Ir al contenido principal

Santiago Apóstolo 2026

 SER FENDA POR ONDE A LUZ SE ABRE PASO

 CANTO GOZOSO

 

ö ENTRADA: Eu soñei                   (58)

ö LECTURAS: As túas palabras      (113)

ö OFERTORIO: Na nosa terra     (36)

ö COMUÑÓN: No colo da miña nai (49)

ESCOITA ACTIVA                                                                                                  

A festa do Apóstolo Santiago é moito máis que unha data no calendario; é o latexo compartido de todo un pobo que se recoñece na súa historia. Hoxe paramos o noso camiñar para volver a casa, para recoñecer que somos froito dunha terra que nos fala a través da nosa lingua, da nosa cultura e dun xeito único de entender a vida. Dar grazas a Deus pola fe recibida non é só mirar ao ceo, é mirar as mans dos nosos avós e das nosas avoas, a suor de quen traballou esta terra e a resiliencia das persoas que souberon manter viva a chama da dignidade cando todo parecía esmorecer.

Non esquecer as nosas raíces é o único xeito de non perder o rumbo. Porque só quen sabe de onde vén, quen é capaz de nomear o mundo na lingua na que aprendeu a dicir "mamá", ten a forza necesaria para abrirse ao universal sen desnaturalizarse. Somos terra de camiñantes, de emigración e de volta, de ollos postos no horizonte pero cos pés ben fondados na nosa tradición.

A nosa lingua e a nosa cultura non son muros para protexernos, son pontes para acoller. Que este día sexa para renovar o noso compromiso: ser unha Igrexa de portas abertas, galega na forma e universal no corazón, onde a dignidade de cada persoa sexa o tesouro que máis coidamos.

CORAZÓN FERIDO

·       Polas veces nas que esquecemos a memoria agradecida dos nosos antepasados; SEÑOR, QUE AS NOSAS RAÍCES DEAN FROITO DE FRATERNIDADE.

·       Polas veces nas que non facemos da nosa lingua motivo de orgullo e ferramenta para construír fraternidade, CRISTO, QUE AS NOSAS RAÍCES DEAN FROITO DE FRATERNIDADE.

·       Polas veces nas que a dispoñibilidade e o servizo non foron motor das nosas accións, SEÑOR, QUE AS NOSAS RAÍCES DEAN FROITO DE FRATERNIDADE.

PALABRA AGASALLADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

Os apóstolos daban testemuño da resurrección do Señor Xesús con gran poder, e todos gozaban de grande estimación.

Por medio dos apóstolos facíanse moitos sinais e prodixios entre o pobo.

Cando os trouxeron, presentáronnos ante o Sanedrín. O sumo sacerdote interrogounos dicindo:

© Prohibirámosvos formalmente ensinar nese nome, e con todo, enchedes Xerusalén coa vosa doutrina e queredes cargar sobre nós a sangue dese home.

Pedro e os apóstolos responderon:

© Hai que obedecer a Deus antes que aos homes. O Deus dos nosos pais resucitou a Xesús, a quen vós matastes pendurándoo dun madeiro. Deus exaltouno á súa dereita, facéndoo Xefe e Salvador, para conceder a Israel a conversión e o perdón dos pecados. Nós somos testemuñas distas cousas, nós e o Espírito Santo que Deus deu aos que lle obedecen.

Ao oír isto, enchéronse de rabia e querían matalos.

Naquel tempo, o rei Herodes botou man dalgúns membros da Igrexa para maltratalos, e fixo pasar a espada a Santiago, irmán de Xoán.

PALABRA DO SEÑOR

SALMO RESPONSORIAL

Os que entre bágoas sementan, entre cantares recollen.

Cando vire o Señor a sorte de Sión,

estaremos coma en soños.

Terémo-la boca chea de risos

e a lingua de cantares.

Os que entre bágoas sementan, entre cantares recollen.

Os pagáns dirán entón:

-"O Señor fai con eles cousas grandes".

O Señor fai connosco cousas grandes,

estamos cheos de alegría.

