celebracións son medios que desde a vida e persoa
de Xesús, imos descubrindo que nos van facendo mellores persoas, que nos axudan
a superar prexuízos e van facendo de nós homes e mulleres para os que a fe non
é un verniz externo e ritualista, senón unha maneira de vivir e construír relación
de irmandade e amizade con aqueles que están ao noso redor. E se aos amigos os
utilizamos segundo o noso interese, abusamos da súa confianza, enganámolos
buscando a nosa comenencia... dificilmente pode ser crible a afirmación de que
temos fe, de que somos crentes ou de que a celebración do domingo é importante
e moito máis ca un costume. O profeta Ezequiel deixouno dito con claridade na
primeira lectura de hoxe, cando pon na boca de Deus a afirmación de que El,
aquilo que di, faino. Non xoga nin coas persoas nin cos seus sentimentos.
Vainos narrando -empregando unha linguaxe que podemos todos comprender-, que
falar de Deus é querer dicir que nunca estamos abandonados, solos ou ao pairo.
Todo o contrario: porque é un Deus que non quere sacrificios baleiros, senón
actitudes e comportamentos reais, invítanos a non esquecer que no mesmo xeito
que vivamos a nosa amizade e preocupación polos amigos, nesa mesma maneira
estará sendo o sentido, a razón e a comprensión que teñamos de Deus. El non é
algo que está nas alturas, senón alguén que terma e se preocupa de nós, ao
chamarnos a non deixar abandonados aos demais.
ü Amizade e misericordia van sempre da man. Non pode darse unha sen a
outra. Un non pode chamarse amigo nin de Deus nin dos demais se non é
misericordioso; é dicir, se non somos capaces de tomar en serio a quen nos
busca, de escoitar –non só oír– a quen nos fala contándonos o seu problema ou
os seus medos e inseguridades; de acompañar a quen está vivindo unha situación
dura, difícil ou se sente enganado por todos. Se non somos quen de mirar aos
ollos a quen temos ao lado, dificilmente poderemos entender que significa a
palabra amig@ e a palabra misericordia. Escoitar, acompañar e sufrir con, son
actitudes que nos invitan á misericordia, a poñer o corazón ao lado de quen o
precisa. Así o entendeu Xesús, e así o entenderon moitos homes e mulleres que,
descubríndoo en Xesús, fixeron da súa vida entrega de gratuidade apaixonada. A
misericordia non está no externo, senón que bule dentro do corazón e móstrase
no xeito de facer, dicir e vivir as situación da vida ao lado dos outr@s. A
isto se refire Paulo cando di que nós non vivimos segundo a carne, senón
segundo o espírito. Porque nel imos atopando sementes de vida, de esperanza, de
superación de atrancos; e desde el, e tendo en conta canto vimos de dicir,
entendemos que significa a experiencia de resucitar. Botemos fóra a idea de
identificala con un revivir corporal, e comecemos a vivir e a entendela como a
vivencia máis profunda que fai que as persoas saibamos dicir sempre: todo é
posible, porque nada ten final senón en Deus.
ü E quen é misericordioso acostuma a ser unha persoa con capacidade non de
pecharse en si mesma e só nas súas cousas, senón de abrir horizontes para
descubrir que ao seu lado hai moitas causas e cousas polas que loitar; moitas
persoas capaces de poñer a súa vida a render a prol dos demais, de facer o seu
traballo non só de xeito responsable e ben feito, senón de saber agradecelo e
compartilo creando unha relación de xenerosidade e colaboración con quen ten ao
lado; de non deixar que os máis fortes abusen dos débiles, que os inxustos
triúnfen e esmaguen aos máis pequenos, que o fracaso triúnfe sobre a esperanza.
Quen descubre a misericordia como actitude fundamental da súa vida, o mesmo que
Xesús, sabe chorar nas ledicias e consolar nas tristuras, porque sabe que ante
o don da amizade está aquel que non renuncia a ser amigo de todas as persoas:
Xesús de Nazaret.
FRATERNIDADE ORANTE
Sabemos,
Señor, que pos en tod@s nós, sementes de amizade e xenerosidade, por iso de
xeito comunitario agradecemos que nos invites a construír relación de igualdade
entre nós, e dicimos xunt@s:
QUE FAGAMOS DA MISERICORDIA FARO NA NOSA VIDA
*
Que
cantos formamos a Igrexa acollamos as esperanzas e os gozos, as tristuras e
dificultades de cantos esperan de nós corazóns da carne e non de pedra, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA MISERICORDIA FARO NA NOSA VIDA
*
Que
cantos formamos parte das nosas parroquias non practiquemos nunca a indiferenza
coas persoas que están preto, e esperan de nós coherencia entre o que cremos e
como actuamos,
OREMOS.
QUE FAGAMOS DA MISERICORDIA FARO NA NOSA VIDA
*
Que
persoal e comunitariamente fagamos sempre o esforzo por coidar as relacións cos
nosos amig@s, sen caer na tentación de reducilas a un simple e puro interese en
obter cousas, senón que o tempo, a dedicación, os sorrisos, as palabras de
ánimo... vaian sementando as nosas relacións de amizade, para que cando sexa o
tempo dean o mellor froito de todos: a plenitude da esperanza ao lado de Deus, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA MISERICORDIA FARO NA NOSA VIDA
Porque queremos ser os teus amig@s, sentímonos
hoxe agradecid@s por invitarnos a valorar que a amizade sempre se ten que
cimentar sobre a misericordia e a igualdade. Que saibamos levar á nosa relación
cos demais este xeito de actuar e vivir. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Á persoa non é posible desexala, porque cando
desexas a unha persoa deixaches de amala como tal. Eu non son unha cousa. Eu
non son desexable nin indesexable. Son o que son e nada máis. Ti chegarás a
amar ás persoas en canto non che importe o que as persoas son. O amor é
impersoal. No amor non se mete a personalidade. O amor é, e flúe polo medio de
ti. Ti non o fabricas, e no amor a persoa queda a un lado. Por iso o amor é
libre e dispoñible. O eu é un impedimento para amar. Cando elixes ou comparas,
ou pides compensacións, é porque necesitas a esa persoa para amarte a ti mesmo.
E o amor non sabe de deberes nin de gratificacións, porque o amor é gratuíto e
libre. Ámote, quérote, necesítote, non podo vivir sen ti, significan: agárrome
a ti porque enches a miña necesidade e o meu apego. Iso é egoísmo. O amor
existe inda que non haxa ninguén alí. (A.
De Mello)
CANTO GOZOSO
- ENTRADA: Amigos nas penas
- LECTURAS: Eu sei de quen me fiei
- OFERTORIO: Douche grazas, Señor, noso Pai
- COMUÑÓN: Non vou so
Comentarios