Ir al contenido principal

14 Domingo TO A 2026

O PODER QUE LIBERA: A FORZA DE QUEN NON NECESITA DOMINAR A NINGUÉN

CANTO GOZOSO

§  ENTRADA.- Unha xuntanza de amor ( 7)

§  LECTURAS.- Contade as marabillas ( 24 )

§  OFERTORIO.- Cantádella ao Señor ( 33 )

§  COMUÑÓN.- Déixate querer ( 61)

 

OLLOS ABERTOS

Benvidas e benvidos a esta mesa. Hoxe a Palabra choca frontalmente coa nosa realidade: vivimos nun sistema que nos esixe ser sempre fortes, estar sempre arriba e nunca baixar a garda. Pero neste escenario de "gañadores", Xesús lánzanos unha invitación que soa a subversión: Vinde a min as persoas cansas e oprimidas.

A súa proposta de humildade non é debilidade, é a única forza que libera. Mentres o mundo nos empurra a dominar, Xesús ensínanos que o verdadeiro poder reside en quen xa non ten nada que demostrar, nada que impoñer e nada que protexer. Vimos aquí hoxe tal e como somos: cos nosos cansazos, coas nosas feridas e coa nosa fraxilidade á vista. Vimos aprender que o seu "xugo" non aplasta, senón que nos xungue coa vida. Se a nosa fe non é un lugar de alivio para quen non pode máis, estamos a confundir o Reino de Deus cunha oficina de esixencias.

Que esta mesa sexa, hoxe, o fogar onde aprendemos que a nosa dignidade non reside en ser persoas gañadoras, senón que é agasallo do Pai.

 

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·       O profeta Zacarías lémbranos que o estilo de Deus non precisa do estrondo do poder. Polas veces nas que nos deixamos levar pola violencia, a soberbia ou o desexo de aplastar a quen camiña ao noso lado para sentirnos superiores, SEÑOR, ACOUGA A NOSA ALMA.

·       Paulo convídanos a vivir desde a liberdade do Espírito. Polas veces nas que apagamos esa voz no noso corazón, preferindo o camiño cómodo do éxito persoal e o ruído da nosa propia autosuficiencia, CRISTO, ACOUGA A NOSA ALMA.

·       Xesús chámanos a acompañar, pero preferimos impoñernos e cangar o lombo dos demais con pesadas cargas, por iso che dicimos, SEÑOR, ACOUGA A NOSA ALMA.

PALABRA AGASALLADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ZACARÍAS

 

Relouca, filla de Sión,

grita de ledicia, filla de Xerusalén.

Velaí chega o teu rei,

é xusto e protexido do Señor,

humilde e montado nun burro,

si, nun burriño fillo dunha burra.

Eu acabarei cos carros de Efraím

e cos cabalos de Xerusalén,

acabarase o arco de guerra

e El anunciará a paz ás nacións,

reinará desde un mar a outro mar,

desde o Éufrates ós confíns da terra.

PALABRA DO SEÑOR

 

SALMO RESPONSORIAL

 

Señor, bendicirei por sempre o teu nome

 

Meu Deus e meu rei, quero enxalzarte

e bendicir por sempre o teu nome.

Bendicireite o día enteiro,

louvarei por sempre o teu nome.

Señor, bendicirei por sempre o teu nome

O Señor é clemente e compasivo,

tardo á ira e rico en amor.

O Señor é bo para todos,

garimoso con tódalas súas obras.

Señor, bendicirei por sempre o teu nome

Lóuvente, Señor, as túas obras,

bendígante os teus amigos.

Pregoen a gloria do teu reino,

proclamen as túas fazañas.

Señor, bendicirei por sempre o teu nome

 

O teu reino é reino eterno,

o teu goberno dura por xeracións.

O Señor sostén a tódolos que caen

e endereita os que se dobran.

Señor, bendicirei por sempre o teu nome

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS ROMANOS

 

Irmáns e irmás:

Vivide conforme o Espírito, posto que o Espírito de Deus habita en vós: se algún non ten o Espírito de Cristo, ese non é de Cristo. Se Cristo está en vós, o voso corpo certamente está morto por culpa do pecado, mais o Espírito é vida por causa da xustiza. Se o Espírito do que resucitou dos mortos a Xesús habita en vós, o mesmo que resucitou a Cristo dos mortos vivificará os vosos corpos mortais polo seu Espírito que habita en vós.

Polo tanto, irmáns, somos de certo debedores; pero non da baixa condición, para vivirmos segundo ela. Porque, se vivides segundo a baixa condición, teredes que morrer pero, se coa axuda do Espírito mortificáde-las obras do corpo, viviredes.

 

PALABRA DO SEÑOR

 

 

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Naquel tempo dixo Xesús:

-       Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles escondiches estas cousas ós sabios e ós prudentes e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume tódalas cousas e ninguén coñece ó Fillo agás o Pai, nin coñece ó Pai agás o Fillo e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.

Achegádevos a min tódolos que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é lavadoiro e a miña carga liviá.

