Ir al contenido principal

Lecturas 3 Coresma A

Descarga o Arquivo
DOMINGO 3 CORESMA
CICLO  A

PRIMEIRA     Ex 17, 3-7
Danos auga para podermos beber (Ex 17, 2)

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 O pobo, sedento, seguía queixándose por auga a Moisés: ‑"¿Por que nos sacaches de Exipto, para facernos morrer de sede, a nós, ós nosos fillos e á nosa habenza?"
Moisés clamou entón cara ó Señor:
‑"¿Que podo facer con esta xente? Acabarán por acantazarme".
O Señor respondeulle: ‑"Pasa diante do pobo, toma contigo algúns dos anciáns de Israel,  leva  na man a vara coa que batiches o Nilo, e camiña. Eu presentareime diante túa alá no Horeb, onda o penedo. Ti bateras o penedo, e sairá auga del para que o pobo beba". Moisés fíxoo así, á vista dos anciáns de Israel. Chamáronlle a aquel lugar Masah e Meribah, porque os israelitas contenderon co Señor e puxérono á proba, preguntando: ‑"¿Está o Señor connosco ou non?".

SALMO RESP.     Sal 94, 1-2. 6-7. 8-9
R/  (8)  ¡Se escoitásedes hoxe a súa voz!
Non endurezáde-lo corazón

Vide, cantémoslle ó Señor,
aclamémo-la nosa rocha salvadora;
acheguémonos á súa presencia con louvanza,
aclamémolo con cancións.

Vide, adorémolo postrados,
axeonllémonos ante o Señor, que nos creou.
El é o noso Deus
e nós sómo-lo seu pobo,
o rabaño que guía a súa man.
¡Se escoitasedes hoxe a súa voz!

Non endurezáde-lo corazón, coma en Meribah,
coma o día de Masah, no deserto,
cando vosos pais me tentaron,
provocáronme aínda que viran os meus feitos.

SEGUNDA     Rm 5, 1-2. 5-8
O Amor derramouse en nós polo Espírito que se nos deu

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

Irmáns e irmás:
Xustificados pola fe, estamos en paz con Deus, por medio do noso Señor Xesús Cristo. Por El temos tamén entrada a esta gracia na que nos mantemos; e estamos orgullosos coa esperanza de lograr a gloria de Deus.
E a esperanza non falla, porque o amor de Deus vértese nos nosos corazóns mediante o Espírito Santo, que se nos deu.
De certo, xusto cando nós aínda estabamos sen forzas, no tempo preciso, Cristo morreu polos impíos. Non é fácil, en verdade, que alguén queira morrer por un home xusto (anque por un home bo, quizais se atreva alguén a morrer); 8pero Deus demostrounos o seu amor no feito de que, sendo aínda nós pecadores, Cristo morreu por nós.


VERSIÑO     Cf Xn 4, 42. 15
Señor, verdadeiramente ti e-lo Salvador do mundo;
dame auga viva, para que non teña máis sede


