Ir al contenido principal

3 Pascua 2020 A




Rezando na Casa

(Neste terceiro domingo de Pascua, volvemos buscar un lugar tranquilo para rezar. Poñemos, coma o outro día un pano branco sobre unha mesa, acendemos unha candea e colocamos ao lado un vaso con un pouco de auga).

No nome do Pai...

Canto.-

Acharte presente na vida, fiarme de Ti sen te ver,
levar unha luz acendida, querer e deixarse querer.
Abrirche se petas na porta, deixarte sentar no meu lar,
saber o que oírte me aporta, quedarme contigo a rezar.

LUZ DE ESPERANZA CON OLLOS DE MISERICORDIA

Escoitaremos no Evanxeo de hoxe que o recoñeceron ao partir o pan; no encontro da comunidade, no sabernos unid@s a pesares das distancias. Porque comunidade non é estar nun espazo, senón aprender a compartir o vento que vai chegando de moitos lados para facelo comunitario: tod@s a unha desde lugares diferentes.
No debuxo que está ao principio da páxina dísenos que resurrección é facer nacer cousas novas. A isto nos invita este tempo de Pascua: á creatividade, a non deixarnos levar da rutina, a non caer no mesmo de sempre, a... que evitemos que da nosa boca saia a frase: “que aburrimento”. E que sexa así, non depende de ninguén máis que de nós. Comecemos, tomando logo en serio a resurrección!, deamos testemuño dela superando o derrotismo e apostando pola esperanza.

REFLEXIONAMOS NA BUSCA DA MISERICORDIA

  • Sabéndonos sempre no teu colo, Señor, que fagamos da comunicación entendemento.
  • Sabéndonos sempre no teu sorriso, Cristo, que fagamos da comunicación acollida.
  • Sabéndonos sempre nas túas mans, Señor, que fagamos da comunicación solidariedade.

OÍDO Á ESPREITA

Do Evanxeo segundo Lucas

Aquel mesmo día dous deles ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén. Ían falando de canto pasara. E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa, achegouse e camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. Entón preguntoulles:
‑De que ides falando polo camiño?
Eles pararon cun rostro moi tristeiro, e Cleofás, un deles, respondeulle:
‑¿Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?
El preguntou:
‑De que, logo?
Eles contestaron:
‑Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron á morte e o crucificaron. Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos un susto, porque foron ó riscar o día ó sepulcro, e, ó non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. E algúns dos nosos alá foron ó sepulcro, atopando todo como as mulleres dixeran; pero a el non o viron.
Entón díxolles:
‑Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo, non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?
E comezando por Moisés e todos os profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.
O entraren na aldea onde ían, fixo coma quen quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo:
‑Queda connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba.
Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. Entón abríronselles os ollos e recoñecérono; pero el desapareceu.
E dixeron:
‑Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándonos as Escrituras?
E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os Once reunidos cos seus acompañantes, que dicían:
‑É certo, o Señor resucitou e aparecéuselle a Simón.
Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e como o recoñeceran no partir o pan.
Palabra do Señor
Gloria a Ti, Señor Xesús

