XERAR VIDA NUN MUNDO DE PEDRA: O DESAFÍO DE ESCOITAR
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Que ledicia a miña (Nº 4)LECTURAS: Señor Xesús (Nº 52)
OFERTORIO: Sementar, sementarei
COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
OLLOS ABERTOS
Hoxe sentamos arredor dunha parábola que nos fala de terra, de semente e, sobre todo, de como nos abrimos á vida. Ás veces, imos polo mundo como se fósemos un terreo compactado: pasamos por todo sen que nada nos penetre, ou deixamos que o abrollo das nosas propias preocupacións nos asfixie por dentro. A Palabra de hoxe non nos vén dar unha lección de xardinaría, vén cuestionar como estamos acollendo o que nos rodea. Para iso móstranos a tríade que sostén a esperanza: 1. Escoitar: Esa capacidade de calar o noso ruído interno para poder acoller, sen xuízos, a voz que nos chama a ser máis humanos.
2. Sementar: Ese compromiso de manchar as mans na terra do noso bloque de pisos, na nosa familia ou na nosa rúa, sen medo a que nos chamen ilusos.
3. Esperar: Esa paciencia revolucionaria de quen sabe que a vida non se forza, senón que se coida, confiando en que todo esforzo, por pequeno que sexa, ten o poder de fecundar a historia.
Vimos aquí, á casa común, para deixar que a Palabra rompa a nosa pedra e nos converta, de novo, en terra fértil. Non sobra ninguén nesta sementeira. Aquí, na mesa do Pan, aprendemos que sementar vida nun mundo de pedra non é unha utopía; é o único xeito de que a humanidade siga pagando a pena.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
- Polas veces nas que no noso corazón a voz do próximo nin atopa oco nin recibe acollida; SEÑOR, ROMPE A PEDRA DO NOSO CORAZÓN.
- Polas ocasións nas que as présas nos impediron sementar o ben, preferindo o resultado inmediato antes que o coidado paciente da vida que medra amodo, CRISTO, ROMPE A PEDRA DO NOSO CORAZÓN.
- Polas veces nas que, ante a dureza dun mundo que nos desborda, deixamos de esperar e perdemos a fe en que o amor ten forza de seu para dar froito; SEÑOR, ROMPE A PEDRA DO NOSO CORAZÓN.
PALABRA AGASALLADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA
PROFECÍA DE ISAÍAS
e non volven alá sen enchoupar a terra,
fecundala e facela brotar,
para que lle dea semente ó que sementou
e pan ó que come,
así tamén será a miña palabra que sae da miña boca:
non volverá a min en van,
senón que fará o que eu queira,
e conseguirá aquilo para o que a mandei.
SALMO RESPONSORIAL
A semente caeu en boa terra e deu froito
Ti coidas e regas a terra,arriquécela de mil maneiras:
os ríos de Deus van cheos de auga.
A semente caeu
en boa terra e deu froito
Para dar trigo preparas a terra:
regas os sucos, achanzas os terróns
fala amolecer coas chuvias
e bendís as súas sementes.
A semente caeu
en boa terra e deu froito
das túas pisadas zumega abundancia.
Destilan os pastos do deserto
e vístense de alborozo os outeiros.
A semente caeu
en boa terra e deu froito
e enmantélanse de espigas os vales,
cheos de ecos e de cantos.
A semente caeu
en boa terra e deu froito
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA
NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS ROMANOS
Penso que non hai comparanza entre os padecementos da vida presente e a gloria vindeira, que se vai revelar en nós. Pois a esperanza viva da creación agarda arelante a revelación dos fillos de Deus. Porque a creación está sometida ó fracaso; non pola propia vontade, senón polo poder daquel que a someteu, aínda que coa esperanza de que tamén a mesma creación será liberada da escravitude da corrupción e levada á salvación gloriosa dos fillos de Deus.
Pois sabemos que toda a creación vén xemendo ata hoxe e coma con dores de parto. E non só isto, senón que nós mesmos, que temos xa as primicias do Espírito, xememos dentro de nós, degorando pola filiación, pola liberación do noso corpo.
PROCLAMACIÓN
DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
- Dunha vez saíu un labrego a sementar. E ó botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros e comérona. Outra caeu entre as pedras, onde a penas había terra; e naceu de contado, porque a terra non tiña fondura; pero non ben saíu o sol, queimouna, e, como non tiña raíz, secou. Outra parte caeu na silveira, e ó medraren as silvas afogárona. Outra caeu en boa terra, dando froito: unha, cen; outra, sesenta; outra, trinta. ¡Quen teña oídos que escoite!
E achegándose os discípulos dixéronlle:
- ¿Por que lles falas en parábolas?
