Ir al contenido principal

16 domingo TO A 2026

QUEN DIXO QUE TI ES O TRIGO? EN NÓS TAMÉN CONVIVEN O TRIGO E O XOIO.

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar (Nº 2)
LECTURAS: Escoita ao Señor (Nº 15)
OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá (Nº 34)
COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida (Nº 53)

OLLOS ABERTOS

Sigue Xesús falando de sementes e de sementeiras no Evanxeo; e faino para lembrarnos que vivimos nun mundo onde o ben e o mal non van por camiños separados, senón que medran enredados na mesma terra, na mesma vida, e moitas veces, dentro do noso mesmo corazón.
Vimos aquí para que a Palabra nos ensine a distinguir o que constrúe do que destrúe, e para pedir a forza necesaria para seguir apostando polo trigo, porque aínda que por veces pareza que o xoio nos vai gañar a partida, o Reino segue medrando lento pero imparable.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

· Polas veces nas que o xoio da precariedade, do abuso de poder e da indiferenza asfixian a dignidade de tanta xente; e nós permitimos que o sistema siga o seu curso; SEÑOR, DÁNOS A TÚA LUZ PARA NON SER CÓMPLICES DA TEBRA.
· Polas ocasións nas que pasamos de ser persoas sementadoras a ser persoas xuíces; sinalando o que fan mal os demais para non ter que mirar o noso propio xoio; CRISTO, DÁNOS A TÚA LUZ PARA NON SER CÓMPLICES DA TEBRA.
· Polas veces nas que esquecemos que o noso silencio cómplice é o mellor abono para as inxustizas, SEÑOR DÁNOS A TÚA LUZ PARA NON SER CÓMPLICES DA TEBRA.

PALABRA AGASALLADA



PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA SABEDORÍA

Non hai, fóra de ti, un Deus que se considere de tódalas cousas,

a quen tiveses que probar que non xulgaches inxustamente;

Xa que o teu poder é a fonte da xustiza,

e seres ti o dono de todo lévate a amosarte indulxente.

Só fas proba da túa forza cando non se dá creto á totalidade dese poder confundindo a audacia dos que o coñecen;

así, dominando a túa forza, xulgas con equilibrio

gobernándonos con toda consideración,

pois na man te-lo poderío cando queres.

Con feitos semellantes ensinaches ó teu pobo

que ó xusto lle cómpre ser humano;

e a teus fillos décheslle-la ditosa esperanza

de concederlles despois dos pecados tempo de se arrepentir.

PALABRA DO SEÑOR



SALMO RESPONSORIAL



Ti, Señor, es bo e indulxente

Ti, Señor, es bo e indulxente,

cheo de amor para aqueles que te invocan.

Escoita, Señor, a miña súplica,

atende a miña pregaria.

Ti, Señor, es bo e indulxente

Virán, Señor, adorarte,

honra-lo teu nome.

Ti es grande e fas prodixios,

ti e-lo único Deus.

Ti, Señor, es bo e indulxente

Pero ti, Señor, es Deus compasivo e clemente,

tardo á ira, grande en amor e lealdade.

Mira para min, apiádate

Ti, Señor, es bo e indulxente

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS ROMANOS

Irmáns e irmás:

O Espírito acode a axuda-la nosa debilidade. Nós non sabemos como debemos orar para pedi-lo que convén; pero o Espírito en persoa intercede por nós con xemidos máis fondos cás palabras. E o Deus que escruta os corazóns, coñece a intención do Espírito, pois El intercede polos crentes, conforme á vontade de Deus.

PALABRA DO SEÑOR



PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Contoulles Xesús outra parábola:

- Parécese o Reino dos Ceos a un home que sementou boa semente na súa leira. Pero mentres todos durmían, o seu inimigo veu sementar xoio polo medio do trigo e marchou. Cando espigou a planta e deu trigo, apareceu o xoio tamén.

Os criados do dono fóronlle dicir:

- "Señor, ¿ti non sementaras boa semente na túa leira? ¿De onde lle vén, logo, o xoio?"

El contestoulles:

- "Isto é obra dun inimigo".

Os criados preguntáronlle:

- "¿Queres que o vaiamos arrincar?"

El respondeulles:

- "Non, non sexa que ó collérde-lo xoio arrinquedes tamén o trigo. Deixádeos medrar xuntos deica a sega, que no tempo da sega heilles dicir ós segadores: Apañade primeiro o xoio, e atádeo en mollos para queimalo; e o trigo recollédeo na miña arca".