Os que entre bágoas sementan, entre cantares recollen.

Vira, Señor, a nosa sorte,

coma os regatos no deserto.

Os que entre bágoas sementan,

entre cantares recollen.

Os que entre bágoas sementan, entre cantares recollen.

Cando van, van chorando

os que levan a semente.

Ó viren, veñen cantando

os que traen os monllos.

Os que entre bágoas sementan, entre cantares recollen.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

Irmáns e irmás:

Levamos ese tesouro en vasos de barro. E así esa forza tan extraordinaria aparece como forza de Deus, e non nosa. Apértannos por todas partes, mais non nos esmagan; andamos en apuros mais non desesperados; andamos perseguidos pero non abandonados; derrúbannos pero non nos rematan. Por todas partes levamos no noso corpo a morte de Xesús, para que a vida de Xesús se manifeste tamén no noso corpo. Porque a nós, estando vivos, entrégannos decote á morte por causa de Xesús, para que tamén a vida de Xesús se manifeste na nosa carne mortal. E así a morte actúa en nós, e a vida en vós.

Mantendo, sen embargo, o mesmo espírito de fe, segundo o que está escrito ''creo e por iso falo'', tamén nós cremos e por iso falamos. Porque sabemos que Aquel que resucitou a Xesús nos ha resucitar tamén a nós con Xesús e nos ha colocar convosco onda El. Todo isto acontece por causa vosa, de modo que, ó estenderse a gracia, se multiplique o número dos agradecidos, para gloria de Deus.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 Achegóuselle a Xesús a nai dos fillos do Zebedeo cos seus fillos, postrándose para pedirlle algo. El preguntoulle:

© ¿Que queres?

Respondeulle:

© Manda que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e outro á túa esquerda no teu Reino.

Respondeulle Xesús:

© Non sabéde-lo que pedides. ¿Poderedes bebe-lo cáliz que eu teño que beber?

Respondéronlle:

© Podemos.

Xesús replicou:

© O meu cáliz beberédelo; pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min concedelo: é para quen o meu Pai o ten preparado.

O escoitaren isto os outros dez, anoxáronse todos cos dous irmáns. Entón Xesús chamou por eles e díxolles:

© Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan, e os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos: quen queira ser importante, que sirva ós demais; e quen queira se-lo primeiro, que sexa o máis servicial; porque o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entrega-la súa vida en rescate por todos.

PALABRA DO SEÑOR

 

PALABRA REMOÍDA

© Os apóstolos non subiron ao estrado para dar un discurso bonito ou quedar ben con ninguén. A súa presenza ante o Sanedrín era un auténtico choque: non aceptaban as regras dun sistema que silenciaba a verdade e oprimía a quen tiña menos. Santiago pagou coa súa vida por non calar, por non ceder. Hoxe, a nosa tentación é converter a fe nun adorno cultural, nunha tradición que nos fai sentir ben sen obrigarnos a cambiar nada. Pero o legado de Santiago é unha pedra no zapato: a nosa identidade galega só é evanxélica se nos empurra a ser incómodos. Se a nosa cultura non levanta a voz contra a xenofobia, se a nosa lingua non se pon ao servizo de quen ten a boca tapada polo sistema, entón estamos a gardar o Apóstolo nunha vitrina. Ser testemuña non é ocupar un posto de honra, é ter a valentía de ser, como el, unha voz que non se deixa silenciar ante a humillación do irmán e da irmá.

© Paulo ten unha intuición que nos pega de cheo: "levamos este tesouro en vasos de barro". Non somos mármore nin granito, materiais que impoñen e que non se deixan tocar. Somos barro. E a nosa terra, tan nosa, fainos entender isto mellor que ninguén: o barro é a materia da que estamos feitos, a que nos mancha as mans cando labramos e a que nos acolle cando rematamos o camiño. Moitas veces, o noso erro é querer cubrirnos cun verniz de superioridade ou de orgullo; pero ao endurecernos, o que facemos é rachar antes. A nosa forza real —a que nos permitiu sobrevivir a tantas crises e emigracións— non nace de crernos inquebrantables, senón de saber que somos vulnerables. Un vaso de barro só serve se ten oco para o que o necesita; se o pechamos, deixamos de ser útiles. Por iso, a nosa identidade non é unha armadura, é a nosa capacidade de ser terra fértil: quen sabe que é barro, non ten medo a mancharse as mans servindo ao camiñante. Somos tan pequenos e fráxiles que o tesouro de Deus —a súa luz, a súa acollida— brilla precisamente porque se deixa ver a través das nosas fendeduras.

