Ir al contenido principal

Lecturas DOMINGO 1 CORESMA

CICLO   A
PRIMEIRA     Xen 2, 7-9; 3, 1-7
Creación e pecado dos primeiros pais

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

O Señor Deus formou un home do po da terra, soproulle no nariz o alento da vida e tornouse o home persoa viva.
O Señor Deus plantou un xardín en Edén, cara a oriente, e puxo nel ó home que formara. Fixo xermolar da terra árbores fermosas para a vista e boas para comer, e entre elas a árbore da vida e a árbore do coñecemento do ben e do mal.
A serpe era o máis arteiro de tódolos animais que o Señor Deus fixera. Díxolle á muller: ‑"¿Conque Deus vos prohibiu comer do froito das árbores do xardín?"
A muller respondeulle: ‑"Podemos comer do froito das árbores todas do xardín. Soamente da árbore de alá no fondo nos mandou Deus: Non comades dela nin a toquedes, non sexa que morrades".
A serpe insistiu: ‑"De ningunha maneira morreredes. É que Deus sabe ben que o día en que comades dela, se vos abrirán os ollos e seredes coma Deus, sabedores do ben e do mal".
A muller reparou que o froito da árbore era saboroso, atraente, e bo para adquirir entendemento. E coa mesma colleu do froito e comeu; logo deulle ó seu home, e tamén el comeu.
Entón abríronselles os ollos ós dous e decatáronse de que estaban espidos. Entrelazaron follas de figueira e cinguíronse con elas.


SALMO RESP.      Sal 50, 3-4. 5-6a. 12-13. 14 e 17
R/  (cf 3a):  Apiádate, Señor, porque pecamos

Apiádate de min, meu Deus, pola túa bondade,
pola túa misericordia, borra o meu pecado;
lávame ben da miña iniquidade,
límpame da miña culpa.

Eu recoñezo o meu pecado
e teño sempre presente a miña culpa.
Contra ti, contra ti mesmo, eu pequei

Crea, Deus, en min un corazón puro,
renóvame por dentro cun espírito firme.
Non me botes da túa presencia
e non tires de min o teu santo espírito.

Devólveme a alegría da túa salvación,
sostenme co espírito xeneroso.
Abre, Señor, os meus labios,
e a miña lingua pregoará a túa louvanza.


SEGUNDA      Rm 5, 12-19 (longa)
Onde abundou o pecado, sobreabundou a gracia

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS


Irmáns e irmás:
O pecado entrou no mundo por un home só, pero como polo pecado entrou a morte, a morte pasou a tódolos homes e, en consecuencia, todos quedaron incursos no pecado. Porque, de feito, antes da Lei había pecado no mundo; anque o pecado non se ten en conta cando non hai Lei; a pesar diso, a morte dominou desde Adam ata Moisés, mesmo sobre aqueles que non pecaron cunha transgresión semellante á de Adam. E Adam é unha figura arquetípica daquel que está para vir.
Pero de ningún modo hai comparanza entre o delito e o don. Porque, se polo delito dun morreron tódolos demais, moito máis polo favor dun home, Xesús Cristo, a gracia e o don de Deus rebordaron sobre todos. Nin pasou co don o mesmo que coas consecuencias do pecado dun único home: porque o xuízo, partindo dunha soa transgresión, rematou en condena; en troques, o don, partindo de tantos delitos, rematou en absolución. Se, logo, pola transgresión dun home reinou a morte, e por culpa dun só, ¡canto máis os que recibiron a abundancia da gracia e do don da benevolencia reinarán na vida por medio dese un que é Xesús Cristo!
Por tanto, como pola transgresión dun só veu a condenación sobre tódolos homes, así tamén pola xustificación doutro só vén para tódolos homes a xustificación que dá a vida. Como a desobediencia dun único home volveu pecadores a tódolos homes, así tamén a obediencia dun só volveu xustos a todos.


Ou máis breve:  12. 17-19
O pecado entrou no mundo por un home só, pero como polo pecado entrou a morte, a morte pasou a tódolos homes e, en consecuencia, todos quedaron incursos no pecado.
Se, logo, pola transgresión dun home reinou a morte, e por culpa dun só, ¡canto máis os que recibiron a abundancia da gracia e do don da benevolencia reinarán na vida por medio dese un que é Xesús Cristo!
Por tanto, como pola transgresión dun só veu a condenación sobre tódolos homes, así tamén pola xustificación doutro só vén para tódolos homes a xustificación que dá a vida. Como a desobediencia dun único home volveu pecadores a tódolos homes, así tamén a obediencia dun só volveu xustos a todos.


VERSIÑO    Mt 4, 4b
O home non vive só de pan,
senón de toda palabra que procede da boca de Deus


EVANXEO          Mt 4, 1-11
Xesús xaxúa corenta días e afronta a tentación

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

O Espírito conduciu a Xesús ó deserto, para que Satán o tentase. Despois de xaxuar corenta días e corenta noites, acabou por ter fame. O tentador, achegándose a el, díxolle:
‑Se es Fillo de Deus, manda que estas pedras se convertan en pan.
Pero el respondeu:
‑Está escrito: Non soamente de pan vive o home, senón de toda palabra saída da boca de Deus.
Levouno logo o Satán á cidade santa, e púxoo na atalaia do templo, 6dicíndolle:
‑Se e-lo Fillo de Deus, bótate de aquí embaixo, que está escrito: Mandará os seus anxos para que te coiden e te leven nas súas mans; e os teus pés non se mancarán nas pedras.
Xesús respondeu:
‑Tamén está escrito: Non tentarás o Señor, o teu Deus.
Pero aínda o levou o Satán a un monte moi alto e, mostrándolle os reinos todos do mundo enteiro, cheos de esplendor, díxolle:
‑Heiche dar todo isto se te postras e me adoras.
Entón replicoulle Xesús:
‑Arreda, Satanás, porque está escrito: Só ó Señor, o teu Deus, adorarás, e só a El darás culto.
Deixouno o Satán, e achegáronse os anxos para o serviren.



Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...