REMOENDO A PALABRA

(Facemos un momento de silencio/reflexión, despois de escoitar a Palabra)
Podemos artellar a reflexión de hoxe fixándonos en tres aspectos que nos van aparecendo ao longo do Evanxeo que vimos de ler:
“ ...os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren”.
Aqueles discípulos estaban tan ocupados en pensar só no deles que non eran capaces de mirar más alá. Por iso están decepcionados, entristecidos, desacougados... O pensaren só neles e desde eles, facíalles perder a perspectiva de que había vida, e moita, máis alá da súa circunstancia. Tamén hoxe a nós pódenos pasar o mesmo: deixarnos levar polo pesimismo de que: isto non acaba, que vai ser despois, cando poderemos saír, isto é insufrible... e é verdade que todo iso é real, pero non é menos verdade que máis alá das nosas sensacións hai persoas que están a esperar, con preocupación, si, mais tamén con alegría, o momento final do seu embarazo; hai familias que grazas a esta situación, volveron a retomar relación, logo de moito tempo; que hai persoas que se foron, si, e a elas non as esquecemos, pero non é menos verdade que se teñen curado xa moitas máis persoas... esforcémonos, entón nós, en non caer no mesmo erro no que caeron aqueles discípulos. Capacitemos os nosos ollos para recoñecer a vida que segue habendo ao noso redor.
“... Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas”.
Ás veces temos tan altas as expectativas, que non contemplamos que poida haber fracaso. E isto pásalle a non pouca xente. Cren que todo é perfecto, marabilloso, sen tacha... pero a realidade é outra. É limitada, pequena, aberta a non acertar, chamada a dar pasos pequenos e que moitas das veces case non se notan, pero pasos ao fin e ao cabo. E claro, cando as expectativas son tan altas, e chega a desilusión, o mundo imperfecto, a sensación de que o camiño que levabamos estaba equivocado... vímonos abaixo. Para que non ocorra así, cambiemos a metodoloxía: deamos pasos pequenos, poñámonos obxectivos realistas, asumamos que somos limitados. E veredes como pouco a pouco, as cousas van cambiando, porque se van adaptando ao que nós realmente somos: persoas de carne e oso, con capacidade de acertar unhas veces e fracasar noutras. Pero iso non nos afunde, senón que nos fai ser conscientes de que debemos ter sempre os pés no chan.
“ ... E levantándose axiña, volveron a Xerusalén”.
Nun momento daquela conversa, os discípulos déronse conta de que non podían seguir polo vieiro do derrotismo. Algo cambia neles que os fai poñerse en pé e saír correndo. Non ao chou, senón saír correndo onda os demais discípulos para compartir con eles o que lles pasara, o que descubriran, como se sentiran... dando así razón da súa esperanza. Xa non miraban só para eles. Algo novo e grande pasara, e queríano compartir. Atopamos aquí tamén nós hoxe unha grande invitación: deamos testemuño! Superemos o uf, o cando, o non se dá acabado, o... e replantexemos este tempo como experiencia de madurez , de reflexión, de cambio, de resurrección. E agardemos, con toda alegría do mundo, volver xuntarnos comunitariamente para partir e compartir o pan!

NA ORACIÓN COMPARTIDA

Neste compartir de domingo, dicimos unid@s na esperanza da resurrección:

Grazas, Señor, graciñas
Para que saibamos ser realistas coas nosas propostas, os nosos proxectos, o sentido e orientación da nosa vida, Oremos: Grazas, Señor, graciñas.
  • Para que neste tempo na casa, aprendamos a ser crentes e vivir a fe doutro xeito, menos apegado@s ás rutinas e costumes, e sendo persoas máis creativas, Oremos: Grazas, Señor, graciñas.
  • Por todas as familias, para que este tempo de vernos continua e constantemente na casa, sexa un tempo para descubrir que nos necesitamos e que tod@s somos importantes, Oremos: Grazas, Señor, graciñas.
  • Por todas as persoas que se foron por mor desta pandemia, e polas súas familias. Para que poidan sentir a forza da resurrección e a plenitude do amor do Deus da Vida .Oremos. Grazas, Señor, graciñas.
Poñemos todo canto tempos compartido na túa man. Por Cristo o noso Señor. Amén.
NOSO PAI...

AQUECENDO O CORAZÓN

A fe necesariamente faite saír, lévate a dala: porque esencialmente a fe hai que transmitila. Non se para. “Ah, quere dicir, padre, que todos temos que ser misioneiros e ir a países afastados?”. Non, iso é una parte de la misionariedade. Isto significa que si tes fe debes necesariamente saír de ti, debes saír de ti, e mostrar socialmente a fe. A fe é social é para tod@s: “Ide por todo o mundo e proclamade a Boa Nova a toda a creación” (v. 15). E isto non significa facer proselitismo, como si eu fose un equipo de fútbol que fai proselitismo o fose unha sociedade de beneficencia. Non, a fe é “nada de proselitismo”. É facer ver a revelación, para que o Espírito Santo poida actuar na xente mediante o testemuño: coma testemuña, coa servicialidade. O servizo. É un modo de vivir: se digo que son cristián e vivo coma un pagán, non vale! Isto non convence a ninguén. Se digo que son cristián e vivo coma tal, iso atrae. É o testemuño”.
(Francisco. 25/4/2020.Comentando o Evanxeo de Marcos)

CANTO

Pola casa e mais o pan, polo traballo,
pola busca dos que labran e non teñen,
polo empeño comunal de uns e outros,
polo albor do mundo xusto que pretendes.
Gracias, Señor, graciñas.

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...