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA REMOÍDA

· O libro da Sabedoría lánzanos unha sentenza que nos deixa ao descuberto: «ao xusto cómprelle ser humano». Parece algo evidente, pero na práctica non o é tanto. Tendemos a xustificar a falta de compaixón en nome dunha suposta "xustiza". Convertemos o dereito e a moral en protocolos fríos, en listas de normas que se deben cumprir, esquecendo que sexa na Igrexa, sexa na sociedade, o rostro concreto da persoa ten que estar no centro. Porque a xustiza sen humanidade non é xustiza; é ditadura. É o imperio do dato sobre a vida, da regra sobre o latexo. Cando un despacho ou unha institución prioriza o procedemento antes que o sufrimento da persoa que ten diante, xa non está impartindo xustiza, está exercendo poder. E a Deus non lle importa a nosa rectitude burocrática nin a nosa pureza dogmática se, polo camiño, deixamos a humanidade tirada na cuneta.
· A Igrexa, se quere ser fiel ao Evanxeo, non pode ser nunca un tribunal de contas nin un club de impecables que mide a rectitude dos demais. Se o noso xeito de ser "xustos" nos fai distantes, se nos obriga a poñer condicións á acollida ou a medir a dignidade dunha persoa polo seu lugar de nacemento, polo seu sexo, pola cor da súa pel ou pola súa idade, entón estamos a facer caricatura. Non hai xustiza sen sensibilidade ante a dor allea; non hai xustiza que soporte a luz de Deus se non é capaz de chorar con quen chora. Se a persoa non é o eixo absoluto, a nosa "xustiza" é só un instrumento de exclusión. Ser xusto é, por riba de todo, ser profundamente humano, e calquera lei que se levante contra a dignidade dun ser humano é, por definición, unha inxustiza.
· Xesús alértanos do que ocorre cando xustiza e humanidade non van da man: crémonos donos da colleita. O problema non é a existencia do xoio, o problema é a nosa soberbia. Cremos que temos o dereito —e a claridade— necesaria para distinguir, para etiquetar e, sobre todo, para purgar. Pero nesta pretensión de "limpar" o campo, caemos nunha trampa mortal: a de pensar que todo o podemos, que o noso criterio é o criterio de Deus. Queremos arrincar o xoio a toda costa, pero na nosa présa e na nosa prepotencia, levamos por diante o trigo. ¿Cantas veces, en nome dunha "rectitude" mal entendida, eliminamos persoas? ¿Cantas veces, por querer manter unha Igrexa "pura" ou un mundo "decente", marxinamos, condenamos ou pechamos portas a quen non encaixa nos nosos moldes?
· Ao tentar eliminar o que nós consideramos "xoio", esquecemos que tamén nós somos terra mesturada, e que na nosa propia vida hai zonas de sombra e de luz. Esa soberbia de xuíz é a que constrúe muros, non casas. Porque o que non entenden os que viven ansiosos por arrincar o mal, é que o Reino non se constrúe coa eliminación do outro, senón co coidado paciente do que é fráxil. Se nos dedicamos a ser xuíces, deixamos de ser sementadores. E unha Igrexa que se converte nun castelo de xuíces é, inevitablemente, unha Igrexa que mata o trigo que Deus, na súa infinita paciencia, está tentando facer medrar no barro.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Xa que non somos quen de distinguir o trigo do xoio, deixemos de xogar a ser xuíces. Ante o Señor que acolle a todas as persoas, dicimos:

LÍBRANOS DE XULGAR E ENSÍNANOS A ACOLLER

1.    Pola Igrexa: para que deixe de ser ese castelo amurallado que mide a pureza dos seus membros para converterse en casa onde ningunha persoa sexa descartada, OREMOS.

LÍBRANOS DE XULGAR E ENSÍNANOS A ACOLLER

2.    Polas nosas comunidades: para que teñan a valentía de renunciar a ser "tribunal" de ninguén, atrevéndose a ser terra fértil onde cada persoa, tamén a que consideramos "xoio", poida atopar espazo para medrar; OREMOS.

LÍBRANOS DE XULGAR E ENSÍNANOS A ACOLLER

3.    Por cada unha e cada un de nós, para que, cada vez que sintamos a tentación de sinalar ao outro, recordemos que a nosa única misión é escoitar, acoller e acompañar, OREMOS.

LÍBRANOS DE XULGAR E ENSÍNANOS A ACOLLER

Señor, que a túa misericordia sexa sempre máis grande que a nosa estreita forma de medir. Libéranos de crernos donos da verdade e axúdanos a ser, finalmente, o que ti queres que sexamos: lugar de acollida onde ningunha persoa sexa sinalada e rexeitada. P.X.N.S. Amén.

ALENTO NO CAMIÑO

Señor, non nos deixes volver á nosa vella seguridade. Déixanos saír de aquí sen a soberbia de quen se cre dono da verdade, sen o martelo do xuízo na man e sen a fouciña coa que pretendemos arrincar a vida dos demais.
Que non sexamos nós quen poñamos límites á túa misericordia. Axúdanos a comprender que, se nos dedicamos a sinalar o "xoio" alleo, acabaremos por secar o noso propio corazón. Que o noso paso polo mundo sexa un sinal de acollida, e que a túa luz nos permita ver, en cada persoa que atopemos, unha irmá que aínda ten unha historia de redención por escribir.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...