El respondeulles:
- Porque a vós concedéusevos coñecer os misterios do Reino dos Ceos, pero a eles non. Pois a quen ten daráselle ata sobrarlle; pero a quen non ten aínda o que ten se lle quitará. Por iso lles falo en parábolas, porque mirando, non ven, e escoitando, non oen nin entenden. Cúmprese así neles o que profetizara Isaías dicindo: Oír, oiredes, pero non entenderedes; ollar, ollaredes, pero non veredes. Porque o corazón deste pobo está insensibilizado: endureceron os seus oídos e pecharon os seus ollos, para non veren cos ollos, nin oíren cos oídos, nin entenderen co seu corazón nin se converteren para que eu os cure. ¡Ditosos, en troques, os vosos ollos, porque ven, e mais os vosos oídos, porque oen! Pois asegúrovos que moitos profetas e xustos arelaron ver o que vós vedes, e non o viron, e oír o que vos oídes, e non o oíron. Escoitade, logo, vós a parábola do sementador: Sempre que un escoita a Palabra do Reino e non a entende, vén o Maligno e repáñalle o sementado no seu corazón: esa é a que caeu no camiño. O que caeu entre as pedras, vén ser aquel que, escoitando a Palabra, de seguida a recibe con alegría; pero, ó non ter raíz e ser inconstante, así que veñen as dificultades ou a persecución por causa da Palabra, de seguida abandona. O que cae na silveira, vén ser aquel que escoita a Palabra; pero as preocupacións do mundo e o engado das riquezas afogan a palabra e queda sen dar froito. Pero o que foi sementado en boa terra, vén ser aquel que escoita a Palabra e a comprende: este si que dá froito e produce nun caso cento, noutro sesenta e noutro trinta.
PALABRA REMOÍDA
A miúdo pensamos e, o que é peor, actuamos coma se a Palabra de Deus fose só un discurso a modo de retrouso que cada domingo vimos escoitar e que esquecemos ao saír da igrexa. Pero Isaías é radical: a Palabra de Deus é coma a chuvia, que non pregunta se a terra o merece, simplemente empapa e fai brotar. Socialmente, isto é un golpe sobre a mesa: a Palabra que Deus lanza non é un protocolo, é un compromiso que non admite retorno. Se a nosa fe non consegue abrandar a sequidade das listas de espera sanitarias, se non logra regar a dignidade de quen dorme na rúa ou se non é capaz de facer xermolar xustiza onde antes só había precariedade, entón non estamos escoitando a Palabra, estamos a escoitar o eco da nosa propia comodidade.
E a Palabra de Deus é eficaz porque é coidado; é esa humidade que se filtra entre o cemento e as pedras para lembrar que a vida, por máis esmagada que estea, sempre ten dereito a romper a superficie e medrar. Coidar, no Evanxeo, non é unha tarefa secundaria nin un detalle de cortesía; é a acción política e espiritual máis contundente e máis revolucionaria que existe. Cando a nosa sociedade converte a vida en números, en listas de espera ou en rendementos, o coidado aparece como a única forza capaz de romper a impermeabilidade da pedra. Coidar é, en esencia, ser esa humidade que ten a paciencia de abrandar o que o sistema endureceu. É entender que a persoa que está ao noso lado non é un problema que hai que xestionar, senón unha terra que hai que regar. E isto require escoita: non esa escoita que espera a quenda para falar, senón a que se detén, a que respecta o silencio e a que se deixa atravesar pola dor allea. Porque onde hai coidado, hai esperanza; onde hai persoas dispostas a poñer tempo e mans para soster, o 'mundo de pedra' fractúrase. O coidado non busca o resultado inmediato que esixe o mercado, senón a fidelidade paciente da persoa que sementa. Por iso ser cristiá e cristián hoxe é ser ese filtro de vida, esa presenza que, cun xesto ou cunha palabra, recorda que ninguén é territorio perdido, porque o amor é a única auga capaz de espertar a vida no deserto.
Xesús advírtenos no Evanxeo que o éxito desa sementeira depende da nosa calidade como terreo. Porque o mundo pode ser de pedra, pero se nós, como comunidade, nos deixamos compactar polas présas, polo egoísmo ou polo medo, acabamos por impermeabilizar o corazón. Ser sementadora e sementador non é repartir ideoloxía, é ter a valentía de traballar o terreo da realidade cotiá, de retirar as pedras da indiferenza e arrincar os abrollos da nosa propia autosuficiencia. Non somos donos do tempo da colleita, é certo. Pero a nosa misión social como cristiáns é ser ese elemento que suaviza a dureza. Cada vez que logramos que unha soidade sexa menos pesada, cada vez que nos detemos a escoitar a quen ninguén lle dá importancia, estamos a converter o noso 'mundo de pedra' nunha horta. Non podemos poñer diques ao Espírito. A eficacia da Palabra mide o noso compromiso: se a nosa vida non é esa chuvia que fecunda o entorno, a nosa fe queda en ruído. Malia que moitas veces o mundo nos di que o esforzo non paga a pena, nós seguiremos aquí, fieis á nosa tríada: escoitando o que o sistema cala, sementando xustiza en cada greta e esperando con paciencia revolucionaria. Seguiremos coidando, sempre coidando.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
ALENTO NO CAMIÑO
§ Onde o sistema nos esixe produtividade, nós sementamos tempo.
§ Onde a sociedade levanta muros de indiferenza, nós sementamos humidade que filtra e abranda.
§ Onde o mundo ten medo a fallar ou a perder, nós sementamos a paciencia de quen confía en que a vida, en secreto, sempre está traballando.
Non nos preocupemos se a nosa sementeira non se ve nas estatísticas ou parece pequena fronte aos grandes problemas do mundo. A parábola lémbranos que o éxito de Deus non se mide en volume, senón en fidelidade. Seremos ese terreo que se deixa romper, esas persoas que se deixan atravesar pola realidade do outro. Non buscaremos resultados inmediatos, buscaremos ser presenza.
Marchamos con esta certeza: cando escoitamos o que ninguén escoita, cando sementamos onde ninguén aposta e cando esperamos contra toda lóxica, estamos a demostrar que o Reino non é unha utopía do futuro, senón unha teimosía do presente.
Vaiamos ser sementeira, vaiamos ser humidade, vaiamos converter este mundo de pedra na horta que Deus soña.
Comentarios