EVANXEO     Xn 4, 5-42  (longo)
Manantío de auga que salta ata a vida eterna

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

Necesitaba pasar pola Samaría. Chegou, logo, a unha cidade da Samaría chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacob a seu fillo Xosé. Estaba alí o pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o pozo. Era ó pé do mediodía. Chegou unha muller da Samaría sacar auga. E Xesús díxolle:
‑Dáme de beber.
(Os seus discípulos foran á vila, mercar comida).
Preguntoulle entón a muller samaritana:
‑¿Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber? (Porque os xudeus non se levan cos samaritanos).
Respondeulle Xesús:
‑Se coñeceses o don de Deus e quen é o que che di "dáme de beber", ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga viva.
Replicoulle a muller:
‑Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo, ¿de onde pensas quitar esa auga viva? ¿Seica es ti máis có noso pai Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos e mailo seu gando?
Xesús contestoulle:
‑Todo o que bebe auga desta, terá sede outra vez; pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca mais terá sede: a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.
A muller suplicou:
‑Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede nin ter que vir aquí por ela.
Díxolle Xesús:
‑Vai chamar polo teu marido e volve aquí.
A muller contestou:
‑Non teño marido.
Xesús díxolle:
‑Falaches ben, dicindo "non teño marido"; tiveches cinco homes e o que tes agora non é teu marido. Desta si que falaches a verdade.
A muller respondeu:
‑Señor, vexo que ti es profeta. Os nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar.
Xesús díxolle:
‑Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraréde-lo Pai. Vós adorades o que non coñecedes; nós adorámo-lo que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus. Pero chega a hora ‑é xa agora‑ en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade.
Respondeu a muller:
‑Sei que está para vir o Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña, hanos anunciar tódalas cousas.
Díxolle Xesús:
‑Son eu, o que está falando contigo.
Nisto chegaron os seus discípulos e chamóulle-la atención que falase cunha muller. Pero ningún lle preguntou: "¿Que pretendes?" ou "¿De que falas con esa?"
Entón, deixando a muller o seu cántaro, foi á vila e díxolles ós veciños:
‑Vide ver un home que me dixo todo canto eu fixen. ¿Non será el o Mesías?
Eles saíron da vila e viñeron onda el.
Mentres, os seus discípulos insistíanlle:
‑Rabbí, come.
Mais el díxolles:
‑Eu teño para xantar unha comida que vós non sabedes.
Dicíanse entón os discípulos, uns ós outros:
‑¿Traeríalle alguén de comer?
Xesús díxolles:
‑A miña comida é face-la vontade daquel que me mandou e levar a remate a súa obra. ¿Non dicides vós que aínda faltan catro meses para que chegue a seitura? Ben, pois mirade o que vos digo: erguede os vosos ollos e veredes que os campos están brancos para a seitura. O que sega recibe a paga e recolle froito para a vida eterna; de xeito que se alegran tanto quen sementa coma quen sega. Pois nisto é verdadeiro o dito de que un é quen sementa e outro quen recolle. Eu mandeivos recolle-lo que vós non traballastes: outros traballaron e vós recolléste-lo froito do seu traballo.
Moitos samaritanos daquela vila creron nel, pola palabra da muller, que declaraba: "díxome todo canto eu fixen". Por iso os samaritanos chegados onda el, rogábanlle que quedase con eles; e quedou alí dous días. E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo. Dicíanlle despois á muller:
‑Xa non cremos polo que ti nos dixeches: nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o Salvador do mundo.




Ou máis breve:  5-15. 19b-26. 39a. 40-42
 Chegou Xesús a unha cidade da Samaría chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacob a seu fillo Xosé. Estaba alí o pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o pozo. Era ó pé do mediodía. Chegou unha muller da Samaría sacar auga. E Xesús díxolle:
‑Dáme de beber.
(Os seus discípulos foran á vila, mercar comida).
Preguntoulle entón a muller samaritana:
‑¿Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber? (Porque os xudeus non se levan cos samaritanos).
Respondeulle Xesús:
‑Se coñeceses o don de Deus e quen é o que che di "dáme de beber", ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga viva.
Replicoulle a muller:
‑Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo, ¿de onde pensas quitar esa auga viva? ¿Seica es ti máis có noso pai Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos e mailo seu gando?
Xesús contestoulle:
‑Todo o que bebe auga desta, terá sede outra vez; pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca mais terá sede: a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.
A muller suplicou:
‑Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede nin ter que vir aquí por ela.
‑Señor, vexo que ti es profeta. Os nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar.
Xesús díxolle:
‑Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraréde-lo Pai. Vós adorades o que non coñecedes; nós adorámo-lo que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus. Pero chega a hora ‑é xa agora‑ en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade.
Respondeu a muller:
‑Sei que está para vir o Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña, hanos anunciar tódalas cousas.
Díxolle Xesús:
‑Son eu, o que está falando contigo.
Moitos samaritanos daquela vila creron nel
Por iso os samaritanos chegados onda el, rogábanlle que quedase con eles; e quedou alí dous días. E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo. Dicíanlle despois á muller:
‑Xa non cremos polo que ti nos dixeches: nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o Salvador do mundo.



Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Pascua 2025

  CANTO GOZOSO Ao prender o lume: Lumiño de lúa clara (Nº 123) Na procesión cara ao templo : A Cristo cantamos (Nº 110) Lecturas 1ª Manda o teu Espírito (Nº 125) 2ª Cantádelle ao Señor (Nº 33) 3ª As túas palabras, Señor, son Espírito e vida (Nº 113) 3ª Dános un corazón 4ª Aleluia, aleluia; aleluia, aleluia (Bis) Aspersión: A auga do Señor (Nº 124) Ofertorio : Sementar, sementarei Santo: Santo es Ti, Señor da vida (Nº 39) Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43) Paz : Que veña a paz (Nº 45) Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)  Canto final á Virxe: Nosa Señora da Luz SINAL No momento das ofrendas achegamos ao altar o sinal de coresma, a flor de follas murchas. E alí mesmo, poñemos o primeiro dos pétalos ao que, ao longo do tempo de Pascua, se irán unindo ata completar unha nova flor chea da savia nova da resurrección. COA CHEGADA DA PASCUA, AS NOSAS SEDES SON SACIADAS. CRISTO CONVÉRTESE EN FONTE DE AUGA FRESCA E SEMPRE VIVA Porque o evanxeo é Boa Nova, vinde e achegádevos...