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA REMOÍDA

·       Zacarías lanza unha mensaxe totalmente novidosa e desarmante: o rei non chega en tanque, chega nun burro. É a demolición da nosa obsesión por medir o valor dunha persoa polo seu éxito ou a súa capacidade de impoñerse. Vivimos nun sistema que nos educa para o dominio, onde ser forte significa ter a capacidade de pisotear ou ignorar ao resto. Pero aquí está a clave que moitas veces esquecemos: quen necesita humillar, quen precisa dominar, quen ten que sentirse superior aos demais para ter a autoestima alta, non é unha persoa poderosa; é unha persoa profundamente incapaz. É alguén tan pobre por dentro, tan inseguro, que só se sostén se ten a alguén abaixo para que o seu ego non colapse. O dominio non é un signo de forza, é a proba irrefutable da nosa fraxilidade e da nosa incapacidade para establecer vínculos sans.

·       Paulo, pola súa banda, non nos fala de misticismos etéreos, senón da orientación básica que guía os nosos pasos. Vivir "segundo o Espírito" é, humanizar o noso xeito de estar no mundo. Mentres que "a carne" —ese egoísmo que nos corroe— nos empurra a ver aos demais como competidores ou como chanzos para o noso propio ascenso, o Espírito é ese alento que nos obriga a saír do noso propio embigo. Non podemos esquecer que Nada hai verdaderamente humano que non atope eco no corazón da Igrexa. Vivir no Espírito non é cumprir un protocolo relixioso, é ter a valentía de renunciar ao noso status para facerlle espazo á outra persoa. É deixar de tratar a vida como unha contabilidade de éxitos e fallos, e comezar a tratala como unha rede de coidados. Se non somos quen de saír de nós mesmos para recoñecer a dignidade de quen vai connosco, se a nosa fe non treme coas tristezas e angustias da xente, entón non estamos no Espírito, estamos no ruído da nosa propia vaidade. A vida nova comeza cando entendemos que a nosa dignidade non se mide polos nosos logros, senón pola nosa capacidade de acoller á outra persoa.

·       Ao final, Xesús lanza un órdago que moitas veces desvirtuamos: Achegádevos a min. Non é unha chamada a retirarnos do mundo nin a buscar un refuxio acolledor para fuxir dos problemas; é unha invitación a cambiar de compañeiro de viaxe. As persoas estamos esgotadas de tentar cargar coas nosas crises soas, de medirnos polo noso rendemento e de camiñar baixo o xugo dun sistema que nos oprime. O seu "vinde a min" revélanos que o verdadeiro descanso non consiste en deixar de esforzarnos, senón en deixar de facelo en solitario. El é o compañeiro de carreira que non está só na meta esperando aplausos, senón que vai na pista connosco, soportando a mesma fatiga e o mesmo peso. O seu "xugo levadeiro" non é a ausencia de dificultade, é a certeza de que a nosa carga xa non é nosa exclusivamente. Achegarse a El é, precisamente, recoñecer que xa non temos que demostrar nada a ninguén; é a liberdade de quen descobre que, en medio da carreira de fondo que é a vida, non imos á deriva, senón sostidas e sostidos por un amor que non cambia de opinión nin nos abandona cando as forzas fallan.

 

 

 

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Xesús convídanos a camiñar ao seu carón, sen o peso esgotador das nosas máscaras e da nosa soberbia. Con esta confianza, achegamos as necesidades que nos asfixian e a esperanza que nos mantén en pé dicindo:

GRAZAS, SEÑOR, POR SOSTERNOS CO TEU AMOR

1.    Pola Igrexa: para que deixe de vivir instalada na súa propia burbulla de autoridade e aprenda, de verdade, que é lugar de acollida e non de xuízo, OREMOS.

2.    Polas nosas comunidades: para que non sexan grupos que exclúen ou clasifican ás persoas, senón espazos onde a nosa canseira se converta en compromiso para que ninguén teña que cargar co seu peso en solitario, OREMOS.

3.    Por Venezuela: polas vítimas e as familias que sofren as feridas causadas polos terremotos; que a solidariedade e a axuda non se deteñan e que, entre tanta destrución e medo, sintan que non están abandonadas, OREMOS.

4.   Por cada unha e cada un de nós, que moitas veces intentamos demostrar que o podemos todo para non amosar a nosa fraxilidade. Para que atopemos a valentía de tirar a máscara e permitamos que os demais nos axuden a cargar o noso xugo, OREMOS.

Señor, ti que coñeces a nosa fatiga e os nosos esforzos inútiles por ser os primeiros, axúdanos a camiñar ao teu paso. Que o teu amor sexa a nosa única medida e a nosa forza constante, para que a nosa vida non sexa unha carreira de supervivencia, senón un camiño compartido de liberdade e esperanza. P.X.N.S. Amén.

ALENTO NO CAMIÑO

·       Xesús díxonos que o seu xugo é levadeiro, pero a realidade que atoparemos fóra está chea de pesos imposibles.

·       Xesús díxonos que descansásemos nel, pero non para quedar inmóbiles, senón para recuperar a forza de seguir camiñando.

·       Xesús díxonos que non carguemos con pesos que nos asfixian; por iso, ao saír, deixemos na porta a nosa soberbia e a nosa necesidade de parecer invencible.

·       Xesús díxonos que o amor non é un sentimento, é a decisión de non permitir que ninguén camiñe agobiado á nosa beira.

Vaiamos e busquemos á persoa cansa e sexamos a súa forza. Non deixemos que ninguén cargue en solitario coa súa cruz.

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...