© A escena do Evanxeo é un espello onde nos debemos mirar. A nai dos Zebedeo soñaba con tronos e privilexios para os seus fillos; é a nosa tentación de sempre: querer mandar, querer destacar, querer que a nosa cultura e a nosa Igrexa ocupen sempre o lugar central. Pero Xesús, con esa calma que desarma, revólvenos todo: o "poder" non se mide pola cantidade de xente que nos obedece, senón pola cantidade de xente á que somos quen de servir. En Galicia, a "xuntanza" foi sempre o noso xeito de sobrevivir e de crear comunidade. Pois ben, iso, levado ao Evanxeo, significa que a nosa pertenza a esta terra obríganos a ser os últimos da fila. Beber o cáliz de Xesús hoxe non é ir ao martirio lonxano, é ter a humildade de lavar os pés aos novos camiñantes, de entender o seu relato e de facerlles un oco na nosa mesa. Se a nosa fe non se traduce en mans ocupadas servindo aos que o mundo descarta, entón non estamos a seguir a Xesús; estamos a fabricar unha relixión á nosa medida.

FRATERNIDADE ORANTE

Non estamos aquí para contemplar o panorama, senón para facernos cargo del. Seguindo o rastro de Santiago, pedímoslle ao Pai que a nosa presenza neste mundo teña peso e sentido. Respondemos dicindo:

SEÑOR, QUE A NOSA VIDA SEXA FONTE PARA QUEN TEN SEDE.

ö  Pola Igrexa, hoxe especialmente pola Igrexa galega; para que deixe de ser un recinto pechado nas súas propias normas e se converta nunha casa onde quen chega cansado poida beber a dignidade que o mundo lle nega, OREMOS.

SEÑOR, QUE A NOSA VIDA SEXA FONTE PARA QUEN TEN SEDE.

ö  Para que nas parroquias e nos grupos non nos limitemos a manter as estruturas, senón que saibamos escoitar as novas sedes, as novas preguntas e as feridas que moitos agochan na nosa propia veciñanza, OREMOS.

SEÑOR, QUE A NOSA VIDA SEXA FONTE PARA QUEN TEN SEDE.

ö  Para que saibamos valorar a nosa lingua e a nosa cultura non como obxectos de museo, senón como sinal de identidade, sendo conscientes de que son un tesouro que nos foi entregado non para gardar, senón para transmitir con orgullo a quen chega e a quen vén detrás, OREMOS.

SEÑOR, QUE A NOSA VIDA SEXA FONTE PARA QUEN TEN SEDE.

Pai, non permitas que a nosa fe se converta en algo estéril ou decorativo. Que a nosa vida non sexa un pozo pechado, senón unha fonte viva onde todas as persoas que buscan sentido poidan atopar un pouco de frescura e acollida. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Santiago non é un destino, é a nosa maneira de entender a vida: camiñar, cargar, estar.

Somos terra de raíces profundas e de historia escrita co esforzo de quen nos precedeu. Esa é a nosa herdanza: non un tesouro para gardar, senón un servizo que manter vivo. A nosa lingua e a nosa cultura non son máis que a nosa forma de ser comunidade, o xeito en que nos recoñecemos e nos estendemos a man.

Na nosa propia fraxilidade —a de cada persoa que hoxe camiña por esta terra— atopamos a forza para non quedar paradas nin parados. Non viñemos a acumular, viñemos a servir.

Que ao cruzar este limiar, o noso compromiso sexa honrar esa historia: ser fonte, ser camiño e, sobre todo, ser presenza constante para quen nos rodea.

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...