“EU NUNCA ME ESQUECEREI DE TI”
(VI XORNADA MUNDIAL DAS PERSOAS AVOAS E MAIORES)
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar (Nº 2)LECTURAS: Escoita ao Señor (Nº 15)
OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá (Nº 34)
COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida (Nº 53)
OLLOS ABERTOS
Hoxe celebramos a VI Xornada Mundial das Persoas Avoas e Maiores facendo nosa a promesa que Deus nos lembra hoxe: 'Eu nunca me esquecerei de ti'.A Palabra fálanos esta mañá de atopar tesouros de valor incalculable. A nosa comunidade proclama hoxe que ese tesouro, moitas veces agochado na fraxilidade, ten rostro: o rostro de quen nos precede, gardián da nosa memoria e mestre da nosa vida. Hoxe non queremos que ninguén —especialmente quen se sente lonxe, quen está nunha residencia ou vive na soidade dunha habitación— se sinta esquecido. Hoxe, a nosa Igrexa quere ser, máis que nunca, esa man que agarima e ese corazón que se fai samaritanía.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
Por vivir a nosa fe na superficie e non descubrir nela o tesouro que nos enriquece: SEÑOR, DANOS UN CORAZÓN ESCOITADORPolas ocasións nas que tratamos a fraxilidade de quen nos precedeu coma se fose un estorbo; CRISTO, DÁNOS UN CORAZÓN ESCOITADOR.
Pola nosa indiferenza ante a historia que gardan e que xa non queremos escoitar, pois a nosa soberbia fainos crer que non nos poden ensinar nada, SEÑOR, DANOS UN CORAZÓN ESCOITADOR.
PALABRA AGASALLADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
En Gabaón aparecéuselle Deus, no soño da noite, a Salomón e díxolle:- "Pídeme o que queiras".
E dixo Salomón:
- Señor, meu Deus, que fixeches que o teu servo reinase despois de meu pai David, sendo eu un rapaz pequeno, que non sabe nin conducirse. O teu servo atópase no medio deste pobo escollido por ti, un pobo grande e numeroso, que non se pode contar nin estimar. Concédelle, pois, ó teu servo un corazón escoitador, que saiba gobernar ben o teu pobo e distinguir o ben e o mal. ¿Quen, se non, podería gobernar este pobo tan grande?"
O Señor pareceulle ben que Salomón pedise aquilo. E díxolle:
- "Xa que pediches isto e non pediches para ti mesmo vida longa, nin riquezas, nin a vida dos teus inimigos, senón que pediches acerto para ben gobernar, vouche conceder o que pediches: unha mente sabia e intelixente, coma non a houbo antes de ti nin a haberá tampouco despois.
PALABRA DO SEÑOR
SALMO RESPONSORIAL
Canto amo, Señor, a túa Lei!A miña sorte é o Señor:
eu propoño observa-la túa palabra.
A túa vontade é para min mellor
ca milleiros de ouro e prata.
Canto amo, Señor, a túa Lei!Que o teu amor me console,
conforme llo prometiches ó teu servo.
Que a túa piedade veña a min e vivirei;
a túa lei é a miña alegría.
Canto amo, Señor, a túa Lei!Eu amo os teus mandamentos,
por riba do ouro máis puro.
Guíome polas túas normas
e aborrezo o camiño da mentira.
Canto amo, Señor, a túa Lei!A túa revelación é admirable,
por iso eu a observo.
A ensinanza da túa palabra reloce,
fai sabios ós ignorantes.
Canto amo, Señor, a túa Lei!
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS ROMANOS
Irmáns e irmás:Sabemos que todo colabora para o ben dos que aman a Deus, dos que foron escolleitos segundo os seus designios. Pois El distinguiunos primeiro e predestinounos a reproducírmo-la imaxe do seu Fillo, de tal maneira que el sexa o primoxénito entre moitos irmáns. E a eses que predestinou, tamén os chamou; e a eses que chamou, tamén os xustificou; e a eses que xustificou, tamén lles deu a súa gloria.
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dilles Xesús ás multitudes:- O Reino dos Ceos é semellante a un tesouro agachado nunha leira: o home que o atopou vólveo a agachar; e, cheo de alegría, vai vender canto ten para mercar aquela leira.
Tamén se parece o Reino dos Ceos a un tratante de perlas finas: en atopando unha de grande valor, foi vender canto tiña e mercouna. Do mesmo xeito é semellante o Reino dos Ceos a un aparello de rapeta largado no mar, que recolleu peixes de tódalas castes. Unha vez cheo, tiran por el para a ribeira e, sentados, escollen os bos nun queipo e os malos tiran con eles. Así será na fin do mundo: sairán os anxos e arredarán os malos dos xustos para botalos no forno do lume; alí será o pranto e o renxer dos dentes. Entendedes todo isto?
Eles responderon:
- Entendemos.
El concluíu:
- Por iso todo letrado que se fai discípulo do Reino dos Ceos parécese ó dono dunha casa que saca das súas arcas o novo e mailo vello.
PALABRA DO SEÑOR
PALABRA REMOÍDA
Salomón, no albor da súa mocidade, non pide ao Señor nin unha longa vida de éxitos, nin a derrota dos seus inimigos, nin riquezas. Pide un "corazón escoitador". Esta é a lección mestra que os nosos maiores nos deixan. Moitas veces, o mundo corre, atropela e é incapaz de deterse porque está cheo de ruído interno. A vellez, pola contra, é o tempo privilexiado onde o ruído da ambición, da carreira por conseguir cousas ou da competitividade esmorece. O que queda no fondo é a capacidade de escoitar o esencial. Os nosos avós e as nosas avoas, as persoas maiores posúen esa sabedoría silenciosa: saben ler os silencios, saben o valor dunha palabra a tempo e teñen esa mirada longa que non se perde no inmediato. Ao pedirmos un corazón escoitador, estamos a pedirlles prestada a súa propia alma, esa capacidade de non deixar que a vida pase por riba de nós sen sentila, sen comprendela e sen poñela nas mans de Deus.Paulo recórdanos unha verdade que, co paso do tempo, cobra un matiz especial: "Todo serve para o ben dos que aman a Deus". Se nos sentamos a escoitar a vida dunha persoa maior, atoparemos unha crónica de loitas, de perdas, pero tamén de fidelidades inquebrantables. A súa historia non é unha suma de accidentes, senón un tecido onde Deus foi labrando a súa imaxe. A fraxilidade, as limitacións físicas ou a memoria que se apaga non son o final da súa dignidade; son o proceso polo cal a súa vida se vai conformando á imaxe de Xesús. Eles ensínannos que a nosa vida non ten valor polo que somos capaces de producir ou de facer, senón polo amor co que aceptamos ser transformados por Deus. Ser maior é, en definitiva, ter a oportunidade de entregar a propia vida tal e como é, confiando en que Deus non desperdicia ningunha bágoa nin ningún esforzo.
Xesús fálanos do Reino dos Ceos como un tesouro agochado no campo. A nosa sociedade, obsesionada coa eficiencia e a mocidade, tende a desbotar o que non brilla con luz propia ou o que non rende ao cen por cen. A miúdo, cometemos o erro de ver a vellez como unha carga, como ese campo aparentemente baleiro ou inútil. Pero o Evanxeo obríganos a cambiar a mirada: o tesouro está alí, ás veces agochado baixo capas de soidade, de silencios longos ou de fraxilidade corporal. O verdadeiro tesouro dunha comunidade non son os seus proxectos, senón as persoas que gardan a memoria do amor de Deus na súa historia. Cando nos achegamos a un maior, cando dedicamos tempo a visitalo ou simplemente a escoitalo, estamos a vender "todo o que temos" —a nosa présa, o noso egoísmo— para comprar ese campo. Descubrimos que neles está a nosa raíz e a nosa verdade. Hoxe, proclamamos que eles non son un pasado que recordar, senón un tesouro presente que temos a obriga de protexer, valorar e venerar.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Ao presentarnos ante o Señor, que nos prometeu que nunca nos esquecería, poñemos nas súas mans as necesidades da nosa comunidade e das nosas familias, pedindo a graza de ter un corazón atento á voz de Deus que fala a través dos nosos maiores. Por iso dicimos:SEÑOR, QUE NUNCA ESQUEZAMOS AOS NOSOS MAIORES
1. Pola Igrexa, para que sexa sempre o fogar onde se valore a experiencia e a memoria, e nunca permita que a fraxilidade sexa motivo de exclusión; OREMOS.
SEÑOR, QUE NUNCA ESQUEZAMOS AOS NOSOS MAIORES
2. Polas nosas comunidades, para que saibamos recoñecer o tesouro que son os nosos maiores e nos sintamos chamados a acompañalos na súa fraxilidade, OREMOS.
SEÑOR, QUE NUNCA ESQUEZAMOS AOS NOSOS MAIORES
3. Polas persoas maiores das nosas familias e da nosa contorna, para que sempre sintan a nosa proximidade e o agarimo de Deus na nosa man tendida; OREMOS.
SEÑOR, QUE NUNCA ESQUEZAMOS AOS NOSOS MAIORES
4. Por cada unha e cada un de nós, para que, venzamos a tentación da indiferenza e dediquemos tempo a escoitar a sabedoría que habita no corazón de quen nos precede, OREMOS.
SEÑOR, QUE NUNCA ESQUEZAMOS AOS NOSOS MAIORES
Señor, ti que sempre nos escoitas con paciencia e amor, acolle estas nosas súplicas. Infunde en nós o teu Espírito para que o noso corazón non se peche nunca e saiba recoñecer en cada persoa, especialmente nas máis maiores, o tesouro incalculable do teu Reino. P.X.N.S. Amén.
ALENTO NO CAMIÑO
Pai Santo,ti que protexes a todas as persoas,
protexe aos nosos maiores.
Ti fixeches que coñecésemos, en Cristo, o teu Nome.
Ti non te escandalizaches das nosas fraxilidades.
Ti gárdasnos nas túas mans,
ti agarimas as nosas engurras.
¡Ti nunca te esquecerás de nós! (cf. Is 49,15).
Fai que non teñamos medo da nosa debilidade;
fai que saibamos amala, como ti a amas;
fai que saibamos escoitala, como ti a escoitas;
fai que poidamos escollela, como ti a escolliches,
ti que, sendo poderoso, te revestiches de humildade.
Fai que ser maiores nos desposúa de toda presunción e de toda división,
para vivir estes anos unidos en Ti.
¡Que ti nunca nos esquecerás! (cf. Is 49,15).
E fai que nós, como Igrexa, saibamos ser hoxe o teu corazón escoitador, o teu abrazo próximo e o teu recoñecemento agradecido cara aos nosos maiores. Que a súa memoria sexa sempre a nosa guía e o seu tesouro, a nosa maior riqueza.
Comentarios